29/01/10

Cinema latinoamericano

Esta é a nota de prensa enviada hoxe aos medios (se queres recibir información sobre as actividades do Cineclube, únete ao grupo de correo en http://groups.google.es/group/cineclubepf ou a través de Facebook)

O CICLO DE ESTREAS DE FEBREIRO
ESTARÁ DEDICADO AO CINEMA LATINOAMERICANO


O mércores 3 de febreiro ponse en marcha o ciclo «Cinema Latinoamericano», dentro da programación mantida polo Cineclube Padre Feijoo, en colaboración con Cinebox Ourense. Chégase así ao noveno dos ciclos da serie «Estreas en Versión Orixinal».

Os pases, como vén sendo habitual, serán ás 20.30 e ás 23.00 horas, no Cinebox Ourense (Centro Comercial Ponte Vella), e as entradas serán de 4,00 euros (3,00 euros no caso de estudantes con carné universitario). Para o ciclo cóntase co apoio da Concellaría de Cultura do Concello de Ourense, así como da Federación de Cineclubes de Galicia, da Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia e da Vicerreitoría do Campus de Ourense.


O ciclo «Cinema Latinoamericano» compóñeno tres películas actuais de procedencias moi diversas. O 3 de febreiro exhibirase o filme uruguaio Gigante, dirixido por Adrián Biniez e premiado en Berlín e San Sebastián, que conta unha pequena historia de atracción entre un vixilante de seguridade e unha muller da limpeza nun hipermercado. O 10 de febreiro será a vez para a película peruana La teta asustada, que a través dunha historia intimista reflexiona sobre as consecuencias do terrorismo do grupo Sendero Luminoso. Dirixida por Claudia Llosa, recibiu o Oso de Ouro do Festival de Berlín. Pechará o ciclo, o 27 de febreiro, a fita chilena La buena vida, de Andrés Wood, o celebrado director de Machuca e La fiebre del loco. Entre outros galardóns, esta película obtivo o Premio Goya 2009 ao mellor filme hispanoamericano.


Unha viaxe, pois, pola zona meridional do continente americano, que dá a oportunidade de ver unha parte importante do mellor cinema que se fai no momento.



• Mércores 3 de febreiro de 2010 • Cinebox Ourense, 20.30 e 23 h

Gigante

Gigante.
Uruguai/Alemaña/Arxentina/Holanda, 2009. Cor, 90 min • Dirección e guión: Adrián Biniez • Produción: Fernando Epstein, Agustina Chiarino (Control Z Films, Rizoma Films, Pandora Films) • Fotografía: Arauco Hernández • Montaxe: Fernando Epstein • Música: Adrián Biniez • Intérpretes: Horacio Camandule (Jara), Leonor Svarcas (Julia), Néstor Guzzini (Tomás), Federico García (Matías), Fabiana Charlo (Mariela), Ernesto Liotti (Danilo), Diego Artucio (Omar), Carlos María Lissardy (Kennedy), Nacho Mendy (Miguel), Augusto Peloso (Rojas), Andrés Gallo (Fidel). Estrea no Uruguai: 22/5/2009 • Estrea en España: 2/10/2009. Versión orixinal en español.


• Festival de Berlín 2009: Oso de Prata ex aequo; Mellor primeira obra; Premio Alfred Bauer

• Festival de San Sebastián 2009: Premio Horizontes

• Festival de Chicago 2009: Hugo de Ouro

• Festival da Habana 2009: Segundo Premio Gran Coral
• Festival de Lima 2009: Premio Especial do Xurado

Web oficial (español): http://www.golem.es/gigante/


Jara, un garda de seguridade da quenda de noite nun hipermercado, namórase dunha limpadora a que espía a través das cámaras de vixilancia. Axiña a vida de Jara se converte nunha serie de rituais e rutinas arredor dela e o seu desexo de coñecela.


