23/02/10

‘La buena vida’

Esta é a nota de prensa enviada hoxe aos medios (se queres recibir información sobre as actividades do Cineclube, únete ao grupo de correo en http://groups.google.es/group/cineclubepf ou a través de Facebook)

O CICLO DE CINEMA LATINOAMERICANO
CHEGA AO FINAL CON ‘LA BUENA VIDA’


Mañá, mércores 24 de febreiro, o Cineclube Padre Feijoo e Cinebox Ourense presentan a película chilena La buena vida, dirixida por Andrés Wood, dentro do ciclo «Estreas en Versión Orixinal 9: Cinema latinoamericano». O filme obtivo o Goya 2009 ao Mellor filme hispanoamericano e o Premio ao Mellor filme no Festival de Huelva 2008. Os pases serán ás 20.30 e 23.00 horas, no Cinebox Ourense (Centro Comercial Ponte Vella); as entradas serán de 4,00 euros (3,00 euros no caso de estudantes con carné universitario).


O presente ciclo conta co apoio da Concellaría de Cultura do Concello de Ourense, así como da Federación de Cineclubes de Galicia, da Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia e da Vicerreitoría do Campus de Ourense.


La buena vida está ambientada en Santiago de Chile, nos nosos días. Teresa, Edmundo, Mario e Patricia son catro habitantes da cidade, cuxas vidas se entrecruzan en medio de bucinadas, freadas e alarmas de vehículos, pero que dificilmente chegan a tocarse. Sumidos no remuíño urbano, cada un deles persegue o seu soño: Teresa trata de salvar vidas, Edmundo ansía ter un coche, Mario quere entrar na Filharmónica, e Patricia sobrevivir. Cada un deles devece por algo que semella inalcanzábel. Ningún o logra, mais si que obterán un resultado inesperado.

La buena vida
é o novo filme do director de La fiebre del loco e Machuca, Andrés Wood, que nesta ocasión buscou pequenas historias tomadas do cotián coa premisa de que «a vida real sempre é moito máis inverosímil que a ficción».


Para o mes de marzo, o Cineclube ten xa previsto un novo ciclo, cos filmes Tres monos, Cómo celebré el fin del mundo, Frozen River e Home, ¿Dulce hogar?

Ningún comentario: