Filmoteca
Sesións dos mércores
Sesións maxistrais
Desde que acabamos as proxeccións a principios do mes pasado, fóronse acumulando historias, sensacións, ideas, imaxes e ás veces situacións ineludibles.
Empezamos o ano coa actualización das cotas, acordadas na última asemblea (que explicamos ao final do detalle da programación) e que vén un pouco dada polo desinterese e falta de apoios municipais e coa previsión inmutable da situación.
Convén lembrar que no Cineclube Padre Feijoo todo o traballo e esforzo que realizamos é voluntario e non renumerado. Sabemos que moitos o saben e sentímonos apoiados e reconfortados. Pero tamén atopámonos ultimamente, con posturas tanto na sala e mesmo fóra dela, reclamando ou protestando con certa esixencia diante das restricións do uso do teléfono móbil, sobre a obrigada puntualidade para non distracción e respecto ao resto dos espectadores ou mesmo... a ver cando empezamos! (sen importar que nós deberiamos ter o mesmo dereito a gozar das festas como os demais ou un pouco de respecto e consideración á nosa dedicación altruísta) incendiando ás veces un pouco, os nosos ánimos.
O que a continuación presentamos para xaneiro e febreiro, é froito do traballo escuro previo; reunión de programación, negociación coas distribuidoras, comprobación e obtención de copias, acompañado doutros mesteres circunstancialmente rutinarios, como preparar as contas (trimestrais e anuais), limpar a sala (2 veces á semana), acondicionar os equipos e proxectar os filmes, preparar carteis e pegalos, tradución e confección das follas de sala , redactar e programar este blog ou mesmo o vídeo [.mp4 • 21'8 MB] que preparamos para recordar toda a programación.
Facer unha película, sería todo moito máis complicado e é por iso que non nos imos a estender máis con está introdución, que cremos oportuna e necesaria, despois da pasada asemblea.
A continuación o detalle da programación que se estenderá ata o entroido. Atención á novidade que incorporamos este ano, aparte das sesións maxistrais do domingo, temos un día máis; os sábados pola mañá, no que iremos programando sesións maxistrais dedicadas ao público infantil e xuvenil, con acceso de balde aos socios e a posibilidade de convite a persoas non socias. En estás sesións o acceso é preferente aos/ás socios/as pero non exclusivo como nas sesións dos domingos.