09/02/10

‘La teta asustada’

Esta é a nota de prensa enviada hoxe aos medios (se queres recibir información sobre as actividades do Cineclube, únete ao grupo de correo en http://groups.google.es/group/cineclubepf ou a través de Facebook)

‘LA TETA ASUSTADA’, OSO DE OURO E POSÍBEL OSCAR
NO CICLO DE CINEMA LATINOAMERICANO

Mañá, mércores 10 de febreiro, o Cineclube Padre Feijoo e Cinebox Ourense presentan a película peruana La teta asustada, dirixida por Claudia Llosa, dentro do ciclo «Estreas en Versión Orixinal 9: Cinema latinoamericano». O filme obtivo o Oso de Ouro e mais o Premio da Crítica (Fipresci) no Festival de Berlín 2009, e é candidata ao Oscar ao mellor filme de fala non inglesa. Os pases serán ás 20.30 e 23.00 horas, no Cinebox Ourense (Centro Comercial Ponte Vella); as entradas serán de 4,00 euros (3,00 euros no caso de estudantes con carné universitario).

O presente ciclo conta co apoio da Concellaría de Cultura do Concello de Ourense, así como da Federación de Cineclubes de Galicia, da Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia e da Vicerreitoría do Campus de Ourense.

La teta asustada
é o novo filme da directora de Madeinusa, Claudia Llosa —sobriña do escritor Mario Vargas Llosa—, e conta a historia de Fausta, que padece da «teta asustada», unha enfermidade que se transmite polo leite materno de mulleres maltratadas durante a época do terrorismo no Perú. Os infectados nacen sen alma, porque do susto se escondeu na terra, e cargan un terror atávico que os illa por completo. Mais Fausta agacha algo máis, garda un segredo que non quere revelar, até que a súbita morte da súa nai desencadea feitos inesperados que transformarán a súa vida e a de outros.


Nuria Vidal, na súa crítica na revista Fotogramas, dicía: «Claudia Llosa conta esta historia contemporánea, ambientada nun barrio emerxente da cidade de Lima, coa delicadeza do trazo dunha flor, tratando con todo coidado a súa protagonista, deixándoa crecer nun contexto en que a vida cotiá está chea de vodas e festexos, piscinas improvisadas e amigos inesperados».

Ningún comentario: