Esta é a nota de prensa enviada hoxe aos medios (se queres recibir información sobre as actividades do Cineclube, únete ao grupo de correo en http://groups.google.es/group/cineclubepf ou a través de Facebook)
‘LA CINTA BLANCA’, ESTREA EN OURENSE DO NOVO FILME DE HANEKE
O Cineclube Padre Feijoo e Cinebox Ourense presentan mañá, mércores 17 de novembro, dentro do seu novo ciclo «Estreas en Versión Orixinal 11: Ensino e sociedade», o filme La cinta blanca (Das weisse Band), do austríaco Michael Haneke. As proxeccións serán ás 20:30 e 23:00 h, no Cinebox Ourense (Centro Comercial Ponte Vella). As entradas serán de 4,00 euros (3,00 euros no caso de estudantes con carné universitario).
Para o ciclo cóntase co apoio da Concellería de Cultura do Concello de Ourense, así como da Federación de Cineclubes de Galicia, da Xunta de Galicia co Consorcio Audiovisual de Galicia e da Vicerreitoría do Campus de Ourense.
La cinta blanca, a aclamada película de Michael Haneke, reflexiona, cos sucesos dunha pequena vila do norte de Alemaña nas vésperas da I Guerra Mundial, sobre as orixes da ideoloxía nazi. O filme recibiu a Palma de Ouro en Cannes 2009, tres dos máis relevantes Premios do Cinema Europeo na edición de 2009 (Mellor director, Mellor filme e Mellor guión), o Premio Fipresci ao Filme do Ano en San Sebastián 2009, e o Globo de Ouro 2010 ao Mellor filme en lingua non inglesa. Ademais, estivo nomeado como Mellor filme de fala non inglesa e como Mellor fotografía na última edición dos Oscars.
Haneke, director de películas como Funny Games (tanto na súa versión orixinal en 1997 como no remake americano de 2007), Caché, Código desconocido ou La pianista, é un realizador que non deixa ninguén indiferente, e o caso de La cinta blanca non é ningunha excepción.
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario