06/04/10

Programación de abril

Esta é a nota de prensa enviada hoxe aos medios (se queres recibir información sobre as actividades do Cineclube, únete ao grupo de correo en http://groups.google.es/group/cineclubepf ou a través de Facebook)

A PROGRAMACIÓN DE ABRIL ÁBRESE
COA PROXECCIÓN DE DÚAS PRODUCIÓNS GALEGAS
O CINECLUBE EXHIBIRÁ TAMÉN
DOUS FILMES EN COLABORACIÓN COA MITEU

Mañá, mércores 7 de abril, o Cineclube Padre Feijoo proxectará, no Auditorio Municipal de Ourense, os filmes galegos Nouturnio de Celanova e Señora de. As sesións serán ás 20.30 e 23 h, e estarán enmarcadas nos actos que organiza a Academia Galega do Audiovisual como previos á sétima edición dos Premios Mestre Mateo, baixo o título de Semana do Audiovisual Galego. Contan co patrocinio da Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia. A entrada será libre e gratuíta.

Nouturnio de Celanova, de Raúl García Pérez, é unha curtametraxe baseada no poema homónimo de Curros Enríquez, e conta coa música de Luís Emilio Batallán. A fita está nomeada na categoría de Mellor curtametraxe de animación aos Premios Mestre Mateo 2009.

Pola súa parte, Señora de é un filme de Patricia Ferreira (directora de títulos como Sei quen es, El alquimista impaciente e Para que no me olvides) que está nomeado na categoría de Mellor longametraxe documental. Conta a historia de trece mulleres na España franquista, un tempo en que as súas voces, os seus desexos e os seus pensamentos foron silenciados. Para esta produción realizáronse máis de 300 entrevistas, no contexto dun labor de investigación no cal colaborou o departamento de Historia Contemporánea e América da Facultade de Historia da Universidade de Santiago.

Os días 14 e 19 de abril, proxectaranse, tamén no Auditorio Municipal de Ourense pero xa no marco da Miteu (Mostra Internacional de Teatro Universitario) dous filmes: o día 14, Màscares, documental sobre a preparación dun personaxe teatral por parte do actor Josep Maria Pou; e o 19, La vida loca, outro documental, neste caso, sobre as «maras» ou bandas marxinais do Salvador. As entradas, nestes casos, custarán, ao igual que as outras actividades da Miteu, 2 euros.



• Mércores 7 de abril de 2010 • Auditorio Municipal de Ourense, 20.30 e 23 h
Nouturnio de Celanova / Señora de
Dentro da Semana do Audiovisual Galego da Academia Galega do Audiovisual

Nouturnio de Celanova. Galicia, 2009. Cor, 7 min • Dirección: Raúl García Pérez • Produción: Raúl García Pérez (Bola Films) • Guión: Raúl García Pérez, segundo o poema de Manuel Curros Enríquez • Fotografía: Raúl García Pérez • Montaxe: Raúl García Pérez • Música: Luís Emilio Batallán • Estrea: 27/12/2009 • Versión orixinal en galego.

• Premios Mestre Mateo 2009: nomeada a Mellor curtametraxe de animación

Web oficial (galego/castelán): http://www.facebook.com/pages/Nouturnio-de-Celanova/139753133473

Un vello vese condenado a abandonar o seu lar para afrontar o «nouturnio» da súa vida.


Señora de. Galicia, 2009. Cor, 80 min • Dirección: Patricia Ferreira • Produción: Carmen I. Rábade (O Raio Verde-Medios Dixitais, Televisión de Galicia) • Guión: Patricia Ferreira, Carmen I. Rábade, María Salgueiro • Fotografía: Antón Bugallo • Montaxe: Rita Romero • Música: Arturo Kress • Estrea: 15/9/2006 • Versión orixinal en galego.

• Seminci Valladolid 2009: terceiro premio da Sección ‘Tiempo de Historia’
• Premios Mestre Mateo 2009: nomeada a Mellor longametraxe documental

Trece mulleres contan as súas vidas na España franquista, un tempo en que as súas voces, os seus desexos e os seus pensamentos foron silenciados. Para esta produción realizáronse máis de 300 entrevistas, no contexto dun labor de investigación no cal colaborou o departamento de Historia Contemporánea e América da Facultade de Historia da Universidade de Santiago e, de xeito especial, a profesora Isaura Varela.


• Mércores 14 de abril de 2010 • Auditorio Municipal de Ourense, 20.30 h (única sesión)
Màscares
Dentro do programa da Miteu

Màscares. Cataluña, 2009. Cor, 90 min • Dirección e guión: Elisabet Cabeza, Esteve Riambau • Produción: Antonio Chavarrías (Oberon Cinematográfica) • Fotografía: David Valldepérez • Montaxe: Ernest Blasi • Música: Eduardo Arbide • Intervencións: Josep Maria Pou, Calixto Bieito, Richard France, Jaume Ulled • Estrea en España: 2/10/2009. Versión orixinal en castelán e catalán.

• Festival de San Sebastián 2009: Sección oficial

Os actores, como os magos, non revelan os seus trucos. Josep Maria Pou fixo unha excepción ao permitir que unha cámara filmase o proceso de preparación dunha obra en que interpreta a Orson Welles. A acción de ‘Màscares’ transcorre entre bambalinas, un espaczo oculto á ollada do público, no cal o actor muda de pel para invocar o seu personaxe. Maxia, con truco, mais maxia á fin e ao cabo.


• Luns 19 de abril de 2010 • Auditorio Municipal de Ourense, 23 h (única sesión)
La vida loca
Dentro do programa da Miteu

La vida loca. España/Francia/México, 2008. Cor, 91 min • Dirección e guión: Christian Poveda • Produción: Luis Ángel Bellaba, Gustavo Ángel, Emilio Maillé • Fotografía: Christian Poveda • Montaxe: Mercedes Alted • Música: Sebastian Rocca • Estrea en España: 30/10/2009. Versión orixinal en español.

Web oficial (francés/inglés/español): http://www.lavidaloca-lefilm.fr/

En América Central son chamadas ‘Maras’. Creadas sobre o modelo das bandas dos Ánxeles, estes grupos de rapaces causan o terror en países como O Salvador. Abandonados polo contorno social, os adolescentes encontran nesas bandas un lugar no mundo, un sentimento de seguridade, unha comunidade que os ampara. Durante un ano enteiro, a cámara detense no cotián dunha célula dunha desas xigantescas maras, a Clica 18 da Campanera, composta por uns cincuenta adolescentes e mozos adultos, cunha media de 16-18 anos. Esa banda é unha sorte de comuna igualitaria, unha especie de confraría autoproclamada de marxinados, metade nenos da rúa, metade nenos soldados. Christian Poveda, o director, foi asasinado no Salvador o 2 de setembro de 2009.

Ningún comentario: