O CINECLUBE COMEZA O ANO DO SEU 40º ANIVERSARIO CO CICLO «NOVAS OLLADAS AO CINEMA FANTÁSTICO»
A partir do próximo día 13 de xaneiro comezan os novos ciclos do Cineclube Padre Feijoo, en colaboración con Cinebox Ourense. O primeiro deles será o titulado «Estreas en Versión Orixinal 8: Novas olladas ao cinema fantástico», e traerá a Ourense tres títulos inéditos na nosa cidade deste xénero en continua reformulación.
Os pases, como vén sendo habitual, serán ás 20.30 e ás 23.00 horas, no Cinebox Ourense (Centro Comercial Ponte Vella), e as entradas serán de 4,00 euros (3,00 euros no caso de estudantes con carné universitario). Para o ciclo cóntase co apoio da Concellaría de Cultura do Concello de Ourense, así como da Federación de Cineclubes de Galicia, da Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia e da Vicerreitoría do Campus de Ourense.
O mércores 13 de xaneiro proxectarase, pois, o filme sueco Déjame entrar, de Tomas Alfredson; a fita, premiada en festivais de todo o mundo, incluídos Tribeca, Amsterdam e Sitges, supón unha acertada revisión do mito do vampirismo desde a perspectiva infantil, e unha renovación do cinema de terror sen recorrer á truculencia. O día 20, a coprodución The Fall: El sueño de Alexandria, dirixida por Tarsem Singh, ofrécenos a imaxinación máis desbordante nunha fábula en que se mesturan todo tipo de tradicións e que recibiu premios nos festivais de Berlín e Sitges. Por último, o día 27 proxectarase a película Moon, do realizador británico Duncan Jones, que recupera o mellor da ciencia ficción nun filme con reminiscencias a grandes títulos, merecedor de premios en festivais como o de Sundance.
Iníciase así un ano en que o Cineclube Padre Feijoo chegará, no outono, aos seus corenta anos de actividade en Ourense. Nos próximos meses irase anunciando as seguintes actividades de celebración deste aniversario.
Ciclo Estreas en Versión Orixinal 8
Novas olladas ao cinema fantástico
13/1/10: Déjame entrar
20/1/10: The Fall: El sueño de Alexandria
27/1/10: Moon
Ciclo Estreas en Versión Orixinal 8: Novas olladas ao cinema fantástico
Xaneiro 2010
Cinebox Ourense
Entrada: 4 euros (3 euros con carné universitario)
Versión Orixinal Subtitulada
Co apoio de:
Concellería de Cultura – Concello de Ourense
Federación de Cineclubes de Galicia
Secretaría Xeral de Medios – Xunta de Galicia
Vicerreitoría do Campus de Ourense
• Mércores 13 de xaneiro de 2010 • Cinebox Ourense, 20.30 e 23 h
Déjame entrar
Låt den rätte komma in. Suecia, 2008. Cor, 114 min • Dirección: Tomas Alfredson • Produción: John Nordling, Carl Molinder (Bavaria Film International, EFTI Film) • Guión: John Ajvide Lindqvist, segundo a súa novela • Fotografía: Hoyte Van Hoytema • Montaxe: Dino Jonsäter, Tomas Alfredson • Música: Johan Söderqvist • Intérpretes: Kåre Hedebrant (Oskar), Lina Leandersson (Eli), Per Ragnar (Håkan), Henrik Dahl (Erik), Karin Bergquist (Yvonne), Peter Carlberg (Lacke), Ika Nord (Virginia), Mikael Rahm (Jocke), Anders T. Peedu (Morgan), Pale Olofsson (Larry) • Estrea en Suecia: 24/10/2008 • Estrea en España: 17/4/2009. Versión orixinal en sueco con subtítulos en castelán.
• Festival de Tribeca 2008: Mellor longametraxe narrativa
• Festival de Cinema Fantástico de Bruxelas 2008: Corvo de Ouro
• Premios Saturn 2009: Mellor filme internacional
• Festival de Cinema Fantástico de Amsterdam 2009: Premio Black Tulip, Premio Silver Scream
• Festival de Edimburgo 2008: Premio de Consenso Crítico
• Festival Fant-Asia 2008: Mellor filme europeo ou americano, Mellor director, Mellor Film, Mellor dirección de fotografía
• Festival de Goteburgo 2008: Premio á mellor dirección, Premio á mellor dirección de fotografía
• Festival de Sitges 2008: Gran Premio de Ouro ao Filme Fantástico Europeo
• Semana de Cine Fantástico de San Sebastián 2008: Premio do público
Web oficial (español): http://www.karmafilms.es/dejamentrar
Web oficial (inglés): http://www.lettherightoneinmovie.com
Oskar é un rapaz de 12 anos que sofre continuamente o acoso dalgúns compañeiros da súa clase. O seu desexo de ter un amigo parece facerse realidade cando coñece a Eli, unha nena da súa mesma idade que acaba de mudarse á casa do lado. Pero Eli é unha nena misteriosa: é moi seria, está moi pálida, só sae polas noites e aparentemente non lle afectan as temperaturas xeadas. Unha serie de desaparicións e asasinatos inexplicábeis coinciden coa chegada da rapaza.
• Mércores 20 de xaneiro de 2010 • Cinebox Ourense, 20.30 e 23 h
The Fall: El sueño de Alexandria
The Fall. EE. UU./Reino Unido/India, 2006. Cor, 118 min. Dirección: Tarsem Singh • Produción: Tarsem Singh (Googly Films, Treetop Films) • Guión: Dan Gilroy, Nico Soultanakis, Tarsem Singh, a partir do guión de Valeri Petrov para o filme ‘Yo Ho Ho’ (1981), dirixido por Zako Heskija • Fotografía: Colin Watkinson • Montaxe: Robert Duffy • Música: Krishna Levy • Intérpretes: Lee Pace (Roy Walker), Catinca Untaru (Alexandria), Justine Waddell (Evelyn), Julian Bleach (Mystic), Leo Bill (Charles Darwin), Marcus Wesley (Otta Benga), Robin Smith (Luigi), Daniel Caltagirone (Sinclair/Gobernador Odio), Ronald France (Otto), Kim Uylenbroek (doutor/Alexandre Magno), Emil Hostina (pai de Alexandria/bandido) • Estrea en EE. UU.: 30/5/2008 • Estrea en España: 14/1/2008. Versión orixinal en inglés e romanés con subtítulos en castelán.
• Festival de Berlín 2007: Mención Especial Oso de Cristal
• Festival de Sitges 2007: Mellor filme
Web oficial (español): http://www.tripictures-spain.com/thefall/default.html
Web oficial (inglés): http://www.thefallthemovie.com
Nos anos vinte, un especialista de secuencias de acción é ingresado nun hospital tras unha caída que o deixa sen poder andar. Alí encontra o apoio de Alexandria, unha nena cun brazo roto coa que cerra unha promesa: vaille contar a historia máis marabillosa do mundo. O relato axiña superará todos os límites, e trasladará o filme a todos os confíns do mundo.
• Mércores 27 de xaneiro de 2010 • Cinebox Ourense, 20.30 e 23 h
Moon
Moon. Reino Unido, 2009. Cor, 97 min • Dirección: Duncan Jones • Produción: Stuart Fenegan, Trudie Styler (Sony Pictures Classics, Liberty Films, Xingu Films, Limelight.) • Guión: Nathan Parker, segundo un argumento de Duncan Jones • Fotografía: Gary Shaw • Montaxe: Nicolas Gaster • Música: Clint Mansell • Intérpretes: Sam Rockwell (Sam Bell), Kevin Spacey (voz de Gerty), Dominique McElligott (Tess Bell), Kaya Scodelario (Eve Bell), Benedict Wong (Thompson), Matt Berry, Malcolm Stewart • Estrea no Reino Unido: 17/7/2009 • Estrea en España: 9/10/2009. Versión orixinal en inglés con subtítulos en castelán.
• Festival de Sundance 2009: Sección oficial
• Festival de Tribeca 2009: Sección oficial
• British Independent Film Awards 2009: Mellor filme independente británico, Mellor director novel
• Festival de Edimburgo 2009: Mellor longametraxe británica
• Festival de Sitges 2009: Mellor filme, Mellor guión, Mellor actor (Sam Rockwell), Mellor deseño de produción
• Festival de Atenas 2009: Athena de Ouro
• Festival de Cinema Británico de Dinard 2009: Hitchcock de Prata
• Festival de Seattle 2009: Premio Golden Space Needle
Web oficial (español): http://www.moonlapelicula.com/
Web oficial (inglés): http://www.moonthemovie.com/
Sam Bell é un mineiro enviado á Lúa coa misión de extraer un gas que salvará a Terra da crise enerxética que atravesa. Tras pasar tres anos só na base lunar, afastado da súa familia, Bell está a punto de regresar ao seu fogar, mais entón comeza a sufrir unha serie de estrañas visións.