03/11/09

‘Antichrist’

Esta é a nota de prensa que acabamos de enviar aos medios.

‘ANTICHRIST’, NO CICLO DE ESTREAS EN VERSIÓN ORIXINAL

Mañá, 4 de novembro, o Cineclube Padre Feijoo e Cinebox Ourense presentan o filme Antichrist, dirixido polo danés Lars Von Trier, dentro do ciclo «Estreas en Versión Orixinal 7: Cinema de novembro». O filme obtivo o Premio á mellor actriz (a francesa Charlotte Gainsbourg) no último Festival de Cannes. Os pases serán ás 20.30 e 23.00 horas, no Cinebox Ourense (Centro Comercial Ponte Vella); as entradas serán de 4,00 euros (3,00 euros no caso de estudantes con carné universitario).
Para o ciclo cóntase co apoio da Concellería de Cultura do Concello de Ourense, así como da Federación de Cineclubes de Galicia, da Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia e da Vicerreitoría do Campus de Ourense.
Antichrist supón unha nova polémica na carreira do controvertido director Lars Von Trier (seus son os filmes Europa, Rompiendo las olas, Bailar en la oscuridad ou Dogville), que nesa ocasión afronta unha moi persoal baixada aos infernos a modo de thriller ou mesmo filme de terror. Conta como unha parella sumida na dor se retira a unha cabana perdida no medio do bosque coa esperanza de que o contacto coa natureza cure os seus corazóns rotos e o seu cambaleante matrimonio. Mais a natureza segue o seu curso e as cousas comeza a ir de mal en peor.
Xenio para uns, farsante para outros, o realizador que impulsou no seu día o chamado «Movemento Dogma» non deixa ninguén indiferente.
Publicar un comentario