Filmoteca CGAI
Ciclo Naufraxios
VII Ciclo do colexio de médicos
Alá polo 1818, en plena emerxencia cultural francesa pola volta da monarquía, Théodore Géricault pintou "Escena de naufraxio"; un cadro que daquela causou furor. A crítica dicía que «Interpela e atrae todas as miradas». Naturalmente, todos recoñecían a traxedia da Medusa. As opinións dividíronse segundo a tendencia política. Os conservadores sinalaron supostos erros artísticos; o realismo obsceno da escena e o horror que provocaba no espectador, era afastado daquela dos canons da beleza clásica. Os liberais, en cambio, viron na pintura a condena do novo réxime e da súa desidia, a metáfora dun gran naufraxio nacional. A presenza dun mariñeiro negro no centro da composición tamén deixa patente o compromiso do pintor nun momento en que se intensificaba a loita contra a escravitude e trátaa de negros.
Polo seu realismo, dramatismo e teatralidade, o lenzo converteuse no manifesto da pintura romántica, vehículo de paixóns, desesperación e morte. O conde Ou’ Mahony exclamou: «Que espectáculo máis repugnante, pero que obra tan bela!».
Esta pequena introdución ven a conta dos grandes dramas e historias fermosas que seleccionamos. Todas son belas, interpelan ás emocións e os sentidos, porén teñen a negrura dun realismo case obsceno, e incluso nalgún caso, poden provocar o horror ou a fascinación subversiva dalgunhas das propostas dos luns de Filmoteca (que estreamos de novo coa habitual colaboración co CGAI). Lembren tamén a programación do VII ciclo do colexio de médicos e por favor, non perdan ningunha sesión do ciclo dos naufraxios. A crítica dicía que interpelan á mirada...e a bo seguro non as esquecerán, como a música de Nacho Vegas que xira arredor das imaxes do vídeo [.mp4 • 20'7 MB] que anuncia a programación.
Por último, lembrar que tedes á vosa disposición as follas de sala de cada proxección no seguinte enlace [Abre outra xanela].
Filmoteca CGAI
«Kaze no denwa» O teléfono do vento
Haru, de 17 anos, realiza unha longa viaxe a través de Xapón na procura de respostas nunha cidade onde, en 2011, o devastador tsunami levou os seus pais e o irmán. O periplo leva á moza, aínda atormentada pola perda, desde Hiroshima a Toquio, Fukushima e Ōtsuchi, onde unha vez estivo o seu fogar. No camiño encontra outras persoas e as historias das súas perdas.
Ciclo Naufraxios
«Ghahreman» O heroe
Rahim está no cárcere por unha débeda que non puido reembolsar. Durante un permiso de dous días, trata de convencer ao seu acredor para que retire a súa reclamación de desembolso dunha parte do pagamento. Pero as cousas non irán como tiña previsto.
Premios
2021 : Cannes: Gran premio do xurado (ex aequo)
"Conecta co minimalismo doutras propostas iranianas, ou co neorrealismo italiano, de feito nalgúns momentos, sobre todo no esforzo do protagonista por quedar ben diante do seu fillo, fai lembrar ao "Ladrón de bicicletas". É complexa, porque os seres humanos somos complicados, e Farhadi sabe xogar coa ambigüidade que con frecuencia encerran as nosas accións"
(José María Aresté, Decine21.com)
Filmoteca CGAI
«9 fugas»
Exploración fílmica magnética. Con atracción por personaxes singulares e polos xogos coa estrutura do relato, elabora unha narración embebida de mar, sorprendente e misteriosa, poboada por unha moza traballadora dunha lonxa, un barco silandeiro e un grupo de improvisadores que pescudan nos sons do pasado para sacar á luz tres relatos esquecidos.
Premios
2020: Premio Retueyos FICX2020: Premio Retueyos FICX
2021: Premio mellor música orixinal do Mestre Mateo
"Fon Cortizo cega cunha especie de – orixinalísimo- musical que, sen descoidar a súa mensaxe, regala unha harmoniosa sinfonía de sons inesperados, combinada cun xogo de espellos temporais"
(Alfonso Rivera, Cineuropa )
VII Ciclo do colexio de médicos
«Morfiy» Morfina
Adaptación do relato homónimo de Mijaíl Bulgákov, a partir da experiencia real do autor ruso, cando sendo médico rural se volveu adicto á droga tras receitarlle unha pequena dose.
Balabanov reconstrúe a época na que Bulgakov cae nos brazos da morfina, os anos da revolución rusa, e mostra a práctica da medicina nese período histórico.
"A historia está contada cun realismo crú que narra o día a día…así como a fraxilidade do corpo humano"
(Abraham Esparza, siglonuevo.mx)
+ [ INFO. do resto do ciclo / Abre outra xanela]
Ciclo Naufraxios
«L'événement» O acontecemento
Francia, 1963. Anne, unha nova e brillante estudante cun futuro prometedor, descobre que está embarazada. Da noite para a mañá ve truncada a oportunidade de terminar os seus estudos e fuxir das asfixiantes restricións da súa contorna. Cos exames finais achegándose e un ventre que non para de medrar, Anne decide actuar, mesmo se supón confrontar a vergoña, a dor e mesmo ir ao cárcere por iso.
Premios
2021: Festival de Venecia; León de Ouro e Premio FIPRESCI
"Un relato brutalmente honesto, coa forza e destreza abondo para lanzar a súa mensaxe á sociedade. Audrey Diwan consegue configurar un relato ben construído, contundente e sincero que chega a asustar ao espectador"
(Javier Atienza, Cinemagavia.es)
Filmoteca CGAI
«Domangchin yeoja» A muller que escapou
En canto o marido está en viaxe de negocios, Gamhee visita tres amigas de sempre: Youngsoon, amante do seu xardín; Suyoung, profesora de pilates e Woojin, propietaria dun pequeno cine. Coas tres fala sobre o pasado, as súas relacións e escoita anécdotas das súas vidas. Gamhee non se separou do seu home en 5 anos. Ata en tres ocasións, vai suceder un feito singular: un individuo xorde de maneira inesperada e interrompe o tranquilo fío das súas conversas.
"Tan lixeira como profunda (...) Hong regálalle ao espectador a esencia da vida e do paso do tempo."
(Elsa Fernández-Santos, El País)
«Last film show» A última película
Samay, un neno de 9 anos que vive coa súa familia nunha aldea remota da India, descobre o cinema por primeira vez e queda absolutamente hipnotizado. Contra os desexos do seu pai, volve ao cinema día tras día e faise amigo do proxeccionista que, a cambio da súa comida, déixalle ver películas gratis. Rapidamente dáse conta de que as historias se converten en luz, a luz en películas e as películas en soños. Contaxiados pola emoción, Samay e os seus amigos investigan sen descanso para tentar captar a luz e perseguir os soños.
Premios
2021: Festival de Valladolid - SEMINCI: Espiga de OUro (meLLor película)
"O cinema pode e debe ser debedor da inocencia, un fenómeno do neno que todos levamos dentro, e unha clara invitación a deixarnos fascinar. Escenas como a de Samay coa caixa escura remiten directamente ás orixes do medio, onde a curiosidade desembocou en hipnose, e a hipnose en cegamento"
(Arnau Martín, cinemaldito.com)
Filmoteca CGAI
«Visión nocturna»
Cando o íntimo e persoal ten un alcance colectivo, o traballo cultural obtén rendemento ao tempo que resulta catártico. A directora, Carolina Moscoso, foi violada nun praia próxima a Santiago de Chile oito anos atrás. A través de vídeos autobiográficos a modo de diario e con audacia analiza as consecuencias globais e os detalles concretos do feito criminal vivido, reflexionando sobre a violencia de xénero e as súas distintas plasmacións.
"Estremecedora película sobre a violencia de xénero (...) A pesar do delicado, íntimo e difícil de abordar un tema así, Carolina Moscoso trátao coa brillante mirada dunha gran cineasta, estetiza os seus medos e crea unha impresionante película"
(Carlos Loureda, Fotogramas)
«Hytti nro 6» Compartimento núm. 6
Rusia, anos 90, no lendario tren transiberiano, dous descoñecidos atópanse no compartimento número 6: unha taciturna estudante finlandesa e un mozo mineiro ruso. Na intimidade forzada do pequeno espazo, a tensión aumenta ao atravesar o mosaico de identidades e pobos dunha Siberia onde todo é extremo. Cun realismo que se converte en poesía, a película narra o encontro de dous destinos, pero sobre todo insufla nas nosas almas ese espírito que só a viaxe pode representar. Baseada na novela de Rosa Liksom
Premios
2021: Festival de Cannes; Gran Premio do Xurado.
2021: SEMINCI; Mellor Actor (Yuriy Borisov).
"Grazas ao feito de que ningún deles ten smartphone. Isto fai que a viaxe de Laura sexa un pouco aterradora, pero tamén emocionante... Que viaxe tan marabillosa"
(Marta Balaga, Cineuropa.org)
Filmoteca CGAI
«Crash»
Cando unha noite, James Ballard esnafra o coche contra o de Helen, máis aló das feridas e do ingreso no hospital, algo sorprendente sucede. Ambos pasan a experimentar unha singular atracción mutua. A partir de aí, a vida de James camiña por un mundo escuro, prohibido e intenso, un mundo onde dominan o perigo, o sexo e a ameaza da morte.
Moi controvertida desde a súa estrea no Festival de Cannes 1996, á narración de Ballard e á mirada clínica ou ao humor negro, Cronenberg suma a confluencia de Eros e Thanatos ou unha irónica mirada sobre os corpos condenados a fundirse coa tecnoloxía.
Premios
1996: Festival de Cannes: Premio especial do xurado
"Unha obra mestra sucia, pornográfica e subversiva (...) constrúe unha experiencia non normativa da sexualidade (...) plenamente perturbadora e revolucionaria."
(Eulàlia Iglesias, El Confidencial)
«Slalom»
Liz ( Noée Abita) é unha brillante estudante de 15 anos e unha gran esquiadora. Da man de Fred, un esixente adestrador, Liz comeza a colleitar grandes éxitos cos esquís, pero a súa relación co seu adestrador comeza a traspasar o deportivo e levaraa a un escenario moi desagradable.
Premios
2020: Festival internacional de cinema de Tarragona - REC; premio do xurado de cineclubs
"O traballo de Noée Abita é tal que é imposible non sufrir con ela, berrar en silencio porque nos sentimos aldraxados, ao ver que quen debería coidala e respectala aprovéitanse da súa posición adulta de poder para espremer todo canto ela cre debe dar"
(Marta Pedraza, Magazinema.es)
Filmoteca CGAI
«Petite fille» Unha nena
Sasha cuestiona o xénero xa con 7 anos. Ten claro que cando medre ha ser unha nena. E o que para ela pasa por natural é unha dificultade na contorna da súa cidade de provincias, malia o apoio incondicional dos pais (que percorreron tamén o seu propio camiño cara ao entendemento). Sébastien Lifshitz segue a vida de Sasha durante un ano, as súas clases de ballet, a súa terapia, as súas relacións cos outros, e a patente hostilidade cara a ela dunha sociedade que se nega a aceptala como é (na escola non lle permiten levar vestimenta feminina), nun documental conmovedor e tocado pola inspiración estreado na Berlinale.
Filme especialmente recomendado para o fomento da igualdade de xénero
Premios
2020: Festival de cine europeo de Sevilla: Premio mellor documental
"Un traballo encantador, aínda que desgarrador"
(Boyd van Hoeij, The Hollywood Reporter)
VII Ciclo do colexio de médicos
«A silent voice»
Shôko Nishimiya, unha alumna de primaria que é xorda cambia de escola e comeza a sentir o acoso dos seus novos compañeiros. Un dos principais culpables é Ishida Shôya que acaba obrigando a Nishimiya a cambiar novamente de escola. Anos despois, Ishida busca a redención das súas fechorías.
"Tan doloroso como emocionante. É capaz de falar de temas moi complexos sen renunciar á polémica que poidan provocar (…) E o máis importante, abre novos camiños para o anime, afastándose das convencións e afrontando novos retos sen que por elo non sexa apto para todo tipo de públicos"
(Beatriz Martínez, El País)
+ [ INFO. do resto do ciclo / Abre outra xanela]
Ciclo Naufraxios
«Systemsprenger» System Crasher
Na súa salvaxe procura de amor, a enérxica e indomable Benni, unha nena de 9 anos abandonada pola súa nai e que vive nunha familia de acollida, leva a todos ao seu arredor á desesperación.
Premios
2019: Berlinale; Oso de prata
"System Crasher é un filme dificilmente esquecible; deixa ao espectador incómodo e axitado. A nivel formal, tamén estamos diante dunha obra coherente e impactante"
(Teresa Vena, Cineuropa.org)
Filmoteca CGAI
«Josep»
En febreiro de 1939, superado pola vaga de republicanos que foxen da ditadura de Franco, o goberno francés opta por confinar os españois en campos de concentración. Nun daqueles campos, dous homes, separados por un arame de púas, establecen unha amizade. Un deles é Josep Bartoli, un debuxante que loita contra o réxime de Franco. Fermoso filme de animación, oda á memoria con música de Silvia Pérez Cruz.
Premios
020: Premios do Cine Europeo: Mellor filme de animación
2020: Premios César: Mellor filme de animación
2020: Festival de Valladolid - SEMINCI: Mellor dirección (ex-aequo)
"Unha lección de historia fascinante dirixida por Aurel, que saca o máximo proveito dos excepcionais debuxos de Bartoli, inseridos con fluidez nun conxunto moi sofisticado"
(Fabien Lemercier, Cineuropa)
Os símbolos son; VO; Versión orixinal, VOS (Versión orixinal subtitulada, en castelán VOSE, en galego VOSG), VD; versión orixinal ou dobrada cos mesmos patróns E/G.
A calificación por idades de cada filme sigue o seguinte patrón; [A] apta para todos os públicos, [+7] recomendado para maiores de 7 anos, [+12] recomendado para maiores de 12 anos, [+18] recomendado para maiores de 18 anos, e [ND] Non dispoñible ou [SC] sen clasificación
ADVERTENZAS: Non se permite o acceso á sala unha vez comenzada a sesión. Tampouco se permite o uso do teléfono móbil unha vez comezada a proxección * ou a asistencia na sala sen máscara de protección fronte ao COVID; sendo motivo en caso contrario de expulsión da sala, sen dereito á reclamación (En caso de socio/-a será proposto de expulsión da asociación).
(*) Agás para os filmes con audiodescripción, así sinalizados [ AD))) ].
----------
(*) A audiodescripción estará disponible mediante a aplicación gratuita da fundación ONCE; "AUDESCMOBILE".
(Non é preciso software o hardware adicional. O/A usuario/a tan só ten que instalar a aplicación no seu móbil, descargar a audiodescripción da película que quere ver e unha vez na sala de cine, conectar os cascos e reproducir o arquivo. A audiodescripción comenzará e se sincronizará automáticamente coa película)
Ningún comentario:
Publicar un comentario