Filmoteca CGAI
Comedias de outono
VII Ciclo Colexio de médicos
Cine de outono en Ribadavia
Sesións extraordinarias + >[Abre outra xanela]
Como mostrar e facer comprensible o sentido tráxico da grotesca realidade? Acaso a realidade en xeral é tan grotesca que nin Valle-Inclán foi quen de imaxinala?
A programación coa que rematamos o ano retrata algunha realidade en clave de comedia, sen que por iso poidamos negar o absurdo, o ridículo ou a traxedia. Mesturamos o esbozo da risada coa escuridade dos curtos días de outono, con filmes luminosos, melodías e alimentos que levar ao abeiradoiro que nos protexa dos tambores de guerra e da escuridade da vella Auria que nos desgoberna.
Enfrontamos a escuridade invernal coa sublime luz da Filmoteca de Galicia, destacando unha retrospectiva de Helke Misselwitz e as sesións fulgorosas de Charles Chaplin, Buster Keaton e Alberto Vázquez.
Por último, non esquezan as dúas ultimas citas co ciclo do Colexio de Médicos e o Ciclo de Outono en Ribadavia, no que incluímos a versión orixinal (subtitulada) de Alcarrás; o último Oso de Ouro da Berlinale.
Na canle de «You Tube» tedes o avance visual [.mp4 • 20'7 MB], que resume a programación destes dous meses e medio.
Antes do detalle da programación, lembramos que tedes á vosa disposición as follas de sala de cada proxección no seguinte enlace [Abre outra xanela].
Filmoteca CGAI
«Retrospectiva de Helke Misselwitz»
Proxéctanse nunha sesión, os seguintes traballos:
Akt fotografie Z.B. Gundula Schulze
Fotografía de espidos, p.ex. Gundula Schulze
Helke Misselwitz (Alemaña do leste - RDA, 1983) 12 min. [ND] VOSE
A fotógrafa de Alemaña do Leste Gundula Schulze explica vividamente o seu proceso creativo e fala sobre o seu desexo e preocupacións por capturar a personalidade completa das mulleres que retrata. Ela considera que os seus espidos, pousados en contornas sociais, son a antítese das fotos de espidos comúns e superficialmente eróticas. Cara á fin dos anos 70, as innovadoras fotos de Schulze sufriron a desaprobación oficial porque transmitían a soidade, a pobreza e a angustia que algúns sentían na sociedade da Alemaña do Leste. Esta conversa con Schulze, filmada en cor, está intercalada con imaxes en branco e negro de mulleres traballadoras.
35 fotos
Helke Misselwitz (Alemaña do leste - RDA, 1984-1985) 7 min. [ND] VOSE
Unha muller nada en 1949, ano en que foi fundada a República Democrática Alemá, fala sobre a súa vida baseándose en 35 imaxes do seu álbum familiar, cada unha das cales representa un ano. Este filme ía estrearse no 35º aniversario da Alemaña Oriental, pero os funcionarios rexeitárono por consideralo un retrato ostensiblemente negativo da vida familiar na RDA presentado por unha muller atípica. Un ano despois, estreouse cun título diferente.
Marx-Familie
A familia Marx
Helke Misselwitz (Alemaña do leste - RDA, 1983-1988) 6 min. [ND] VOSE
Filmada cunha vella cámara Parvo L con manivela e estratexias de montaxe radicais, esta curta é un retrato experimental e alternativo da familia de Karl Marx e as súas pobres condicións de vida durante os longos anos que viviron en Londres. Textos orixinais e persoais do filósofo e a súa muller combínanse con fotos históricas superpostas a imaxes dun edificio abandonado de Berlín Oriental. A curta foi producida para celebrar o centenario de Marx en 1983, mais aos funcionarios do goberno non lles pareceu digna abondo. Só se estreou cinco anos despois.
Wer fürchtet sich vorm schwarzen Mann
Quen lle ten medo ao home do saco
Helke Misselwitz (Alemaña do leste - RDA, 1989) 52 min. [ND] VOSE
Un achegamento a unha pequena compañía privada que distribúe carbón para fogares no distrito de Prenzlauer Berg, en Berlín Leste. A enérxica muller a cargo deste negocio lévao adiante con humor e coñecemento, e os seus sete homes empregados respéctana. Desde fóra parecen tipos duros, pero cando se poñen a describir as súas vidas, as súas vulnerabilidades saen á luz. As súas discusións van desde a construción do Muro de Berlín e a posibilidade de escapar cara ao Oeste ata o abuso de menores, o suicidio, a prisión e o alcoholismo.
Helke Misselwitz rodou algunhas das súas obras máis logradas arredor da época en que naceu, a cal coincidiu coa chamada reunificación da República Democrática Alemá e a República Federal de Alemaña: a caída do muro de Berlín. Filmes como Sperrmüll, Winter Adé ou Wer fürchtet sich vorm schwarzen Mann (este último, un dos que proxectamos na sesión de retrospectiva), que documentan os derradeiros días dun país que agoniza. Son filmes que deixan constancia dun mundo que está a mudar e que poden ser descritas como viaxes por un país que xa non existe... [+ Info.: aquí ]
(Fonte: Filmoteca de Galicia_CGAI coa colaboración do Play-Doc)
Comedias de outono
«Dr. Strangelove, or How I Learned to Stop Worrying and Love the Bomb» Teléfono vermello? Voamos a Moscova
Convencido de que os comunistas están a contaminar os Estados Unidos, un xeneral ordena, nun ataque de tolemia, un ataque aéreo nuclear sorpresa contra a Unión Soviética. O seu asistente, o capitán Mandrake, tenta atopar a fórmula para evitar o bombardeo. Pola súa banda, o presidente dos Estados Unidos contacta con Moscova para convencer ao goberno soviético de que o ataque non é máis que un erro estúpido. Mentres tanto, o conselleiro do presidente, un antigo científico nazi, o doutor Strangelove, confirma a existencia da "Máquina do Xuízo Final", un dispositivo de represalia soviético capaz de acabar coa humanidade para sempre.
Premios
1964 : Premios BAFTA: Mellor Película, Película Británica e Dir. artístico
"Stanley Kubrick elaborou con habilidade e audacia unha comedia satírica aguda (...) É unha combinación moi inusual de comedia e suspense (...) Peter Sellers é excelente"
(Dave Kaufman, Variety)
Filmoteca CGAI
«Tres»
Unha deseñadora de son pasa infinidade de horas soa gravando efectos, editando e mesturando. Quen sabe se é un refuxio onde delongar as estragadas relacións que mantén coa súa exparella, coa nai anciá e cos propios compañeiros de traballo. Malia que ela non o saiba, está comezando a desincronizarse. Como se fose unha película mal sonorizada, o seu cerebro comezou a procesar o son máis tarde que as imaxes.
Contén planos rodados na Filmoteca de Galicia.
Premios
2021 : Premios Goya: Mellor Son
2021 : Premios Gaudí: Mellor Son
"Unha trama moi interesante de descubrimento persoal (...) impecable actuación de Marta Nieto (...) fabuloso Macguffin"
(Ricardo Rosado, Fotogramas)
VII Ciclo do colexio de médicos
«Mask» Máscara
Rocky é un neno que padece unha grave enfermidade que lle provocou unha terrible deformación no seu cranio, que lle dá un aspecto monstruoso. A pesar diso, é moi intelixente e cariñoso. A súa nai sobreprotectora (Cher) é unha muller cun estilo de vida moi pouco convencional, pero está decidida a garantir que o seu fillo teña as mesmas oportunidades que calquera outra persoa.
Premios
1985 : Oscars: Mellor Maquillaxe
1985 : Festival de Cannes: Mellor actriz (Cher).
"Unha película marabillosa, unha historia emocionante de afouteza e esperanza"
(Roger Ebert, Chicago Sun-Times)
Comedias de outono
«Presque» Mentes marabillosas
Louis dirixe unha funeraria. Solteiro impenitente, vive dedicado ao seu traballo. Por casualidade da vida, un día coñece a Igor, un espírito agudo nun corpo discapacitado por mor dunha parálise cerebral. Igor reparte verduras ecolóxicas mentres pasa o tempo libre lendo a Sócrates, Nietzsche e Spinoza. Xuntos emprenderán unha viaxe no coche fúnebre de Louis para transportar o cadáver da finada Madeleine ata o lugar onde vai ser enterrada. Nesta viaxe salpicada de encontros, Louis e Igor conquistarán a liberdade dende a mirada dos demais e aprenderán a amar a vida tal e como esta vén, liberándose de si mesmos.
Premios
2022 : Festival de Cine de Málaga: Premio do Público
2022: Semana do cine de Lugo: Premio do público
"Película feliz (...) luminosa"
(Federico Marín Bellón, ABC)
Comedias de outono
«Gagarine»
Yuri, de 16 anos, pasou toda a súa vida nas Torres Gagarin, un proxecto de vivendas nos arredores de París, e soña con ser astronauta. Cando se prepara a demolición das Torres, Yuri únese á resistencia. Cos seus amigos Diana e Houssam embárcase nunha misión para salvar a súa casa.
Premios
2020 : Festival de Cine de Sevilla: Mellor actor (Alseni Bathily)
"Unha fábula imaxinativa que mestura o elemento social coa ciencia ficción dun xeito inusual"
(Beatriz Martínez, El Periódico)
Cine de outono en Ribadavia
«Il buco»
En agosto de 1961, os espeleólogos do florecente norte de Italia chegan a unha meseta de Calabria onde o tempo parece deterse. Os intrusos descobren unha das covas máis profundas do mundo, o Abismo de Bifurto, baixo a ollada dun vello pastor, única testemuña do territorio virxe.
Gañadora do Premio Especial do Xurado en Venecia, Il Buco é unha viaxe a unha Calabria edénica, allea aos ruídos do mundo moderno. Un filme de imaxes cristalinas que nos limpa a mirada para que sintamos como eses exploradores das profundidades que descobren por primeira vez o interior do mundo.
Filmoteca CGAI
«Memoria»
Jessica (Tilda Swinton), unha botánica británica que vive en Colombia, é espertada unha noite por un son doutro mundo. A protagonista emprende unha viaxe ao corazón da selva na procura da orixe dese ruído que só ela parece escoitar.
Premios
2021 : Festival de Cannes: Premio do xurado (ex aequo)
"É unha película moi recomendable para quen sabe a que se enfronta e se sente quen de sufrilo e gozalo"
(Oti Rodríguez Marchante, ABC)
Comedias de outono
«Ali & Ava» Ali e Ava
Por diferentes motivos, Ali e Ava séntense sós. Coñécense a través de Sofía, a filla dos inquilinos eslovacos de Ali que Ava coida. A partir de aí e durante un mes lunar, unha profunda conexión comeza a crecer entre eles, a pesar das secuelas da anterior relación de Ava e da confusión emocional de Ali; e todo isto alimentado pola paixón de ambos pola música.
"Un romance con faísca (...) liderado por dúas actuacións simpáticas e conmovedoras"
(Phil de Semlyen, Time Out)
Cine de outono en Ribadavia
«Fire of love»
Katia era xeoquímica e Maurice xeólogo. O Etna e o Stromboli, os seus referentes. Xuntos compartiron unha vida apaixonante, un amor volcánico e rebuldeiro vivido ao límite.
Nos anos 70 iniciaron unha procura conxunta que duraría dúas décadas e os levaría a viaxar por todo o mundo para estudar a erupción dos volcáns. O excepcional material de arquivo descóbrenos unha épica historia de amor entre dous exploradores que entregaron a súa vida ao estudo pioneiro dos volcáns.
“As gravacións máis espectacules de volcáns xamais filmadas dan forza a este documental sobre dous vulcanólogos. Emotivo e abraiante”
(Owen Gleiberman, Variety)
Filmoteca CGAI
«Sesión de curtas de Charles Chaplin»
Proxéctanse nunha sesión, as seguintes curtametraxes:
Shoulder Arms
Armas ao ombro
Charles Chaplin (EUA, 1918) 36 min. [ND] VOSE
Primeira película de Charles Chaplin, estreada dúas semanas despois do armisticio que puxo fin á I Guerra Mundial.
Unha orixinal e audaz sátira onde o personaxe de Charlot, nun contexto bélico, fai das súas. É o soldado número 13 do exército estadounidense na propia I Guerra Mundial, pero está convencido de que, por diferentes razóns, mesmo supersticións, vai morrer.
A Dog's Life
Vida de can
Charles Chaplin (EUA, 1918) 40 min. [ND] VOSE
A historia emotiva, inesquecible, dun vagabundo que tenta sobrevivir como pode, procura traballo e rouba comida.
Un día atopa a Scraps, un can errante coma el que está sendo perseguido por outros. Charlot vai ao seu rescate e pasan a ser amigos inseparables.
A Day's Pleasure
Un día de esmorga
Charles Chaplin (EUA, 1919) 25 min. [ND] VOSE
Charlot, a muller e os dous fillos deciden pasar un día no seu Ford T. No camiño, ademais, fan unha pequena viaxe en bote, durante a que Charlot terá que se enfrontarse a varios problemas e imprevistos.
Comedias de outono
«Délicieux» Delicioso
Francia, 1789, pouco antes da Revolución Francesa. Coa axuda dunha muller inesperada, un chef que foi despedido polo seu xefe atopa o valor para abrir un restaurante por si mesmo.
Premios
2021 : Festival de Valladolid - Seminci: Espiga de Plata e Premio do Público
2021 : Festival de Locarno: Mellor actor (ex aequo): Escolar & Mellali, Premio Europa Cinemas Label
"Unha versión bastante fotoxénica, sedutora e fantástica de como namoramos de comer fóra (...) As actuacións son vibrantes"
(Robert Abele, Los Angeles Times))
Cine de outono en Ribadavia
«Tralas luces»
Tralas luces é a historia dunha viaxe. A viaxe de Lourdes, unha feirante que percorre na súa caravana as estradas do norte de España xunto coa súa familia e coa súa pista de coches de choque ao lombo. Hai anos, a pista era o seu gran soño. Metéronse en gastos e fundaron unha familia, pero os soños teñen vida propia. Lourdes afógase nas súas esperanzas e ninguén parece darse conta. A través de estradas, vilas e aldeas, descubriremos un mundo en perigo de extinción, unha vida itinerante, e sobre todo, unha gran historia de amor e de perda.
“Reflíctense cuestións universais capaces de interpelarnos a todos”
(Óscar López Iglesias, acuartaparede.com )
Filmoteca CGAI
«Orphée» Orfeo
Orfeo é un poeta obsesionado pola morte (a princesa) da cal namora. Un día os secuaces da Morte matan a Eurídice, a muller de Orfeo, e este decide seguila ata o Inframundo para rescatala.
"Jean Cocteau é un dos cineastas máis estraños e fascinantes que deu o cinema en toda a súa existencia. Home polifacético en canto á arte —foi pintor e escritor en varios xéneros literarios—, chegou a colaborar con xente como Erik Satie, Igor Stravinsky e Pablo Picasso. Atraído polo cine de vangarda, un vizconde fináncialle a súa primeira película — O sangue dun poeta (Le sang d’un poète, 1930)— que xunto a Orfeo (Orphée, 1950) e El testamento de ‘Orfeo’ (Le testament d’Orphée, ou ne me demandez pas pourquoi!, 1960) compoñen unha triloxía temática que navega ao redor do mito de Orfeo.
(…) A historia de amor de Orfeo supera todo os límites coñecidos. O poeta namorado da morte, a morte namorada del e, dándolle a volta á mitoloxía, ela pode mirar mais, non posuír o que mira. Un amor imposible que transcende os propios límites da vida, tras a cal existe outro mundo en que a morte é un emisario máis —impagable detalle de guión—, ao servizo dun poder maior que dita as leis no inframundo. A morte, que na película recibe o nome de princesa, está interpretada pola coruñesa María Casares —nun papel rexeitado por Greta Garbo e Marlene Dietrich, que, sen dúbida, estarían igual de sensacionais—, quen namora literalmente a cámara nunha arriscada composición (...)"
(Alberto Abuín, “Orfeo, la poesía de la muerte”, en Blog de cine)
Comedias de outono
«Ni juge, ni soumise» Nin xuíza, nin submisa
A extraordinaria e pouco convencional xuíza Anne Gruwez lévanos entre bastidores de verdadeiras investigacións criminais. Durante tres anos, o equipo satírico detrás da serie de televisión de culto 'Strip-Tease' captou o que ninguén se atrevera a filmar antes. Sen concesións e dun xeito politicamente incorrecto.
Premios
2018 : Premios César: Mellor Ddocumental
2017 : Festival de Cine de San Sebastián: Mención Especial. Sección Oficial
"Un gran momento de cine, realidade e compromiso (...) tratando os temas menos risibles (...) a súa visión da existencia e as súas tolas excentricidades fan de 'Ni juge, ni soumise' A comedia do ano (.. .) Imprescindible"
(Carlos Loureda, Fotogramas)
Cine de outono en Ribadavia
«Alcarrás»
Despois de oitenta anos cultivando a mesma terra, a familia Solé reúnese para realizar xuntos a súa última colleita.
Premios
2022 Berlinale. Oso de Ouro
“Carla Simón traduce en imaxes o que moitos cineastas neorrealistas perseguiron sen cesar: a verdade”
(Sergi Sánchez, Fotogramas)
Filmoteca CGAI
«Sherlock Jr.»
Un modesto proxeccionista estuda para ser detective. Entre tanto, a súa moza é desexada por un tipo chulo e miserable. Este prepara unha trampa para o protagonista: o roubo do reloxo do pai da moza. Unha vez caído en desgraza, na cabina de proxección vaise aclarar parte do relato, cando comezan a convivir realidade e ficción.
"Xogando con conceptos como a hipnose, o dobre, a analoxía e a dualidade, o onírico ou a metanarración, atopamos un dos filmes máis xustamente famosos de Keaton, unha regalía de enorme riqueza visual."
.
VII Ciclo do colexio de médicos
«Hedwig and The Angry Inch»
Hedwig foi sometida a unha operación de cambio de sexo que lle permitiu casar cun soldado estadounidense e acadar a liberdade ao outro lado do muro de Berlín. Con todo, a operación saíu mal e Hedwig quedou con esa “polgada enfadada” que lle dá nome á película. Nun parque de caravanas en Kansas, Hedwig decidiu formar un grupo de rock. Foi así como coñeceu a Tommy Gnosis, un mozo que foi o seu amante e protexido antes de abandonala, roubarlle as cancións e triunfar como estrela do rock. Acompañada polo seu grupo pan-eslavo, The Angry Inch, seguiu a Tommy de xira, tocando en locais medio baleiros. A través dun collage de cancións, flashbacks e imaxes animadas, Hedwig conta a historia da súa vida e trata de aproveitar a prensa amarela que se interesa por ela por ser amante do famoso cantante de rock Tommy Gnosis.
Premios
2001 : Sundance: Premio do Público e Mellor Dirección
2001 : Festival de Cine de Xixón: Mellor Actor (John Cameron Mitchell)
"A historia da viaxe emocional e a carreira decadente dunha resentida rockeira trans de Alemaña Oriental é tremendamente enxeñosa, ademais de creativa, valente e emocionante"
(Claudia Puig, USA Today)
Comedias de outono
«Dating Amber»
Os mellores amigos Eddie (O'Shea) e Amber (Petticrew) finxen ser unha parella para evitar os rumores sobre a súa orientación sexual que corren pola escola.
"Será un clásico para adolescentes (...) pola enerxía narrativa coa que disolve o groseiro e previsible na franqueza da narrativa LGBTI (...) Comedia 'maduración' e 'coming out' cun corazón e ritmo britpop."
(Daniel De Partearroyo, Cinemania)
Filmoteca CGAI
«Curtas de Alberto Vázquez»
Proxéctanse nunha sesión, as seguintes curtametraxes:
Birdboy
Alberto Vázquez e Pedro Rivero (España,2010) 12 min.
A pequena Dinki vai á escola acompañada do seu pai. Un terrible accidente industrial vai mudar para sempre a vida na illa que habitan. O destino de Dinki pende das ás do seu amigo Birdboy, un mozo paxaro marxinado na escola e que parece entregado ás súas fantasías no bosque.
Multipremiada coprodución co País Vasco que permite gozar do talento do ilustrador e debuxante coruñés Alberto Vázquez.
Decorado
Alberto Vázquez (España, 2016) 11 min.
Decorado é unha fábula irónica e existencialista sobre o sentido da vida e das nosas relacións. Un híbrido entre o conto de terror e a comedia subversiva. Trátase dun traballo de autor, que alén do argumento ou do contido existencial, contén unha aposta formal inusual e arriscada: unha das características principais é o emprego dunha estética que imita os gravados clásicos do século XIX.
A historia está protagonizada por animais, comúns na animación tradicional, mais que teñen sentimentos e problemas moi humanos, o que fai contrastar a forma e o contido e tingue o filme dun corrosivo sentido do humor.
Homeless Home
Alberto Vázquez (España,2020) 15 min.
Homeless Home está habitada por monstros e seres fantásticos: bruxas, nigromantes, orcos, pantasmas… personaxes sumidos en vidas anódinas. De fondo, un triángulo amoroso que serve de escusa para abordar o drama dos que, pola crise económica, vense na obriga de regresar ao lugar onde naceron.
Con tres premios Goya, e unha cuarta nominación, no seu currículo, Alberto Vázquez é un clásico de Cans, onde gañou tres veces, tamén en 2021, o Premio do Xurado na categoría de animación.
Comedias de outono
«Hit the road»
Conta a historia dunha familia cariñosa pero caótica, que se atopa nunha viaxe por paisaxes escarpadas onde se preocupan por un can enfermo e e se anoxan os uns aos outros. O único tranquilo é o misterioso irmán maior.
Premios
2021 : Festival de Mar del Plata: Mellor Película
"Panah Panahi comeza a película como unha delirante comedia de costumes, só para convertela nunha fermosa fábula sobre a perda, os cambios de vida e o malestar do seu país. (...) Unha auténtica sorpresa"
(Ángel Quintana, Caimán)
O cine de outono, (X Miradas etnográficas) é no Museo etnolóxico de Ribadavia (Rúa Santiago, 16 - Ribadavia). A capacidade do local é de 25 persoas por sesión (única).
Pregamos puntualidade.
Dada a situación actual e época do ano, recomendamos o uso de máscara de protección dentro da sala para así previr o contaxio de catarros ou COVID.
Os símbolos desta web son; VO; Versión orixinal, VOS (Versión orixinal subtitulada, en castelán VOSE, en galego VOSG), VD; versión orixinal ou dobrada cos mesmos patróns E español /G galego / CAT catalán / EUS euskera / E-Aame español americano / PT portugués.
A calificación por idades de cada filme sigue o seguinte patrón; [A] apta para todos os públicos, [+7] recomendado para maiores de 7 anos, [+12] recomendado para maiores de 12 anos, [+18] recomendado para maiores de 18 anos, e [ND] Non dispoñible ou [SC] sen clasificación no ICAA.
Tamén podes consultar aquí... a programación extraordinaria na que colabora o cineclube, o blog Sala de máquinas (que da acceso tamén ás follas de sala, organigrama e transparencia), clube de cine Nós #CCPF, a web da Biblioteca pública Nós, os cineclubes de Ourense (que da acceso tamén á Federación de cineclubes de Galicia), á base de datos do ICAA ou ás base de datos de filmaffinity e IMDB.
ADVERTENZAS:
Non se permite o acceso á sala unha vez comenzada a sesión. Tampouco se permite o uso do teléfono móbil unha vez comezada a proxección * sendo motivo en caso contrario de expulsión da sala, sen dereito á reclamación. (En caso de socio/-a será proposto de expulsión da asociación).
(*) Agás para os filmes con audiodescripción, así sinalizados [ AD))) ].
----------
(*) A audiodescripción estará disponible mediante a aplicación gratuita da fundación ONCE; "AUDESCMOBILE".
(Non é preciso software o hardware adicional. O/A usuario/a tan só ten que instalar a aplicación no seu móbil, descargar a audiodescripción da película que quere ver e unha vez na sala de cine, conectar os cascos e reproducir o arquivo. A audiodescripción comenzará e se sincronizará automáticamente coa película)
Ningún comentario:
Publicar un comentario