«Tránsito: Asia»
«Miradas Etnograficas» 4
Neste tempo moderno e individualista, onde as historias de amor, ciumes, morte, sexo e traizóns, ademais dos paradoxos da vida e as súas debilidades conforman unha levidade do ser, insoportábel e pesado.
Nesta lixeireza, de amor e sentimentos, con todo, ten que tratar cun mundo que é duro como unha pedra. O xénero, drasticamente novo, do cinema contemporáneo é basicamente un intento de atopar un xeito de tratar con esa pesada carga no amor e sentimentos individuais, ou simplemente a carga sobre a súa existencia.
Dende fai uns anos, o cinema asiático amosa unha radical renovación no linguaxe visual, diante da supremacía da estética e ideoloxía occidental, Asia ten unha visión e un xeito moi preciso e particular, que ven desde unha inicial fase orientalista na que se interpretaba a dito cinema como de «contraste», pasou a ser unha zona emerxente de cultura cinematográfica incuestionábel xa para todo o mundo.
«Tránsito: Asia» 2016 · cartaz deseñado por Iñaki Nóvoa (cineclupePF)
Está é unha pequena mostra, que seguramente ampliaremos no futuro con máis etapas, un primeiro tránsito que agardamos gocedes connosco, coas mesmas premisas que nos derradeiros exercizos, os mesmos horarios e días: luns de filmoteca coa programación do Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) ás 20:30 e 23 h. e os mércores (ciclo «Tránsito: Asia») ás 18, 20:30 e 23 h, as mesmas cotas (os descontos son exclusivamente para aos socios/as) e as nosas teimas (puntualidade e móbiles apagados).
Sede pois, benvidos/a s a nova tempada do cineclube, ao cinema nun cuarto escuro (como a situación política actual), que precisa acubillar espectadores/as desexosos de recibir emocións coma ti.
O noso primeiro avance ten unha banda sonora, talvez demasiado alfúfaros, despois dunha orxía degustativa de sake, pretende revelar visualmente [.mp4 • 27'89 MB] os filmes que compoñen este ditoso ciclo, que de seguido podedes ollar xunto cos outros filmes da programación…
«A Seara»
En A Seara do Courel, fixeron un proxecto de rehabilitación para facer máis atractiva turísticamente a aldea. Esta é unha longametraxe documental sobre a restauración que sufriu ese núcleo fai máis de dez anos.
No filme fálase das persoas que participaron e de como foron afectadas as partes: veciños, arquitectos e autoridades.
Comparte o evento ❯❯
De balde, até completar o aforamento (110 butacas).
«As Mil e Uma Noites: Volume 1, O Inquieto» · As Mil e Unha Noites: Volume 1, O Inquieto
Nun país europeo en crise, Portugal, un director proponse construír ficcións a partir da miserable realidade que lle rodea. Pero incapaz de atopar sentido ao seu traballo, foxe de maneira covarde, deixando o seu lugar á bela Sherezade. Ela necesitará ánimo e coraxe para non aburrir ao Rei coas tristes historias dese país. Co transcorrer das noites, a inquietude deixa paso á desolación, e a desolación ao encantamento. Por iso Sherezade organiza as historias en tres entregas. Comeza así: «Oh venturoso Rei, fun coñecedora de que nun triste país…».
Libre adaptación de «As Mil e Unha Noites» ambientada no Portugal de hoxe, e dividida en tres filmes.
Comparte o evento ❯❯
«Captive» · Cativa
Therese Bourgoine, unha voluntaria francesa que participa nunha misión humanitaria na illa de Palawan, un territorio salvaxe de xunglas e montañas, é secuestrada polo grupo «Abu Sayyaf», un movemento xihadista que preconiza a independencia dun estado fundamentalista islámico que englobaría o oeste de Mindanao e o arquipélago de Sulu.
Comparte o evento ❯❯
18 · 20:30 e 23 h. (CEST)
«As Mil e Uma Noites: Volume 2, O Desolado» · As Mil e Unha Noites: Volume 2, O Desolado
Segunda parte da triloxía e libre adaptación de «As Mil e Unha Noites» ambientada no Portugal de hoxe.
Comparte o evento ❯❯
«Right Now, Wrong Then» · Agora Sí, Antes Non
Un director de cinema independente sae a cear e atópase cunha pintora. A partir dese instante, as cousas comezarán a mudar.
Comparte o evento ❯❯
18 · 20:30 e 23 h. (CEST)
«Asolagados»
Documental sobre a xente e os seus pobos (Abideira, Porto, Castro Candaz, Santa Marta, Pincelo, Ponte fortes, A Samugueira, San Paio, Mourulle, Portomeñe, A Hermida, Ribó…), alagados polo encoro de Belesar en 1963. Imaxes e sons da Ribeira Sacra e do río Miño; dos restos das casas, das adegas, das árbores… e especialmente, do dez testemuños que viviron nestes lugares antes da construción do salto e que se viron obrigados a deixalo todo.
Comparte o evento ❯❯
De balde até completar o aforamento (50 persoas
aprox.)
«Sanxia Haoren» · Natureza Morta
Tras a construción da presa das Tres Gargantas (China) a aldea de Fengjie foi alagada e os seus habitantes reacollidos nun novo emprazamento. O mineiro Han Sanming regresa a Fengjie, despois de 16 anos de ausencia, na procura da súa muller. Tamén a enfermeira Shen Hong está na procura do seu home na aldea.
Comparte o evento ❯❯
De balde até completar o aforamento (50 persoas
aprox.)
«As Mil e Uma Noites: Volume 3, O Encantado» · As Mil e Unha Noites: Volume 3, O Encantado
Terceira e última parte de «As Mil e Unha Noites», unha libre adaptación ambientada no Portugal de hoxe.
Comparte o evento ❯❯
«Os Días Afogados»
En 1992, a construción do encoro do Lindoso (Portugal) alagou para sempre as aldeas de Aceredo e Buscalque (Ourense, Galicia). Os seus habitantes nada puideron facer para salvar as súas terras nin os seus fogares. Sabendo que todo estaba a piques de perderse, varios veciños colleron as súas cámaras domésticas e comezaron a gravar. As súas imaxes, gravadas desde mediados dos anos 60, constitúen un valioso documento histórico e etnográfico, filtrado pola subxectividade e as vivencias familiares. Son, ao mesmo tempo, un acto de fe en en as posibilidades do cinema doméstico para dar conta do tempo histórico que nos toca vivir. Máis aló do íntimo, revélanse como un retrato dos mecanismos cos que actúa o Poder. A tensión entre o existencial e o político, e entre o tempo pasado e a realidade presente, condicionan unha historia que se proxecta en múltiples sentidos máis aló de se mesma.
Comparte o evento ❯❯
De balde até completar o aforamento (50 persoas
aprox.)
«Proshchanie» · Adeus a Matiora
Matiora é unha illa situada na parte central de Rusia, no medio dun gran río, que será alagada para facilitar a construción dun encoro. Esta é a historia dos seus habitantes, que han de despedirse do seu fogar.
Comparte o evento ❯❯
De balde até completar o aforamento (50 persoas
aprox.)
Sesión: Alberte Pagán
Proxección dos traballos «Faustino 1936» (2010), «Walsed» (2013) e «Frank» (2015).
Comparte o evento ❯❯
De balde, até completar o aforamento (110 butacas).
«Shan He Gu Ren» · Máis Aló das Montañas
En China a finais de 1999, Tao, unha moza de Fenyang, é cortexada polos seus dous amigos da infancia, Zang (dono dunha estación de servizo cun futuro prometedor) e Liang (mineiro). O seu corazón está dividido entre estos dous homes e debe tomar unha decisión que selará o seu destino e o do seu futuro fillo.
Comparte o evento ❯❯
18 · 20:30 e 23 h. (CEST)
«La Vie Sur Terre» · A Vida da Terra
Na véspera do século
XXI,
Abderrahmane Sissako, cineasta mauritano que vive en Francia, regresa a
Sokolo, unha aldeíña de
Mali, para reunirse co seu pai: «
Querido pai, sorprenderasche e mesmo te preocuparás ao recibir unha carta miña. Fágoo para estar seguro de que todo está ben. Ocorreu algo importante que me trae de volta a Sokolo: o desexo de filmar a vida en Sokolo, a vida na miña terra, así como o desexo de afastarme de todo, sabendo que pronto chegará o ano 2000 e nada cambiaría para ben. Sábelo mellor que eu»
Sissako chega ao pobo, muda de roupa, monta na bicicleta e pasea polas rúas…
Comparte o evento ❯❯
«Kamakura Diary» · A Nosa Irmá Pequena
Sachi, Yoshino e Chika son tres irmás que viven en Kamakura (Xapón), na casa da súa avoa. Un día reciben a noticia da morte do seu pai, que as abandonou cando eran pequenas. No funeral coñecen á filla que o seu pai tivo trece anos antes e decontado as catro irmás deciden vivir xuntas.
Comparte o evento ❯❯
18 · 20:30 e 23 h. (CEST)
Por último, insistir unha vez máis, que podedes opinar sobre as propostas fílmicas presentadas, agradecemos que visites a axenda da «Feciga», onde podes atopar o listaxe dos filmes que botamos e avalialos, nos axuda a coñecer os teus gustos, ademáis de ter ao voso dispor, os comentarios deste blogue ou as redes sociais nas que participamos, onde podes expor as túas inquedanzas xerais sobre o traballo que desenvolve o cineclube e as impresións que vos suscitan os filmes programados, apreciamos moitísimo os vosos comentarios.
Gustaríanos coñecer tamén, o que pensas sobre o traballo que desenvolven, en xeral, os cineclubes, polo que che pregamos dediques un anaquiño do teu tempo en realizar a enquisa da Federación de Cineclubes de Galicia «Feciga», de contado, moitísimas grazas polo teu tempo.
Nos vemos na Biblioteca Pública (rúa Concello 11 - Ourense).
Ningún comentario:
Publicar un comentario