Esta é a nota de prensa enviada hoxe aos medios (se queres recibir información sobre as actividades do Cineclube, únete ao grupo de correo en http://groups.google.es/group/cineclubepf ou a través de Facebook)
O NOVO CICLO SOBRE ENSINO E SOCIEDADE
ABRE A TEMPORADA DO CINECLUBE
Nas dúas últimas semanas do mes de novembro, o Cineclube Padre Feijoo e Cinebox Ourense proxectarán dous filmes dentro do seu novo ciclo «Estreas en Versión Orixinal 11: Ensino e sociedade». Como o propio nome do ciclo indica, son películas proxectadas en versión orixinal con subtítulos en castelán. Para o ciclo cóntase co apoio da Concellería de Cultura do Concello de Ourense, así como da Federación de Cineclubes de Galicia, da Xunta de Galicia co Consorcio Audiovisual de Galicia e da Vicerreitoría do Campus de Ourense.
As proxeccións serán os mércores 17 e 24 de novembro, ás 20:30 e 23 h, no Cinebox Ourense (Centro Comercial Ponte Vella).
Os dous títulos que compoñen o ciclo «Ensino e sociedade» analizan, con historias situadas en momentos moi diferentes do século XX en Europa, a relación da educación cos sistemas políticos e sociais da súa época. Así, o próximo mércores, 17 de novembro, proxectarase La cinta blanca, a aclamada película do austríaco Michael Haneke que reflexiona, cos sucesos dunha pequena vila do norte de Alemaña nas vésperas da I Guerra Mundial, sobre as orixes da ideoloxía nazi.
O mércores 24, en troques, An Education, da directora danesa Lone Scherfig, levaranos ao Londres dos anos 60 e o contraste que supón para unha rapaza educada na férrea disciplina educativa británica coñecer a vida de fóra do seu colexio nun momento de cambios culturais profundos.
Ciclo Estreas en Versión Orixinal 11
Ensino e sociedade
Novembro 2010
17/11/2010 La cinta blanca
24/11/2010 An Education
Cinebox Ourense
Entrada: 4 euros (3 euros con carné universitario)
Versión Orixinal Subtitulada
Co apoio de:
Concellería de Cultura – Concello de Ourense
Federación de Cineclubes de Galicia
Xunta de Galicia / Consorcio Audiovisual de Galicia
Vicerreitoría do Campus de Ourense
• Mércores 17 de novembro de 2010 • Cinebox Ourense, 20.30 e 23 h
La cinta blanca
Das weisse Band. Eine deutsche Kindergeschichte. Alemaña/Austria/Francia/Italia, 2009. Branco e negro, 144 min • Dirección e guión: Michael Haneke • Produción: Stefan Arndt, Veit Heiduschka, Margaret Menegoz, Andrea Occhipinti (X Filme Creative Pool, Wega Film, Les Films du Losange, Lucky Red) • Fotografía: Christian Berger • Montaxe: Monika Willi • Intérpretes: Leonie Benesch (Eva), Josef Bierbichler (encargado), Rainer Bock (doutor), Christian Friedel (mestre), Burghart Klaussner (pastor), Steffi Kühnert (Anna), Ursina Lardi (Marie Louise), Susanne Lothar (comadroa), Gabriela-Maria Schmeide (Emma), Ulrich Tukur (o barón) • Estrea en Alemaña: 15/10/2009 • Estrea en España: 15/1/2010. Versión orixinal en alemán con subtítulos en castelán.
• Festival de Cannes 2009: Palma de Ouro, Premio Fipresci, Premio Cinematográfico do Sistema Nacional Francés de Educación
• Premios do Cinema Europeo 2009: Mellor director, Mellor filme, Mellor guión
• Festival de San Sebastián 2009: Premio Fipresci ao Filme do Ano
• Globos de Ouro 2010: Mellor filme en lingua non inglesa
• Oscars 2010: nomeado como Mellor filme de fala non inglesa e á Mellor fotografía
• Web oficial (alemán): http://dasweisseband.x-verleih.de
• Web oficial (español): http://www.golem.es/lacintablanca
1913-1914. Estraños acontecementos, que aos poucos toman carácter de castigo ritual, ocorren nunha pequena vila protestante do norte de Alemaña. Quen está detrás de todo isto? Os nenos e adolescentes do coro do colexio e da igrexa e as súas familias conforman unha historia que reflexiona sobre as orixes do nazismo en vésperas da I Guerra Mundial.
• Mércores 24 de novembro de 2010 • Cinebox Ourense, 20.30 e 23 h
An Education
An Education. Reino Unido/EE. UU., 2009. Cor, 102 min • Dirección: Lone Scherfig • Produción: Finola Dwyer, Amanda Posey (BBC Films, Wildgaze Films, Finola Dwyer Productions, Endgame Entertainment) • Guión: Nick Hornby, baseado nas memorias de Lynn Barber • Fotografía: John de Borman • Montaxe: Barney Pilling • Música: Paul Englishby • Intérpretes: Peter Sarsgaard (David), Carey Mulligan (Jenny), Alfred Molina (Jack), Rosamund Pike (Helen), Dominic Cooper (Danny), Olivia Williams (Srta. Stubbs), Emma Thompson (directora), Cara Seymour (Marjorie), Matthew Beard (Graham), Sally Hawkins (Sarah) • Estrea no Reino Unido: 30/10/2009 • Estrea en España: 26/2/2010.
• Festival de Sundance 2009: Premio do Público e Premio á mellor fotografía
• Globos de Ouro 2010: nomeada como Mellor actriz dramática (Carey Mulligan)
• Oscars 2010: nomeada como Mellor filme, Mellor actriz (Carey Mulligan) e Mellor guión adaptado
• Premios Independent Spirit 2010: Mellor filme estranxeiro
• Premios BAFTA 2010: Mellor actriz principal (Carey Mulligan)
• Premios do Cinema Independente Británico 2009: Mellor actriz (Carey Mulligan)
• Web oficial (inglés): http://www.sonyclassics.com/aneducation
Baseándose nos textos de Lynn Barber, o filme xira en torno a unha moza de 17 anos que reside nos tranquilos suburbios de Londres. Coincidindo co xurdimento da cultura dos 60, a súa vida vira completamente cando coñece un home de 35 anos que a cortexa con elegantes ceas, clubs e viaxes, e pon en perigo o seu futuro na Universidade de Oxford.
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario