29/09/09

‘Vals con Bashir’, nas Xornadas de Banda Deseñada

Dentro do programa das XXI Xornadas de Banda Deseñada de Ourense desenvólvese un ano máis a sección «Cinema e BD», dedicada á proxección en 35mm de filmes relacionados coa banda deseñada internacional, en estrea na cidade. Novamente, en colaboración co Cineclube Padre Feijoo e a Federación de Cineclubes de Galicia.
Así, nesta ocasión, o mércores 7 de outubro, ás 20.30 e 23 h proxectarase Vals con Bashir (Ari Folman, 2008). Trátase dun filme de animación sobre base documental, cuxo proxecto conta tamén cunha versión en cómic (asinada por Ari Folman e David Polonsky e editada en España por
Salamandra). O filme Vals con Bashir foi presentado en Cannes 2008 e premiado no Festival de Xixón 2008; obtivo ademais o Globo de Ouro ao mellor filme de fala non inglesa e foi nomeado ao Oscar nesa mesma categoría.
As sesións serán no Cinebox Ourense (Centro Comercial Ponte Vella), con entrada única de 3 euros.

• Mércores 7 de outubro, 20.30 e 23 h: Vals con Bashir


Unha noite nun bar, un vello amigo conta ao director Ari que ten un pesadelo recorrente en que o perseguen 26 cans. Cada noite, o mesmo número de animais. Os dous homes chegan á conclusión de que ten que ver cunha misión que realizaron para o exército israelí durante a primeira guerra co Líbano a principios dos anos oitenta. Ari sorpréndese ante o feito de que non lembre nada dese período da súa vida. Intrigado, decide ver e falar con vellos amigos e antigos compañeiros dispersados polo mundo enteiro. Necesita saber a verdade acerca dese período e de si mesmo. Ari escarva cada vez máis e as súas lembranzas comezan a reaparecer mediante imaxes surrealistas...

Vals Im Bashir/Waltz with Bashir.
Israel/Francia/Alemaña, 2008. Cor, 90 min. Dirección e guión: Ari Folman • Produción: Ari Folman, Yael Nahlieli, Serge Lalou, Gerhard Meixner, Roman Paul (Bridgit Folman Film Gang, Les Films d’Ici, Razor Film, Arte France) • Dirección artística: David Polonsky • Montaxe: Nili Feller • Música: Max Richter • Voces: Ori Sivan, Ronny Dayag, Shmuel Frenkel, Profesor Zahava Solomon, Ron Ben-Yishai, Dror Harazi, Miki Leon (Boaz Rein-Buskila), Yehezkel Lazarov (Carmi Cna’an) • Estrea en Israel: 12/6/2008; estrea en España: 20/2/2009. Versión orixinal en hebreo, alemán, inglés e árabe con subtítulos en castelán.
http://www.golem.es/valsconbashir/
http://www.waltzwithbashir.com/
Festival de Cannes 2008: Sección oficial
Festival de Xixón 2008: Mellor Longametraxe Xurado Novo
Globo de Ouro ao mellor filme de fala non inglesa
Nomeado ao Oscar ao mellor filme de fala non inglesa

Ningún comentario: