Esta é a nota de prensa enviada hoxe aos medios (se queres recibir información sobre as actividades do Cineclube, únete ao grupo de correo en http://groups.google.es/group/cineclubepf ou a través de Facebook)
‘FROZEN RIVER’: CINEMA COMPROMETIDO NO CICLO «CATRO MIRADAS DO MUNDO»
Mañá, mércores 17 de marzo, o Cineclube Padre Feijoo e Cinebox Ourense presentan a película Frozen River (Río helado), dirixida pola estadounidense Courtney Hunt. O filme enmárcase no ciclo «Estreas en Versión Orixinal 10: Catro miradas do mundo», que para esta ocasión conta coa colaboración do Grupo Local de Amnistía Internacional en Ourense. O filme obtivo o Gran Premio do Xurado no Festival de Sundance de 2008, así como tres premios (entre eles, a Cuncha de Prata á Mellor Actriz) no Festival de San Sebastián 2008. Os pases serán ás 20.30 e 23.00 horas, no Cinebox Ourense (Centro Comercial Ponte Vella); as entradas serán de 4,00 euros (3,00 euros no caso de estudantes con carné universitario).
O presente ciclo conta co apoio da Concellaría de Cultura do Concello de Ourense, así como da Federación de Cineclubes de Galicia, da Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia e da Vicerreitoría do Campus de Ourense.
Frozen River conta a historia dunha muller, Ray, a punto de comprar a casa dos seus soños para a súa pequena familia. Porén, o seu marido, grande afeccionado ás apostas, foxe co diñeiro e déixaa arruinada e soa cos nenos. Mentres trata de encontrar o seu marido, Ray coñece a Lila Littlewolf, unha rapaza mohawk que lle propón un xeito de gañar diñeiro fácil. O plan é arriscado: pasar inmigrantes ilegalmente polo xeado río Saint Lawrence, con patrullas fronteirizas nas dúas beiras. A desesperación por gañar diñeiro empurra a Ray a aceptar a oferta. Ray conducirá o coche e repartiranse as ganancias. Ao principio, a capa de xeo é grosa, mais a medida que seguen co seu negocio e o xeo se fai máis delgado, Ray e Lila descubrirán que trasladar inmigrantes ten un prezo.
A directora Courtney Hunt, como afirmaba o diario Le Monde, «encontra o equilibrio perfecto entre o suspense, a crónica social e a relación entre as protagonistas». Pola súa parte, o cineasta Quentin Tarantino, membro do xurado da edición 2008 do Festival de Sundance, dixo do filme: «Un dos thrillers máis inquietantes que teño visto: desde a primeira media hora até o derradeiro fotograma estiven co corazón encollido».
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario