26/01/10

‘Moon’

Esta é a nota de prensa enviada hoxe aos medios (se queres recibir información sobre as actividades do Cineclube, únete ao grupo de correo en http://groups.google.es/group/cineclubepf ou a través de Facebook)

O CICLO DE CINEMA FANTÁSTICO
FINALIZA CO FILME ‘MOON’

Mañá, mércores 27 de xaneiro, o Cineclube Padre Feijoo e Cinebox Ourense presentan a película británica Moon, dirixida por Duncan Jones, dentro do ciclo «Estreas en Versión Orixinal 8: Novas olladas ao cinema fantástico». O filme foi seleccionado para os prestixiosos festivais de Sundance e Tribeca, e obtivo os premios ao mellor filme, mellor guión, mellor actor e mellor deseño de produción no Festival de Sitges de 2009. Os pases serán ás 20.30 e 23.00 horas, no Cinebox Ourense (Centro Comercial Ponte Vella); as entradas serán de 4,00 euros (3,00 euros no caso de estudantes con carné universitario).


O presente ciclo conta co apoio da Concellaría de Cultura do Concello de Ourense, así como da Federación de Cineclubes de Galicia, da Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia e da Vicerreitoría do Campus de Ourense.


Moon
é unha historia de ciencia ficción no sentido máis xenuíno da súa definición. Nela, un mineiro é enviado á Lúa coa misión de extraer un gas que salvará a Terra da crise enerxética que atravesa; tras pasar tres anos só na base lunar, afastado da súa familia, está a punto de regresar ao seu fogar, mais comeza a sufrir unha serie de estrañas visións.


A crítica Desirée De Fez, na revista Fotogramas, comentaba ao respecto deste filme: «Duncan Jones sitúa a súa primeira longametraxe nun estimulante intermedio entre a ciencia-ficción e o drama de cámara», e compáraa con Código 46, de Michael Winterbottom, Primer, de Shane Carruth, e ¡Olvídate de mí!, de Michel Gondry. Finalizado este primeiro ciclo do ano, o Cineclube ten preparado para febreiro un dedicado ao cinema latinoamericano, cos filmes Gigante, La teta asustada e La buena vida.

Ningún comentario: