09/03/09

‘Gomorra’

Esta é a nota de prensa enviada hoxe aos medios (se queres recibir información sobre as actividades do Cineclube, únete ao grupo de correo en http://groups.google.es/group/cineclubepf)


‘GOMORRA’ NO CICLO DE ESTREAS EN VERSIÓN ORIXINAL

Este mércores, 11 de marzo, o Cineclube Padre Feijoo e mais Cinebox Ourense presentan o filme Gomorra, de Matteo Garrone, gañador do Gran Premio do Festival de Cannes 2008. Os pases, ás 20.30 e 23.00 horas, terán lugar no Cinebox Ourense, no Centro Comercial Ponte Vella; as entradas serán de 4,00 euros (3,00 euros no caso de estudantes con carné universitario).
O filme está incluído no quinto ciclo «Estreas en Versión Orixinal», subtitulado nesta ocasión «Aquí e agora». Para o ciclo cóntase coa colaboración da Federación de Cineclubes de Galicia, apoiada pola Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual da Xunta de Galicia, e mais da Vicerreitoría do Campus de Ourense da Universidade de Vigo.
Gomorra está baseado na novela homónima de Roberto Saviano (que colaborou tamén no seu guión), e pon ao descuberto como funciona a Camorra nas provincias de Nápoles e Caserta; as normas desta organización afectan, dunha ou outra forma, a case todos os seus habitantes. O filme conta cinco historias que se entrecruzan nesta paisaxe violenta, neste mundo desapiadado, aparentemente afastado da realidade, mais ben enraizado nesa terra. Pola súa novela e o filme, Roberto Saviano vive ameazado de morte, e baixo protección policial.
A película emprega como secundarios moitos actores non profesionais sacados realmente dos ambientes que retrata (até o punto de teren sido tres deles detidos con posterioridade pola súa relación coas actividades mafiosas). Gomorra foi a gran gañadora dos Premios do Cinema Europeo 2008 (6 premios, entre os cales están o de mellor filme e mellor director), e foi nomeada para os Globos de Ouro como mellor filme estranxeiro.

Ningún comentario: