09/03/10

‘Cómo celebré el fin del mundo’

Esta é a nota de prensa enviada hoxe aos medios (se queres recibir información sobre as actividades do Cineclube, únete ao grupo de correo en http://groups.google.es/group/cineclubepf ou a través de Facebook)

‘CÓMO CELEBRÉ EL FIN DEL MUNDO’, NO CICLO «CATRO MIRADAS DO MUNDO»

Mañá,
mércores 10 de marzo, o Cineclube Padre Feijoo e Cinebox Ourense presentan a película romanesa Cómo celebré el fin del mundo (Cum mi-am petrecut sfarsitul lumii), dirixida por Catalin Mitulescu, dentro do ciclo «Estreas en Versión Orixinal 10: Catro miradas do mundo». O filme obtivo o Premio á Mellor Actriz na prestixiosa sección «Unha certa ollada» do Festival de Cannes de 2006, e o Premio da Xuventude da Seminci de Valladolid dese mesmo ano. Os pases serán ás 20.30 e 23.00 horas, no Cinebox Ourense (Centro Comercial Ponte Vella); as entradas serán de 4,00 euros (3,00 euros no caso de estudantes con carné universitario).

O presente ciclo conta co apoio da Concellaría de Cultura do Concello de Ourense, así como da Federación de Cineclubes de Galicia, da Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia e da Vicerreitoría do Campus de Ourense.


Cómo celebré el fin del mundo sitúanos en Bucarest, en 1989, derradeiro ano da ditadura de Ceausescu. Eva, de 17 anos, vive cos seus pais e co seu irmán de 7, Lalalilu. Un día na escola, Eva e o seu mozo Alex —fillo dun odiado oficial do partido comunista— rompen accidentalmente un busto de Ceausescu. Alex confesa a súa culpa perante toda a clase e un comité disciplinario do partido; Eva négase e é trasladada a un reformatorio. Alí coñece a Andrei, que se está a preparar para escapar do país cruzando a nado o Danubio. Eva decide escapar con el. Lalalilu, desolado pola fuga da súa irmá, chega á conclusión de que Ceausescu é o culpábel de toda a súa dor e a razón principal da decisión de Eva. Entón, cos seus amigos da escola, traza un plan para lograr que Eva regrese e comezar unha nova vida nunha Romanía libre.


Deborah Young, na revista Variety, comentaba sobre Cómo celebré el fin del mundo: «Mitulescu logra harmonizar os difíciles camiños do ton traxicómico da película, ofrecendo ao espectador o sentimento daquela época tal como foi sentido pola xente corrente que quedou na sombra até que de repente a revolución puxo o seu mundo do revés».

Ningún comentario: