Sesións extraordinarias [+]
Sesións de filmoteca
Sesións de ciclo
Sesión especial
XI Ciclo Colexio de médicos
No medio do absurdo dunha guerra non declarada (e ilegal coma todas as guerras), facemos provisións de historias cheas de humanismo que combinan o humor e o realismo, sen descoidar a protesta e a marxinalidade. O cinema pode ser unha ferramenta poderosa con habilidade para atopar beleza na precariedade da vida. A sinxeleza dalgunhas das propostas que nesta ocasión programamos son compromisos de auntenticidade, do que agardamos a vosa mirada de empatía e desprexuízo, como só é posible nunha sala de cineclube; lonxe do cine comercial afastado das dimensións humanas.
Aparte das citas do XI Ciclo do Colexio de médicos, temos ademais unha sesión dobre especial coa que colaboramos na programación cos Amigos da república e outra para conmemorar a fallida Revolución galega. Pregamos atención, ás sesións extraordinarias do xoves 9 de abril e do martes 12 de maio.
Como sempre tedes á vosa disposición as follas de sala e o avance en vídeo [.mp4 • 16'9 MB] que preparamos como recordatorio.
De seguido o detalle da programación.
Sesión extraordinaria
Quen contamina a Limia? [ Xoves 9 de abril ]
Filmoteca
«360 curvas»
360 curvas marcan a distancia que separa A Fonsagrada de Lugo. Este camiño longo, difícil e descendente entre montañas reflicte o declive dun lugar que, a comezos dos anos 90, decidiu loitar pola súa supervivencia.
Introducirán o filme, Alejandro Gándara (co director) e Manu Lucas Mariño (director de fotografía)
Premios
2026: Mestre Mateo; Mellor documental
"360 Curvas é un documental poderoso, honesto e necesario, unha desas pequenas películas que non alzan a voz a través do artificio, senón a través da memoria e a dignidade."
(José Antonio Alarcón, septimoescenario.com)
XI Ciclo Colexio de médicos
«The Hospital» Anatomía dun hospital
Brutal sátira que vira ao rededor dun Hospital de Nova York nos convulsos anos 70. Herbert Block (George C. Scott) dirixe o Centro Médico de Manhattan, Nova York, onde un paciente morreu por unha neglixencia médica, e algúns outros faleceron por misteriosas razóns. Ademais destes “contratempos”, a súa muller deixouno e os seus fillos non lle fan caso. No medio de todos estes problemas persoais, Block deberá lidar coa complicada situación do hospital, mentres manifestacións de protesta crecen fronte aos seus dispensarios por unhas estafas inmobiliarias, mostras dunha Nova York convulsionada. Entre malas praxes e estafas inmobiliarias, tanto a clínica como a propia cidade están sumidas nun profundo caos do que non parece haber saída.
Premios
1971: Oscar; Mellor guión orixinal
1972: Berlinale; Oso de prata, premio especial do xurado
“Esta sátira cínica, escrita por Paddy Chayefsky, é unha das películas máis escuras xamais rodadas, un frío lamento por unha sociedade desgarrada polas convulsións dos anos sesenta”
(Peter Travers, Rolling Stone)
+ [ INFO. do resto do ciclo ]
Sesións de ciclo
«O agente secreto»
En 1977, durante a ditadura militar brasileira, Marcelo, un profesor que foxe dun pasado turbulento, regresa fuxindo á cidade de Recife, onde espera construír unha nova vida e reencontrarse co seu fillo. Pero axiña se decata de que a cidade está lonxe de ser o refuxio que busca, que as forzas gobernamentais o perseguen e está ameazado de morte.
Premios
2025: Festival de Cannes; Mellor dirección, actor (Wagner Moura) e premio FIPRESCI
"Magnífica. Resulta vibrante (polo seu ritmo, polos seus personaxes), un thriller político moi coral no que emerxe de forma emocionante unha reflexión sobre a desmemoria do presente, e iso inclúe tamén a destrución do propio cinema"
(Elsa Fernández-Santos, El País)
Filmoteca
«À bout de souffle» Ao final da escapada
Michel Poiccard (Jean-Paul Belmondo) é un ex-figurante de cinema admirador de Bogart. Tras roubar un coche en Marsella para ir a París, mata fortuitamente un motorista da policía. Sen remorso algún polo que acaba de facer, continúa a viaxe. En París, tras roubar diñeiro a unha amiga, busca a Patricia (Jean Seberg), unha moza americana que aspira a ser escritora e vende o New York Herald Tribune nos Campos Elíseos. O que Michel ignora é que a policía está a buscalo pola morte do motorista.
Premios
1960: Berlinale; Mellor dirección
"O cinema moderno comeza aquí. Ningún debut desde 'Citizen Kane' foi tan influente"
(Roger Ebert, rogerebert.com)
Sesións de ciclo
«My Father's Shadow» A sombra do meu pai
Ao longo dun só día en Lagos e arredores, un pai e os seus fillos enfróntanse ás tensións da súa relación mentres a cidade atópase á beira dunha crise democrática. A medida que emerxen detalles da vida do pai, a distancia entre eles faise cada vez máis evidente.
Premios
2025: Festival de Cannes; mención especial Un Certain Regard
"Hai moitísima verdade e talento na realización desta preciosa película. Akinola Davies defende o valor do recordo como poucos autores fixérono este ano, cun enfoque rebosante de personalidade e madurez para unha historia que non só fala sobre a reconciliación dunha familia, senón tamén sobre un país que merece moito máis que unha desculpa"
(Antonio Marchena, cinemagavia.es)
Sesión especial
«Rocío + El caso Rocío»
O acontecido co filme Rocío, obriga á realización dunha sesión dobre, coa orde seguinte:
Rocío é un documental que aborda o fenómeno da peregrinación do Rocío, analizándoa desde diversas perspectivas históricas e antropolóxicas: a veracidade da aparición mariana, o clasismo das irmandades, a relación dos membros das mesmas coa represión exercida polos partidarios dos rebeldes en Almonte nos primeiros meses da Guerra Civil Española.
El caso Rocío documenta a historia do filme (Rocío), incautado durante a transición, pasando á historia como o primeiro filme incautado por orde xudicial en España tras a abolición da censura cinematográfica en 1977. Permanece censurada ata o día de hoxe debido a unha sentenza do Tribunal Supremo de 1984 que condenou ao seu autor por difamación contra a persoa que o filme retrataba como o cabecilla da brutal represión na vila de Almonte, berce da romería durante o golpe de miliar de 1936.
A persecución legal da película marcou o final da carreira do director, que se exiliou por si mesmo a Portugal, onde viviu ata a súa morte en 2011.
"Os dous filmes levan necesariamente a reflexionar, entre outros temas, sobre a construción das tradicións, a censura cinematográfica, o papel das mulleres nos ritos festivos e o que significou a transición respecto a dereitos civís como a liberdade de expresión ou a memoria democrática."
(traficantes.net)
Filmoteca
«Smog en tu corazón»
O sensentido máximo da vida mesma xoga cos sentimentos do dono e os empregados dun complexo de tenis, nun melodrama anárquico fóra de toda norma, mesmo ortográfica
Premios
2022: BAFICI; Mellor actuación colectiva - competencia arxentina
"A proposta de Lucía Seles é orixinal, fresca e sincera. Abórdase á comedia sen moitos recursos pero cun afecto palpable polos personaxes."
(Iván Garcia, Galigari.com.ar)
Sesións de ciclo
«Den Sidste Viking» O último viquingo
Anker sae de prisión tras cumprir unha condena de quince anos por roubo. O diñeiro do atraco foi enterrado polo seu irmán Manfred. Só el sabe onde está. Por desgraza, desde entón Manfred desenvolveu un trastorno mental que lle fixo esquecelo todo e lévalle a crer que é un dos integrantes dos Beatles. Xuntos, os irmáns emprenden unha viaxe inesperada para atopar o diñeiro e descubrir quen son en realidade.
"Unha obra grandiosa de cine danés de autor, estrañamente escura e á vez alegremente humanista"
(Jan Lumholdt, Cineuropa.org)
Filmoteca
«Historias del buen valle»
Na paisaxe indefinida dun barrio periférico, entre o mundo rural e o urbano, coexisten as casas erguidas polos primeiros migrantes que chegaron de toda España tras a posguerra... e os novos bloques e vivendas da cidade dormitorio onde se concentra a nova migración. Historias del buen valle é unha suma de imaxinarios, de conflitos sociais, xeracionais e identitarios, urbanísticos e ecolóxicos, pero é tamén unha mirada repousada e humanista sobre o mundo actual.
Premios
2025: SSIFF; Premio especial do xurado e Cooperación española
"Baixo a súa aparencia sinxela (que difícil conquista é a verdadeira sinxeleza cando falamos de arte!), as imaxes que o filme nos entrega dun pequeno e reducido hábitat urbano conteñen o mundo enteiro na súa plural diversidade, na súa beleza e nas súas ameazas, no seu latexado cotián e na súa resonancia universal. Por todo iso, para quen isto firma, Historias del buen valle é a mellor película do seu director (e isto é moito dicir)"
(Carlos F. Heredero , Caimán)
XI Ciclo Colexio de médicos
«Bringing Out the Dead» Ao límite
Frank Pierce traballa como paramédico no servizo nocturno de ambulancias da cidade de Nova York. Rodeado de feridos e moribundos, Frank móvese nun mundo urbano nocturno, e está queimado polos anos que pasou tentado salvar a vida aos marxinados da sociedade. As pantasmas das persoas que non puido salvar empezan a atormentarlle. Non pode durmir polas noites e mesmo tenta que lle boten do traballo. Ao bordo da crise vital, Frank coñece a Mary, a filla dun home ao que tivo que asistir.
“"Contemplar Bringing Out the Dead —contemplar, de feito, calquera filme de Scorsese— é lembrar que o cinema pode tocarnos de forma inmediata, profundamente”
(Roger Ebert, Chicago Sun-Times)
+ [ INFO. do resto do ciclo ]
Sesións de ciclo
«左撇子女孩 / Left-Handed Girl» A rapaza zurda
Unha nai solteira e as súas dúas fillas regresan a Taipei tras varios anos vivindo no campo para abrir un posto nun rebuldeiro mercado nocturno. Cada unha ao seu xeito, terán que se adaptar a esta nova contorna para chegar a fin de mes e conseguir manter a unidade familiar. Tres xeracións de segredos familiares empezan a desvelarse despois de que o seu avó tradicional lle diga á filla menor, que é zurda, que nunca use a súa «man do diaño»
Premios
2025: SEMINCI; Espiga de ouro
2025: Festival internacional de Roma; Mellor filme
"Un bo relato familiar e femenino (…) estupenda (…) exhala un admirable aroma ao traballo de (Sean) Baker"
(Javier Ocaña, El País)
Sesión especial
«1846 Revolución galega»
En 1846, un levantamento popular foi a resposta dunha nova xeración galega ao modelo de Estado unitario imposto polos liberais que viviu un momento un momento de aceleración decisiva na década dos corenta do século XIX. Representou a impugnación do centralismo e a defensa dun novo papel da Galiza no espazo ibérico coa aposta dunha orde social máis xusta para as maiorías sociais do país. Neste sentido, este grupo protonacionalista situouse na vangarda das posicións progresistas, bebendo do seu principal referente, Antolín Faraldo, das fontes do socialismo utópico.
Sesión extraordinaria
Travelling para unha arpa [ Martes 12 de maio ]
> Media hora antes de cada sesión e ata 10 minutos antes, está dispoñible a inscripción e renovación de carnés de socios/as, con unha actualización das cotas anuais (aprobadas na pasada Asemblea do 11/01/25). En caso de asistencia con forte demanda, lembramos que os/as socios/as teñen preferencia até 15 minutos antes da sesión.
O acceso ás sesións de filmoteca dos luns é de balde para os socios/as e de 3 euros para os non asociados/as. Nas sesións dos mércores permanece invariable e indistintamente en 5 euros.
O acceso ás sesións maxistrais dos domingos é exclusivo a socios/as e de balde.
O acceso ás sesións maxistrais dos sábados; infantis e xuvenís, é de balde para os socios/as (e 2 acompañantes) e de 3 euros para os non asociados/as.
O acceso ás sesión especiais ou outras, dependerá do anunciado en cada unha delas.
Todas as proxeccións son no salón de actos da Casa da Cultura, onde estaba a Biblioteca Pública (rúa Concello 11 - Ourense). A capacidade da sala está limitada a 110 persoas por sesión.
Pregamos puntualidade.
Lembramos usen a máscara de protección dentro da sala; se vostede presenta síntomas de catarro, gripe ou COVID.
Os símbolos desta web son; VO; Versión orixinal, VOS (Versión orixinal subtitulada, en castelán VOSE, en galego VOSG), VD; versión orixinal ou dobrada cos mesmos patróns E español /G galego / CAT catalán / EUS euskera / E-Aame español americano / PT portugués.
A calificación por idades de cada filme sigue o seguinte patrón; [A] apta para todos os públicos, [+7] recomendado para maiores de 7 anos, [+12] recomendado para maiores de 12 anos, [+18] recomendado para maiores de 18 anos, e [ND] Non dispoñible ou [SC] sen clasificación no ICAA.
Cando se proxecte en resolución 4096 × 2160 px, farase constar /4K/. Cando sexa en celuloide 35 ou 16 mm, /Nº mm/ e sen constancia explícita; ésta será en VXGA (DVD,BluRay ou mp4). A diferencia entre a resolución da primeira e a última son 8 millóns de px fronte a dous millóns de px.(1,9 K).
Tamén podes consultar aquí... a política de privacidade, a programación extraordinaria na que colabora o cineclube, o blog Sala de máquinas (que da acceso tamén ás follas de sala, organigrama e transparencia), clube de cine Nós #CCPF, a web da Biblioteca pública Nós, os cineclubes de Ourense (que da acceso tamén á Federación de cineclubes de Galicia), á base de datos do ICAA ou ás base de datos de filmaffinity e IMDB.
ADVERTENZAS:
Non se permite o acceso á sala unha vez comenzada a sesión. Tampouco se permite o uso do teléfono móbil unha vez comezada a proxección * sendo motivo en caso contrario de expulsión da sala, sen dereito á reclamación. (En caso de socio/-a será proposto de expulsión da asociación).
(*) Agás para os filmes con audiodescripción, así sinalizados [ AD))) ].
----------
(*) A audiodescripción estará disponible mediante a aplicación gratuita da fundación ONCE; "AUDESCMOBILE".
(Non é preciso software o hardware adicional. O/A usuario/a tan só ten que instalar a aplicación no seu móbil, descargar a audiodescripción da película que quere ver e unha vez na sala de cine, conectar os cascos e reproducir o arquivo. A audiodescripción comenzará e se sincronizará automáticamente coa película)


Ningún comentario:
Publicar un comentario