Esta é a nota de prensa enviada hoxe aos medios:
‘EL CASTILLO AMBULANTE’, DE HAYAO MIYAZAKI, NO CINECLUBE
Dentro do programa das XX Xornadas de Banda Deseñada de Ourense proxectarase, nas salas Cinebox, mañá mércores 1 de outubro, ás 20.30 e ás 23 h, o filme xaponés de animación El castillo ambulante, do director Hayao Miyazaki (autor das premiadas La princesa Mononoke e El viaje de Chihiro, entre outras). As entradas terán un prezo de 3 euros. A proxección será en versión orixinal subtitulada.
El castilo ambulante, que adapta a novela homónima de Diana Wynne Jones, conta a historia Sophie, unha rapaza que traballa nunha tenda de sombreiros, que un día coñece o mago Howl, un mozo con poderes extraordinarios e extremadamente sedutor. O encontro entre ambos non pasa desapercibido para a Bruxa das Landas, quen odia visceralmente a Howl. Cando Sophie volve á tenda, a Bruxa, facéndose pasar por unha clienta, engánaa e enfeitízaa, transformándoa nunha anciá de 90 anos que non pode revelar a súa verdadeira identidade.
O filme foi candidato ao Oscar como mellor filme animado e gañou no Festival de Venecia a Osella de Ouro. Até agora permanecía inédito nas pantallas comerciais ourensás.
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario