Esta é a nota de prensa enviada hoxe aos medios (se queres recibir información sobre as actividades do Cineclube, únete ao grupo de correo en http://groups.google.es/group/cineclubepf ou a través de Facebook)
O CICLO DE ESTREAS DE MARZO
TRAE Á CIDADE CATRO FILMES
DE DIVERSAS PARTES DO MUNDO
O mércores 3 de marzo comeza o novo ciclo da programación mantida polo Cineclube Padre Feijoo, en colaboración con Cinebox Ourense. Chégase así ao décimo da serie «Estreas en Versión Orixinal», co título de «Catro miradas do mundo». Os pases, como vén sendo habitual, serán ás 20.30 e ás 23.00 horas, no Cinebox Ourense (Centro Comercial Ponte Vella), e as entradas serán de 4,00 euros (3,00 euros no caso de estudantes con carné universitario).
Para o ciclo cóntase co apoio da Concellaría de Cultura do Concello de Ourense, así como da Federación de Cineclubes de Galicia, da Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia e da Vicerreitoría do Campus de Ourense.
O ciclo «Estreas en Versión Orixinal 10: Catro miradas do mundo» traerá a Ourense os filmes Tres monos, Cómo celebré el fin del mundo, Frozen River e Home, ¿Dulce hogar? O 3 de marzo proxectarase Tres monos, película turca dirixida por Nuri Bilge Ceylan, que gañou o Premio ao Mellor director no Festival de Cannes de 2008. O 10 de marzo será exhibida a fita de orixe romanesa Cómo celebré el fin del mundo, de Catalin Mitulescu, que obtivo o Premio da Xuventude na Seminci de Valladolid 2006, e mais o Premio á Mellor actriz na prestixiosa sección «Unha Certa Ollada» do Festival de Cannes 2006. O 17 de marzo, Frozen River (Río helado) será a película que reciba proxección; está dirixida pola estadounidense Courtney Hunt, e obtivo o Gran Premio do Xurado Festival de Sundance 2008, así como a Cuncha de Prata á Mellor Actriz e outros dous premios no Festival de San Sebastián 2008. Por último, o 24 de marzo pechará o ciclo o filme suízo Home, ¿Dulce hogar?, protagonizado por Isabelle Huppert e dirixido por Ursula Meier. A película estivo na sección oficial da Semana da Crítica do Festival de Cannes 2008.
Ciclo Estreas en Versión Orixinal 10: Catro miradas do mundo
Marzo 2010
• Mércores 3 de marzo de 2010 • Cinebox Ourense, 20.30 e 23 h
Tres monos
Üç maymun. Turquía/Francia/Italia, 2008. Cor, 109 min • Dirección: Nuri Bilge Ceylan • Produción: Zeynep Özbatur (Zeynofilm, NBC Film, Pyramide Productions, BIM Distribuzione) • Guión: Ebru Ceylan, Ercan Kesal, Nuri Bilge Ceylan • Fotografía: Gökhan Tiryaki • Montaxe: Ayhan Ergürsel, Bora Göksingöl, Nuri Bilge Ceylan • Intérpretes: Yavuz Bingöl (Eyüp), Hatice Aslan (Hacer), Ahmet Rifat Şungar (Ismail), Ercan Kesal (Servet), Cafer Köse (Bayram), Gürkan Aydin (neno) • Estrea en Turquía: 24/10/2008 • Estrea en España: 19/6/2009 • Versión orixinal en turco con subtítulos en castelán.
• Festival de Cannes 2008: Mellor director
Web oficial (inglés): http://www.3monkeysmovie.com/
Web oficial (español): http://www.golem.es/tresmonos/
Servet é un político que, tras quedar durmido ao volante do seu vehículo, atropela mortalmente un peón. Horrorizado ante a posibilidade de que ese suceso inflúa na súa carreira electoral, decide agachar o seu delito, polo que recorre a Eyüp, o seu chofer de toda a vida. Este acepta ir a prisión a cambio da seguridade financeira da súa familia. Mentres Eyüp está no cárcere, a vida de Ismai, o seu fillo adolescente, comeza a tomar camiños problemáticos. Hacer, a fermosa muller de Eyüp, recorre a Servet en busca de axuda, mais a relación entre ambos parece ir más alá do aceptábel. Unha intricada rede de mentiras unirá as vidas destas catro persoas, creando un difícil equilibrio que ameaza con se esborrallar en calquera momento.
• Mércores 10 de marzo de 2010 • Cinebox Ourense, 20.30 e 23 h
Cómo celebré el fin del mundo
Cum mi-am petrecut sfarsitul lumii. Romanía/Francia, 2006. Cor, 106 min • Dirección: Catalin Mitulescu • Produción: Catalin Mitulescu, Daniel Mitulescu, David Thion, Lee In-ah, Philippe Martin (Strada Film, Les Films Pelléas) • Guión: Andreea Valean, Catalin Mitulescu • Fotografía: Marius Panduru • Montaxe: Cristina Ionescu • Música: Alexander Balanescu • Interprétes: Dorotheea Petre (Eva), Timotei Duma (Lalalilu), Ionut Becheru (Vomica), Cristian Vararu (Andrei), Valentino Marius Stan (Tarzan), Marian Stoica (Silvica), Mircea Diaconu (padre de Eva), Carmen Ungureanu (madre de Eva), Grigore Gonta (pai de Vomica), Nicolae Praida (Titi), Jean Constantin (Florica) • Estrea en Romanía: 15/9/2006 • Estrea en España: 22/5/2009 • Versión orixinal en romanés con subtítulos en castelán.
• Festival de Cannes 2006 (Sección Unha Certa Ollada): Mellor actriz
• Seminci Valladolid 2006: Premio da Xuventude
• Web oficial (romanés): http://www.sfarsitullumii.ro/
• Web oficial (español): http://www.piramide-films.com/dia-fin-mundo.html
Bucarest, 1989, derradeiro ano da ditadura de Ceaucescu. Eva, de 17 anos, vive cos seus pais e co seu irmán de 7, Lalalilu. Un día na escola, Eva e o seu mozo Alex —fillo dun odiado oficial do partido comunista— rompen accidentalmente un busto de Ceaucescu. Alex confesa a súa culpa perante toda a clase e un comité disciplinario do partido; Eva négase e é trasladada a un reformatorio. Alí coñece a Andrei, que se está a preparar para escapar do país cruzando a nado o Danubio. Eva decide escapar con el. Lalalilu, desolado pola fuga da súa irmá, chega á conclusión de que Ceaucescu é o culpábel de toda a súa dor e a razón principal da decisión de Eva. Entón, cos seus amigos da escola, traza un plan para lograr que Eva regrese e comezar unha nova vida nunha Romanía libre.
• Mércores 17 de marzo de 2010 • Cinebox Ourense, 20.30 e 23 h
Frozen River (Río helado)
Frozen River. EE UU, 2008. Cor, 97 min • Dirección e guión: Courtney Hunt • Produción: Heather Rae, Chip Hourihan (Harwood Hunt Productions, Cohen Media Group, OffHollywood Pictures) • Fotografía: Reed Morano • Montaxe: Kate Williams • Música: Peter Golub, Shahzad Ali Ismaily • Intérpretes: Melissa Leo (Ray Eddy), Misty Upham (Lila), Charlie McDermott (T.J.), Mark Boone Junior (Jacques Bruno), Michael O’Keefe (Trooper Finnerty), Jay Klaitz (Guy Versailles), John Canoe (Bernie), Dylan Carusona (Jimmy), Michael Sky (Billy), Nancy Wu (Chen Li) • Estrea en EE UU: 1/8/2008 • Estrea en España: 4/9/2009. Versión orixinal en inglés con subtítulos en castelán.
• Festival de Sundance 2008: Gran Premio do Xurado
• Festival de San Sebastián 2008: Cuncha de Prata á Mellor Actriz, Premio TVE ‘La Otra Mirada’, Premio Signis
• Premios Independent Spirit 2009: Mellor actriz (Melissa Leo), Mellor produción
• Oscars 2009: nomeada á Mellor actriz (Melissa Leo) e ao Mellor guión orixinal
Web oficial (inglés): http://www.sonyclassics.com/frozenriver/
Web oficial (español): http://www.sagrera.eu/frozenriver/
Ray Eddy está a punto de comprar a casa dos seus soños para a súa pequena familia. Mais o seu marido, grande afeccionado ás apostas, foxe co diñeiro déixaa arruinada e soa cos nenos. Mentres trata de encontrar o seu marido, Ray coñece a Lila Littlewolf, unha rapaza mohawk que lle propón un xeito de gañar diñeiro fácil. O plan é arriscado: pasar inmigrantes ilegalmente polo xeado río Saint Lawrence, con patrullas fronteirizas nas dúas beiras. A desesperación por gañar diñeiro empurra a Ray a aceptar a oferta. Ray conducirá o coche e repartiranse as ganancias. Ao principio, a capa de xeo é grosa, mais a medida que seguen co seu negocio e o xeo se fai máis delgado, Ray e Lila descubrirán que trasladar inmigrantes ten un prezo.
• Mércores 24 de marzo de 2010 • Cinebox Ourense, 20.30 e 23 h
Home, ¿Dulce hogar?
Home. Suíza/Francia/Bélxica, 2008. Cor, 98 min • Dirección: Ursula Meier • Produción: Elena Tatti, Thierry Spicher, Denis Freyd, Denis Delcampe (Box Productions, Archipel 35, Need Productions) • Guión: Ursula Meier, Antoine Jaccoud, Raphaëlle Valbrune, Gilles Taurand, Olivier Lorelle y Alice Winocour • Fotografía: Agnès Godard • Montaxe: Susana Rossberg, Nelly Quettier • Intérpretes: Isabelle Huppert (Marthe), Olivier Gourmet (Michel), Adélaïde Leroux (Judith), Madeleine Budd (Marion), Kacey Mottet Klein (Julien) • Estrea en Francia: 29/10/2008 • Estrea en España: 30/10/2009. Versión orixinal en francés con subtítulos en castelán.
• Oscars 2010: candidata por Suíza
• Festival de Cannes 2008: Semana da Crítica
• Festival de Mar del Plata 2008: Mellor actriz (Isabelle Hupert), Premio ADF de Fotografía
• Premios Lumière 2008: Premio ao logro técnico
• Festival de Bratislava 2008: sección oficial
• Festival de Monterrey (México) 2009: Mellor fotografía, Mellor son
• Mostra Internacional de Filmes de Mulleres de Barcelona 2009: Premio do Público
• Premios do Cinema Suízo 2009: Mellor Filme, Mellor guión, Mellor actuación novel (Kacey Klein Mottet)
• Festival de Reiquiavik 2009: Premio Fipresci
Web oficial (francés): http://home-lefilm.com/site/
Unha familia vive nunha casa de campo en medio da nada. Illados do mundo lograron o equilibrio creando un ambiente en que reina a alegría e a harmonía familiar. Mais a apertura dunha autoestrada abandonada que pasa a poucos metros da súa casa converterá a súa existencia nunha carreira por adaptarse ao mundo exterior. Aínda que ao principio eles seguen a súa despreocupada rutina, un inquietante mundo de centos de coches que pasan rápidos e ruidosos irromperá nas súas vidas poñendo a proba o seu enxeño, a súa forza e a súa vontade para se manteren na súa casa ideal e protexeren a súa particular forma de vida.
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario