Filmoteca
XI Ciclo Colexio de médicos
Sesións dos mércores
Sesión maxistral de filmoteca
Tralo festivo paso oportuno do entroido, albiscamos o disfrace da primavera con espírito de rebelión e resistencia. Unha das características esenciais das imaxes, sobre todo das imaxes en movemento como o cinema, é a poderosa relación que pode manter coa realidade. Destacamos dúas propostas con diferentes narrativas que chegan desde Euskadi e Portugal para enfrontarse de distinto xeito aos avatares da loita. Tamén temos traxedia edulcorada co absurdo, no primeiro filme iraquiano despois do estrague deixado polos EUA e experiencias inmersivas de silencio: con protagonismo femeníno en “Sorda”, masculino en “Galos de pelexa” ou de toda unha aldea, na excepcional obra cume de Béla Tarr, "Sátántangó" (Pregamos atención ao horario).
O problema da vivenda no cinema español de finais dos 50 e principios dos 60 plásmase a través da sátira, o humor negro e o realismo, deformando os comportamentos de personaxes atrapados en matrimonios de conveniencia ou humillacións burocráticas para obter un piso, reflectindo unha asfixia social e económica extrema que está en auxe, aínda que quizais o reflexo narrativo non sexa o mesmo. Recuperamos así un filme vixente escrito por Rafael Azcona, coa dirección de Marco Ferreri, xunto con outras propostas que tamén falan de miseria e degradacións social; como a emocionante película de Kaouther Ben Hania, "A voz de Hind" que anticipa o xenocidio en Palestina (que segue executando o actual goberno sionista) e foi premiada no pasado Festival de Venecia, xunto coa outra das propostas que programamos; a máis cineclubista de todas como poden ser as obras de Jim Jarmusch e que nestá ocasión, radiografía a familia no medio dun mundo fragmentado, como o actual.
De contado podedes consultar e descargar as follas de sala , así como vídeo [.mp4 • 17'5 MB] que resume a programación que preparamos.
En conclusión, xuntamos con esta programación a potencia da ficción para achar nela unha ferramenta fundamental para o entendemento do mundo. Agardamos por vós.
Filmoteca
«Aro berria»
Donostia, 1978. Os traballadores da fábrica de contadores de auga reúnense en asemblea para debater unha folga que finalmente non prospera. Decepcionados, os máis inconformistas dirixen as súas aspiracións de transformación social cara a ámbitos máis íntimos. Algúns abandonan a fábrica e intégranse nunha comunidade illada nas montañas, onde decenas de persoas emprenden unha intensa busca a través de experiencias catárticas compartidas.
"Unha fascinante e vigorizante exploración do movemento alternativo que naceu no seo da loita obreira guipuscoana dos anos setenta"
(Cristóbal Soage, Cineuropa)
XI Ciclo Colexio de médicos
«Šarlatán» Charlatán
Desde moi novo, a Jan Mikolášek fascináronlle as plantas e as súas propiedades medicinais. Pronto, converteuse nun dos maiores “sanadores" do seu tempo. Nos anos trinta, durante a época da guerra e posguerra, dedicou a súa vida para tratar sen distinción a ricos e pobres, aos nazis durante a ocupación e aos comunistas despois da guerra. A súa popularidade acabou por irritar ás autoridades políticas. Acusado de ser un curandeiro charlatán, Mikolášek tivo que demostrar a validez da súa ciencia durante o seu xuízo.
"Un drama histórico de psicoloxía áspera e sen un ápice de emocionalismo bobo, con narrativa de aceiro e verdadeira faragulla non só dramática senón también sociolóxica"
(Antonio Trashorras, Fotogramas)
+ [ INFO. do resto do ciclo ]
Sesións dos mércores
«Sawt al-Hind Rajab» A voz de Hind
29 de xaneiro de 2024. Os voluntarios da Media lúa vermella reciben unha chamada de emerxencia. Unha nena de 6 anos está atrapada nun coche baixo o fogo en Gaza, suplicando ser rescatada. Mentres tentan mantela en liña, fan todo o posible por enviarlle unha ambulancia. O seu nome, Hind Rajab.
Premios
2025 Festival de Venecia; Premio do xurado
2025 SSIFF; Premio do público
"Non hai ningún momento de relaxación para o espectador e cara ao final percibo reaccións físicas en min. Ou sexa: o calafrío, o nó na garganta (...) Kaouther Ben Hania crea unha atmosfera irrespirable, a que se merece esta historia"
(Carlos Boyero, El País)
Filmoteca
«Cockfighter» Galos de pelexa
Frank Mansfield, un criador de galos de pelexa que xurou gardar silencio tras perder unha aposta, busca recuperar o título de ‘Galeiro do Ano’ no duro mundo das loitas de galos do sur dos EUA. Tras perdelo todo, adestra novos galos con obsesión e enfróntase ao seu rival Jack Burke, mentres tenta reconciliarse coa súa moza Mary Elizabeth, quen rexeita a súa vida.
"‘Galos de pelexa’ é un referente do cinema independente americano que incide ao seu modo nos cambios aos que se enfrontaba a súa sociedade na época, e que reflicte esta transición de maneira moi suxestiva en forma de baleiro existencial dos personaxes, sen grandes propósitos nin motivacións, que ven con pasividade como o seu mundo redúcese cada vez máis"
(Javier Abarca , cinemaldito.com)
Sesións dos mércores
«Sorda»
Ángela, unha muller xorda, vai ter un bebé con Héctor, a súa parella ouvinte. O embarazo fai aflorar os seus medos fronte a maternidade e sobre como poderá comunicarse coa súa filla. A chegada da nena xera unha crise na parella e leva a Ángela a afrontar a crianza da súa filla nun mundo que non está feito para ela. Longametraxe baseada na curta de 2021 do mesmo nome.
"Un exercicio de cinema transparente e profundamente emotivo da man do excelente traballo da actriz non ouvinte Miriam Garlo"
(Luis Martínez, El Mundo)
Sesión maxistral de filmoteca
«Sátántangó»
O fracaso dunha granxa colectiva durante uns cantos días dun chuvioso outono. Os soños, intrigas e traizóns que se dan na cooperativa, observados desde a perspectiva de distintos personaxes nunha película chea de sarcasmo e humor negro apocalíptico. Un relato fascinante presidido por un título elocuente (non en van significa xenialidade diabólica e irónica).
Premios
1960: Globo de ouro: Mellor película estranxeira
1960: Premios David di Donatello: Mellor actriz estranxeira (Brigitte Bardot)
"Sátántangó é unha obra mestra, un verdadeiro fito cinematográfico que non só sorprende polo súa inabarcable duración, se non polo seu valor moral e pola súa fascinante dirección. Béla Tarr erguese como un artista único, determinado pola constante procura do aborrecemento existencial e da falta de valores presentes na sociedade moderna. Unha triste fábula que merece a pena ver"
(Antonio Gallardo , cinemagavia.es)
Filmoteca
«A savana e a montanha»
Un híbrido documento que captura a loita creativa dos habitantes de Covas do Barroso, no norte de Portugal, contra os plans da empresa británica Savannah Resources, que quere construír a mina de litio a ceo aberto máis grande de Europa a poucos metros das súas casas. Diante desa ameaza inminente, a comunidade reúnese para organizarse e expulsar a compañía das súas terras, utilizando actuacións musicais e escenificacións inspiradas no oeste para visibilizar a súa resistencia. A través da arte e da solidariedade, os veciños non só defenden o seu territorio, senón que tamén afirman a súa identidade cultural, loitando por un futuro no que as súas voces sexan escoitadas e respectadas.
Premios
2024: SEMINCI; Mención especial Tempo de historia
"Unha historia excepcionalmente tenra de David e Goliat, un encanto que se desenvolve paseniña cun corazón cálido"
(Jonathan Holland, Screendaily)
Sesións dos mércores
«Father mother sister brother»
Tres historias sobre relacións distantes entre pais e fillos. Todas teñen lugar na actualidade, pero cada unha nun país diferente. O filme é estudo de personaxes tranquilo, observacional e sen prexuízos. Unha comedia pero entretecida con fíos de melancolía.
Premios
2025: Festival de Venecia; León de ouro
"Tan fermosa e melancólica que dan ganas de chorar de pura felicidade"
(Manu Yáñez, Fotogramas)
Filmoteca
«El pisito»
Petrita e Rodolfo son mozos desde hai doce anos, mais non poden contraer matrimonio por falta de medios para adquiriren unha vivenda. Petrita finalmente albisca unha solución: Rodolfo casará con Dona Martina, a súa anciá e enferma caseira, de xeito que cando esta faleza herdará o contrato de alugueiro sobre o inmoble a baixo prezo.
"Aceda e realista crítica, chea de extremos e que constitúe un dos clásicos do noso cinema. Maxistral"
(Fernando Morales, El País)
Sesións dos mércores
«Mamlaket Al-Qasab» A torta do presidente
Iraq, anos noventa. A pequena Lamia recibe a misión de preparar unha torta con motivo do aniversario do presidente Sadam Huseín. Acompañada polo seu amigo Saeed e co seu galo Hindi ao lombo, percorre Bagdad en busca dos ingredientes, vivindo unha serie de peripecias que alterarán por completo a súa vida cotiá.
"Conmovedora fábula sobre a forza da infancia"
(Días de Cine - TVE)
> Media hora antes de cada sesión e ata 10 minutos antes, está dispoñible a inscripción e renovación de carnés de socios/as.
Todas as proxeccións son no salón de actos da Casa da Cultura, onde estaba a Biblioteca Pública (rúa Concello 11 - Ourense). A capacidade da sala está limitada a 110 persoas por sesión.
Pregamos puntualidade.
Lembramos usen a máscara de protección dentro da sala; se vostede presenta síntomas de catarro, gripe ou COVID.
Os símbolos desta web son; VO; Versión orixinal, VOS (Versión orixinal subtitulada, en castelán VOSE, en galego VOSG), VD; versión orixinal ou dobrada cos mesmos patróns E español /G galego / CAT catalán / EUS euskera / E-Aame español americano / PT portugués.
A calificación por idades de cada filme sigue o seguinte patrón; [A] apta para todos os públicos, [+7] recomendado para maiores de 7 anos, [+12] recomendado para maiores de 12 anos, [+18] recomendado para maiores de 18 anos, e [ND] Non dispoñible ou [SC] sen clasificación no ICAA.
Cando se proxecte en resolución 4096 × 2160 px, farase constar /4K/. Cando sexa en celuloide 35 ou 16 mm, /Nº mm/ e sen constancia explícita; ésta será en VXGA (DVD,BluRay ou mp4). A diferencia entre a resolución da primeira e a última son 8 millóns de px fronte a dous millóns de px.(1,9 K).
Tamén podes consultar aquí... a programación extraordinaria na que colabora o cineclube, o blog Sala de máquinas (que da acceso tamén ás follas de sala, organigrama e transparencia), clube de cine Nós #CCPF, a web da Biblioteca pública Nós, os cineclubes de Ourense (que da acceso tamén á Federación de cineclubes de Galicia), á base de datos do ICAA ou ás base de datos de filmaffinity e IMDB.
ADVERTENZAS:
Non se permite o acceso á sala unha vez comenzada a sesión. Tampouco se permite o uso do teléfono móbil unha vez comezada a proxección * sendo motivo en caso contrario de expulsión da sala, sen dereito á reclamación. (En caso de socio/-a será proposto de expulsión da asociación).
(*) Agás para os filmes con audiodescripción, así sinalizados [ AD))) ].
----------
(*) A audiodescripción estará disponible mediante a aplicación gratuita da fundación ONCE; "AUDESCMOBILE".
(Non é preciso software o hardware adicional. O/A usuario/a tan só ten que instalar a aplicación no seu móbil, descargar a audiodescripción da película que quere ver e unha vez na sala de cine, conectar os cascos e reproducir o arquivo. A audiodescripción comenzará e se sincronizará automáticamente coa película)


Ningún comentario:
Publicar un comentario