24/03/09

‘Los limoneros’

Esta é a nota de prensa enviada hoxe aos medios (se queres recibir información sobre as actividades do Cineclube, únete ao grupo de correo en http://groups.google.es/group/cineclubepf)

‘LOS LIMONEROS’, NO CICLO DE ESTREAS EN VERSIÓN ORIXINAL

Mañá, mércores 25 de marzo, o Cineclube Padre Feijoo e mais Cinebox Ourense presentan o filme israelí Los limoneros (Etz limon), de Eran Riklis, gañador do Premio do Público no Festival de Berlín 2008. Os pases, ás 20.30 e 23.00 horas, terán lugar no Cinebox Ourense, no Centro Comercial Ponte Vella; as entradas serán de 4,00 euros (3,00 euros no caso de estudantes con carné universitario).
O filme está incluído no quinto ciclo «Estreas en Versión Orixinal», subtitulado nesta ocasión «Aquí e agora». Para o ciclo cóntase coa colaboración da Federación de Cineclubes de Galicia, apoiada pola Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual da Xunta de Galicia, e mais da Vicerreitoría do Campus de Ourense da Universidade de Vigo.
Película israelí crítica coa política do seu propio país, Los limoneros conta como Salma, unha viúva palestina, decide librar unha batalla contra o ministro de Defensa de Israel, cuxa casa linda co seu campo de limoeiros, na fronteira entre Israel e os Territorios Ocupados. A policía non tarda en decretar que as árbores de Salma representan unha auténtica ameaza para o ministro de Defensa e a súa familia, e ordena que se corten. Mais Salma decide loitar para salvar as súas árbores e a súa vida.
O diario Le Monde dicía ao respecto deste filme: «O director Eran Riklis realiza unha reflexión política e dá unha lección de humanismo a partir dunha ilustración metafórica da difícil convivencia entre israelís e palestinos».
Con este filme conclúe o quinto ciclo de Estreas en Versión Orixinal, mais a próxima semana comezará o ciclo número seis, coa película brasileira Estômago.

Ningún comentario: