12/01/10

‘Déjame entrar’

Esta é a nota de prensa enviada hoxe aos medios (se queres recibir información sobre as actividades do Cineclube, únete ao grupo de correo en http://groups.google.es/group/cineclubepf ou a través de Facebook)

O CICLO «NOVAS OLLADAS AO CINEMA FANTÁSTICO» COMEZA CO FILME ‘DÉJAME ENTRAR’

Mañá, mércores 13 de xaneiro, o Cineclube Padre Feijoo e Cinebox Ourense presentan o filme sueco Déjame entrar (Låt den rätte komma in), dirixido por Tomas Alfredson, dentro do ciclo «Estreas en Versión Orixinal 8: Novas olladas ao cinema fantástico». O filme conseguiu multitude de galardóns en festivais de todo o mundo, como o premio á Mellor Película no Festival de Tribeca (o festival promovido por Robert De Niro e auspiciado, entre outros, por Martin Scorsese) e o Gran Premio do Festival de Sitges de 2008. Os pases serán ás 20.30 e 23.00 horas, no Cinebox Ourense (Centro Comercial Ponte Vella); as entradas serán de 4,00 euros (3,00 euros no caso de estudantes con carné universitario).


O presente ciclo conta co apoio da Concellaría de Cultura do Concello de Ourense, así como da Federación de Cineclubes de Galicia, da Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia e da Vicerreitoría do Campus de Ourense.


Déjame entrar
conta a historia de Oskar, un rapaz de 12 anos que sofre continuamente o acoso dalgúns compañeiros da súa clase. O seu desexo de ter un amigo parece facerse realidade cando coñece a Eli, unha nena da súa mesma idade que acaba de mudarse á casa do lado. Pero Eli é unha nena misteriosa: é moi seria, está moi pálida, só sae polas noites e aparentemente non lle afectan as temperaturas xeadas. Unha serie de desaparicións e asasinatos inexplicábeis coinciden coa chegada da rapaza.


O filme aborda de forma orixinal e sen truculencia o mito do vampirismo desde a perspectiva infantil, e recibiu todo tipo de eloxios. O diario El País definíaa como «unha pequena peza de ourivaría»; El Periódico de Catalunya, pola súa parte, como «unha desas marabillas que logrará traspasar o limiar do tempo»; a revista Imágenes de Actualidad dicía que é «sobria, poética, inquietante, terrorífica, intimista; sen dúbida, o mellor filme fantástico da temporada»; e Cahiers du Cinéma resumíaa coa frase «fermoso conto vampírico».
Publicar un comentario