07/10/08

‘Persépolis’

Esta é a nota de prensa enviada hoxe ao medios (se queres recibir información sobre as actividades do Cineclube, únete ao grupo de correo en http://groups.google.es/group/cineclubepf)

‘Persépolis’, nas Xornadas de Banda Deseñada

Mañá, mércores 8 de outubro de 2008, dentro do programa das XX Xornadas de Banda Deseñada de Ourense, proxectarase, en estrea en Ourense, o filme Persépolis, de Marjane Satrapi e Vincent Paronnaud. As sesións, no Cinebox Ourense (C. C. Ponte Vella), serán ás 20.30 e 23 h. A entrada é de 3 euros.
Persépolis é a adaptación a cinema da coñecida novela gráfica homónima de Marjane Satrapi, quen codirixe a adaptación xunto con Vincent Paronnaud. Entre outros galardóns, recibiu o Premio do Xurado no Festival de Cannes.
Conta a historia dunha nena que medra no Irán da Revolución Islámica. A través dos seus ollos vemos como as esperanzas do seu pobo quedan rotas cando os fundamentalistas toman o poder. Intelixente e sen medo, Marjane engana os «gardiáns sociais» e descobre o punk, Abba e Iron Maiden. Mais cando o seu tío é executado sen piedade e as bombas caen arredor de Teherán na guerra entre Irán e Iraq, o medo diario que rodea a súa vida é palpábel.

1 comentario:

Anónimo dixo...

Persépolis, espléndido e descorazonador filme, sen dúbida.
Por certo, comeza o festival de cinema de Ourense, nunha cidade na que o interese polo cinema é práticamente nulo ou, no mellor dos casos, escasísimo. Como mostra, un botón. Que ambiente hai? Canta xente fala do festival? Eu digo quenes: os que papan os canapés no edificio Simeón, a conta de todos os cidadáns, en plena época de crise.Falan ese día de cinema, dun cinema que logo xa a ninguén interesa. E as retrospectivas? Calquer festival que se preze debe ter unha sección paralela que se chama "retrospectiva" e que se adica a pór as obras máis interesantes da filmografía dalgún cineasta coñecido. Os anteriores organizadores sabían isto e por iso fixeron espléndidas retrospectivas de Visconti, Bergman ou Allen, achegando obras mestras como O sétimo selo, Manhattan ou Morte en Venecia ao público, digamos, máis profano en cinema, vamos, o que hoxe vén chamándose "o grande público". Os actuais organizadores obvian as retrospectivas e recréanse en seccións absurdas e obsesivas, intentando vender un sector case irrelevante (o cinema en galego), para a nosa desgracia ou en seccións que non lle interesan prácticamente a ninguén. E mentres, pasan olímpicamente dunha INSTITUCIÓN crucial no decaído ambiente cultural ourensán, como é o Cineclube Padre Feijoo, que en calquera cidade mínimamente civilizada debería ser aloumiñada como o que é, unha fonte propagadora de cultura e unha poderosa ferramenta para achegar o cinema de calidade e en definitiva a arte (a sétima) a todas as xeracións de ourensáns, á marxe das súas conviccións e da súa condición económica. Unha institución sen ánimo de lucro, cunha forte compoñente pedagóxica. Ourense é a única das sete grandes cidades galegas na que, pola estulticia dos que governan e dos que se opoñen aos que governan, non conta cun cineclube cunhas infraestruturas e cun calendario de proxección cunha mínima continuidade no tempo. Unha patada no cu da cinefilia, unha labazada ao bon gusto e un festival que non tapa, nen de lonxe, as vergoñas que se albiscan polos intersticios deste missing panorama cultural desta miña cidade e que describín un pouco máis arriba, case con bágoas nos ollos. Unha mágoa.