• Mércores 10 de febreiro de 2010 • Cinebox Ourense, 20.30 e 23 h

La teta asustada

La teta asustada.
España/Perú, 2009. Cor, 94 min • Dirección e guión: Claudia Llosa • Producción: Antonio Chavarrías, José María Morales, Claudia Llosa (Wanda Visión, Oberon Cinematográfica, Vela Producciones) • Fotografía: Natasha Braier • Montaxe: Frank Gutiérrez • Música: Selma Mutal • Intérpretes: Magaly Solier (Fausta), Susi Sánchez (Aída), Marino Ballón (tío Lúcido), Efraín Solís (Noé), Bárbara Lazón (Perpetua), María del Pilar Guerrero (Máxima), Delci Heredia (Carmela), Karla Heredia (Severina), Fernando Caycho (Melvin), Edward Llungo (Marcos) • Estrea en España: 13/2/2009. Versión orixinal en español e quechua.


• Festival de Berlín 2009: Oso de Ouro, Premio Fipresci

• Festival de Guadalajara 2009: Mellor filme, Mellor actriz (Magaly Solier)
• Festival da Habana 2009: Primeiro premio Gran Coral, Mellor dirección artística

• Festival de Cinema Latinoamericano de Lima 2009: Mellor filme peruano, Mellor actriz (Magaly Solier)

• Festival de Novo Cinema de Montreal 2009: Premio á actuación (Magaly Solier), Premio da crítica de Quebec


Novo filme da directora de ‘Madeinusa’. Fausta padece da «teta asustada», unha enfermidade que se transmite polo leite materno de mulleres maltratadas durante a época do terrorismo no Perú. Os infectados nacen sen alma, porque do susto se escondeu na terra, e cargan un terror atávico que os illa por completo. Mais Fausta agacha algo máis, garda un segredo que non quere revelar, até que a súbita morte da súa nai desencadea feitos inesperados que transformarán a súa vida e a de outros.


• Mércores 24 de febreiro de 2010 • Cinebox Ourense, 20.30 e 23 h

La buena vida

La buena vida.
Chile/Arxentina/España/Francia, 2008. Cor, 96 min • Dirección: Andrés Wood • Produción: Andrés Wood, Mamoun Hassan, Gerardo Herrero, Diego Dubcovsky (Andrés Wood Producciones, DB Cine, Tornasol Films, Paraíso Production, Chilefilms) • Guión: Mamoun Hassan, Andrés Wood, baseado nun argumento de Rodrigo Bazaes • Fotografía: Miguel Littin • Montaxe: Andrea Chignoli • Música: José Miguel Miranda, José Miguel Tobar • Intérpretes: Aline Küppenheim (Teresa), Manuela Martelli (Paula), Eduardo Paxeco (Mario), Roberto Farías (Edmundo), Manuela Oyarzún (Esmeralda), Paula Sotelo (Patricia), Néstor Corona (Gabriel), Daniel Antivilo (Ramón), Alfredo Castro (Jorge), Bélgica Castro (Leonor), Francisco Acuña (Lucas), Jorge Alis (Raúl), Luis Roque • Estrea en Chile: 14/8/2008 • Estrea en España: 3/4/2009. Versión orixinal en español.


• Festival da Habana 2008: Mención especial

• Festival de Cinema Latinoamericano de Huelva 2008: Mellor filme

• Festival de Cinema Latinoamericano de Lleida 2008: Mellor director

• Festival de Biarrtiz 2008: Mellor actriz (ex æquo, Aline Küppenheim e Manuela Oyarzún), Mellor actor (Roberto Farías)

• Festival de Cartagena (Colombia) 2009: Mellor filme
• Premios Goya 2009: Mellor filme hispanoamericano


Web oficial (español): http://www.labuenavidapelicula.cl/

Santiago de Chile, 2008. Teresa, Edmundo, Mario e Patricia son catro habitantes da cidade, cuxas vidas se entrecruzan en medio de bucinadas, freadas e alarmas de vehículos, pero que dificilmente chegan a tocarse. Sumidos no remuíño urbano, cada un deles persegue o seu soño: Teresa trata de salvar vidas, Edmundo ansía ter un coche, Mario quere entrar na Filharmónica, e Patricia sobrevivir. Cada un deles devece por algo que semella inalcanzábel. Ningún o logra, mais si que obterán un resultado inesperado. ‘La buena vida’ é o novo filme do director de ‘La fiebre del loco’ e ‘Machuca’.

Ningún comentario: