
Nesta ligazón pode baixarse a folla de proxección do filme En la cama, que proxectamos hoxe no Cine Duplex:
http://rapidshare.com/files/8378490/cine-fsala06-6b.pdf.html
Esta é a nota de prensa que enviamos aos medios esta mañá:
TERMINA O CICLO «CINEMA ACTUAL»
COA PROXECCIÓN DE ‘EN LA CAMA’
Mañá, xoves 21 de decembro de 2006, no Cine Dúplex, ás 20.30 e 23 h, o Cineclube Padre Feijoo proxectará, en estrea en Ourense, o filme En la cama, dirixido en 2005 polo chileno Matías Bize. O prezo da entrada, simbólico, será de 2,50 euros.
A película conta a historia de Bruno e Daniela, que pouco despois de coñecérense nun café alugan un cuarto nun hotel barato para ter un encontro sexual e pasar a noite xuntos. Non saben nada do outro, nin sequera os seus respectivos nomes, e despois desa cita xamais se volverán ver. Tras o sexo, estes dous estraños perciben que entre ambos se creou certa química. Espontaneamente, os dous comezan a falar, abrindo as portas do seu pasado e a súa intimidade.
En la cama recibiu multitude de premios en festivais de todo o mundo (ademais de ser elixida como representante chilena para os Oscar e os Goya), pero entre eles destaca a Espiga de Ouro do Festival de Valladolid, en 2005.
O pequeno ciclo «Cinema actual» —que contou coa colaboración da Federación de Cineclubes de Galicia (apoiada pola Secretaría Xeral de Comunicación Audiovisual da Xunta de Galicia), a Casa da Xuventude (apoiada pola Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia) e o grupo local de Amnistía Internacional en Ourense, ademais do propio Cine Dúplex— é outra das iniciativas de mínimos que o Cineclube Padre Feijoo vén desenvolvendo desde que quedou sen local estábel de proxección para o desenvolvemento das súas actividades, á espera dunha mellora desta situación.
Ciclo «Cinema actual»
Cine Dúplex
Prezo simbólico de entrada: 2,50 eur
Co apoio da Federación de Cineclubes de Galicia e a Secretaría Xeral de Comunicación Audiovisual da Xunta de Galicia
Camino a Guantánamo
The Road to Guantanamo. Reino Unido, 2006. Cor, 95 min. • Dirección: Michael Winterbottom e Mat Whitecross • Produción: Andrew Eaton, Melissa Parmenter, Lee Thomas, Michael Winterbottom (Revolution Films, FilmFour, Screen West Midlands) • Guión: Michael Winterbottom e Mat Whitecross • Fotografía: Marcel Zyskind • Montaxe: Michael Winterbottom e Mat Whitecross • Música: Harry Escott, Molly Nyman • Intérpretes: Arfan Usman (Asif), Farhad Harun (Ruhel), Riz Ahmed (Shafiq), Waqar Siddiqui (Monir), Ruhel Ahmed, Shafiq Rasul, Asif Iqbal • Data de estrea en España: 26 de maio de 2006. Versión orixinal con subtítulos en castelán.
Sitio oficial (inglés): http://www.roadtoguantanamomovie.com
Festival de Berlín 2006: Oso de Prata
A historia de catro amigos británicos que en setembro de 2001 viaxaron desde Tipton, nas Midlands inglesas, para asistir á voda dun deles e, de paso, gozar dunhas vacacións en Paquistán. Tardaron dous años e medio en volver á casa. A súa viaxe levounos desde Tipton até Karachi, Kandahar, Kabul e Kunduz, onde foron capturados pola Alianza do Norte (formada por distintas faccións de grupos armados unidos polo obxectivo de derrocar o réxime talibán) e despois pasaron a mans dos estadounidenses, que os conduciron a Kandahar. Desde alí, tres deles (Shafiq, de 23 anos; Asif e Ruhel, ambos de 19 anos) foron trasladados á base norteamericana de Guantánamo, en Cuba, onde permaneceron máis de dous anos prisioneiros, sometidos a incontábeis humillacións e torturas. O 5 de marzo de 2004 foron trasladados ao Reino Unido. En Londres, tras ser interrogados, foron postos en liberdade sen cargos.
En colaboración co grupo local de Amnistía Internacional en Ourense, co apoio da Casa da Xuventude de Ourense e da Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade
• actividade especial: Mércores 13 de decembro de 2006 • Casa da Xuventude • 20 h
«Pechemos Guantánamo»: testemuños directos
Charla coloquio con Ruhel Ahmed e Shafiq Rasul
Dous dos tres rapaces protagonistas dos feitos reais narrados polo filme Camino a Guantánamo
Ás 20.00 horas, no salón de actos da Casa da Xuventude. Entrada libre falarán da súa experiencia.
Organizado polo grupo local de Amnistía Internacional en Ourense, co apoio da Casa da Xuventude de Ourense e da Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade
• Martes 19 de decembro de 2006 • Cine Dúplex • 20,30 e 23 h
Tsotsi
Tsotsi. Reino Unido-Sudáfrica, 2005. Cor, 95 min. Dirección: Gavin Hood • Produción: Sam Bhembe, Joseph D’Morais, Basil Ford, Henrietta Fudakowski, Peter Fudakowski, Alan Howden, Robbie Little, Rupert Lywood, Doug Mankoff (The UK Film & TV Production Company, PLC Industrial Development Corporation of South Africa, The National Film & Video Foundation of SA) • Guión: Gavin Hood • Fotografía: Lance Gewer • Montaxe: Megan Gill • Música: Paul Hepker, Mark Kilian • Intérpretes: Presley Chweneyagae (Tsotsi), Terry Pheto (Miriam), Kenneth Nkosi (Aap), Mothusi Magano (Boston), Zenzo Ngqobe (Butcher), Zola (Fela) • Data de estrea en España: 24 de marzo de 2006 • Versión orixinal con subtítulos en castelán.
Sitio oficial (inglés): http://www.tsotsi.com
Oscar 2006 á Mellor Película de Fala non Inglesa • Festival de Toronto: Premio do Público, Festival de Edimburgo 2005: Premio do Público, Mellor Nova Película Británica • Festival de Denver 2005: Premio do Público • AFI Fest (Los Ánxeles): Premio do Público, Mención especial do xurado • Festival de Salónica: Premio aos Valores Humanos.
Nunha das barriadas ateigadas de miseria que rodean Johannesburgo, Tsotsi, un rapaz de 19 anos orfo desde moi pequeno, borrou calquera recordo da súa conciencia, incluíndo o seu nome real. Tsotsi significa simplemente «matón» o «gánster» na linguaxe de rúa do ghetto. As circunstancias levan a Tsotsi a roubarlle o coche a unha muller sen decatarse de que no asento traseiro descansa un bebé ao cal leva co automóbil. Facendo caso omiso ao seu instinto de supervivencia, que lle aconsella abandonar o pequeno, Tsotsi acaba levándoo e comeza a coidalo e alimentalo en segredo.
• Xoves 21 de decembro de 2006 • Cine Dúplex • 20,30 e 23 h
En la cama
En la cama. Chile-Alemaña, 2005. Cor, 85 min • Dirección: Matías Bize • Produción: Adrián Solar, Christoph Meyer-Wiel (Ceneca Producciones, CMW Films Company) • Guión: Julio Rojas • Fotografía: Cristián Castro e Gabriel Díaz • Montaxe: Paula Talloni • Música: Diego Fontecilla • Intérpretes: Blanca Lewin (Daniela), Gonzalo Valenzuela (Bruno) • Data de estrea en España: 14 de xullo de 2006 • Versión orixinal en castelán.
Sitio oficial: http://www.enlacama.cl
Seminici Valladolid 2005: Espiga de Ouro • Representante chilena aos Oscar • Festival da Habana: Mellor Guión • Festival de Viña del Mar: Mellor Actriz (Blanca Lewin) • Festival de Montevideo: Mellor Película Latinoamericana • Festroia: Premio Fipresci • Festival de Cine Latinoamericano de Toulousse: Premio do Público • Representante chilena aos Goya.
Unhas horas despois de coñecerse nun café, Bruno e Daniela alugan un cuarto nun hotel barato para ter un encontro sexual e pasar a noite xuntos. Non saben nada do outro, nin sequera os seus respectivos nomes, e despois desa cita xamais se volverán ver. Tras o sexo, estes dous estraños perciben que entre ambos se creou certa química. Espontaneamente, os dous comezan a falar, abrindo as portas do seu pasado e a súa intimidade. Nos seus relatos mestúranse lembranzas e soños, verdades e mentiras, desexos e medos, honestidade e traizón, amor e odio.
MÁIS DE 300 ESPECTADORES ASISTIRON
ÁS SESIÓNS DO CICLO ‘CINEMA E DEREITOS HUMANOS’
O II Ciclo Cinema e Dereitos Humanos, que decorreu nas últimas semanas no cine Dúplex organizado polo Cineclube Padre Feijoo e o Grupo Local de Amnistía Internacional en Ourense, demostrou que segue a existir público para o cinema alternativo na cidade. Como era habitual nas proxeccións de temporadas anteriores do Cineclube, vénse mantendo unha media dun centenar de espectadores por cada filme proxectado.
En concreto, o filme Madame Brouette tivo unha asistencia total de 67 espectadores; La pesadilla de Darwin, pola súa parte, chegou aos 116, e Paradise Now, aos 123, o que supón un total de 306 espectadores.
O ciclo puido ser levado a cabo grazas á axuda da Federación de Cineclubes de Galicia, da Casa da Xuventude de Ourense e da Vicerreitoría de Planificación e Desenvolvemento do Campus de Ourense, ademais do propio Cine Dúplex.
O futuro do Cineclube segue a ser incerto, mentres non se poña solución á necesidade dun local estábel para as proxeccións, algo que está nas mans das institucións ourensás. Hoxe por hoxe, o déficit de actividades cinematográficas na cidade é moi grande, e sitúa Ourense a ese respecto nos últimos postos entre as cidades galegas.
FINAL DO CICLO «CINEMA E DEREITOS HUMANOS»