Esta é a nota de prensa enviada hoxe ao medios (se queres recibir información sobre as actividades do Cineclube, únete ao grupo de correo en http://groups.google.es/group/cineclubepf)
‘YO SERVÍ AL REY DE INGLATERRA’ ABRE O
CUARTO CICLO DE ESTREAS EN VERSIÓN ORIXINAL
Mañá, mércores 26 de novembro, o Cineclube Padre Feijoo e mais Cinebox Ourense presentan o filme Yo serví al rey de Inglaterra (Obsluhoval jsem anglického krále), do checo Jirí Menzel, que obtivo o Premio da Crítica Internacional no Festival de Berlín en 2007. Os pases, ás 20.30 e 23.00 horas, terán lugar no Cinebox Ourense, no Centro Comercial Ponte Vella; as entradas serán de 4,00 euros (3,00 euros no caso de estudantes con carné universitario).
Con este filme comeza o cuarto ciclo «Estreas en Versión Orixinal», subtitulado nesta ocasión «Da comedia ao drama». Para o ciclo cóntase coa colaboración da Federación de Cineclubes de Galicia, apoiada pola Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual da Xunta de Galicia, e mais da Vicerreitoría do Campus de Ourense da Universidade de Vigo.
Yo serví al rey de Inglaterra conta a historia dun camareiro provinciano moi ambicioso, que quere converterse en millonario. Para tal fin, pretende escoitar e observar todo, e utilizar todo o que escoitou e observou. Con esa convicción e un desexo irrefreábel de compracer a todo o mundo, axiña abandona o seu primeiro emprego, nun pub, por un bordel de luxo e, finalmente, por un elegante restaurante art nouveau de Praga. Cando chega o final da década de 1930, as cousas comezan a mudar: Hitler ocupa Sudetenland e está a dividir Checoslovaquia.
Jirí Menzel, director de clásicos como Trens rigorosamente vixiados, volve inspirarse, por sexta vez na súa carreira, na obra do falecido escritor checo Bohumil Hrabal. «O seu sentido do humor e a súa adornada forma de narrar varios episodios da vida dun aprendiz ambicioso ofrecían infinidade de momentos que estiven encantado de rodar», afirma o realizador. A novela, editada en España por Destino, é para Menzel «un dos seus maiores logros, unha visión do mundo moderno e dunha parte da historia do século XX reflectidas na vida dun home.» Ademais de triunfar nos galardóns da cinematografía checa (gañou catro «Leóns Checos»), o filme levou o premio ao mellor filme no Festival de Comedia de Peñíscola e o premio da Fipresci (a asociación da crítica internacional) no Festival de Berlín de 2007.
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario