No lonxano 2286 o señor Spock será o responsable de rescatar planeta das perturbacións que o alteran. A clave para estabilizalo será o canto das baleas, unha especie extinta séculos atrás. Para iso, embarcará na nave intergaláctica Enterprise rumbo ao San Francisco do ano 1986 cunha misión: salvar a terra.
A cuarta entrega Star Trek, dirixida polo propio Leonard Nimoy -o actor tras o entrañable Spock- en 1986, xa alertaba sobre os perigos que axexaban ao planeta. Estes foron en aumento a tal punto que, hoxe en día, os gobernos de medio mundo inclúen entre os seus programas "protocolos", "plans de acción" "alianzas estratéxicas" e outro tipo de analoxías para preservar os recursos da terra perante o irreversible cambio climático.
As voces da ciencia, da filosofía ou da socioloxía moderna urxen un cambio no pacto social. Avanzar cara a sociedades más xustas que garantan un reparto equitativo dos recursos. O cine, porén, só pode falar a través das imaxes en movemento. E iso é o que nos ofrece este ciclo de películas, que se celebra por décimo outono no Museo Etnolóxico de Ribadavia: catro 'miradas' sobre o noso planeta, a nosa relación con el e a que mantemos con nós mesmos.
Como será a vida en 2286? O certo é que en 2022 andamos enleados en guerras, que só fan ilustrar o noso fracaso.
Encomendémonos á misión do señor Spock.
«Il buco»

En agosto de 1961, os espeleólogos do florecente norte de Italia chegan a unha meseta de Calabria onde o tempo parece deterse. Os intrusos descobren unha das covas máis profundas do mundo, o Abismo de Bifurto, baixo a ollada dun vello pastor, única testemuña do territorio virxe.
Gañadora do Premio Especial do Xurado en Venecia, Il Buco é unha viaxe a unha Calabria edénica, allea aos ruídos do mundo moderno. Un filme de imaxes cristalinas que nos limpa a mirada para que sintamos como eses exploradores das profundidades que descobren por primeira vez o interior do mundo.
«Fire of love»

Katia era xeoquímica e Maurice xeólogo. O Etna e o Stromboli, os seus referentes. Xuntos compartiron unha vida apaixonante, un amor volcánico e rebuldeiro vivido ao límite.
Nos anos 70 iniciaron unha procura conxunta que duraría dúas décadas e os levaría a viaxar por todo o mundo para estudar a erupción dos volcáns. O excepcional material de arquivo descóbrenos unha épica historia de amor entre dous exploradores que entregaron a súa vida ao estudo pioneiro dos volcáns.
“As gravacións máis espectacules de volcáns xamais filmadas dan forza a este documental sobre dous vulcanólogos. Emotivo e abraiante”
(Owen Gleiberman, Variety)
«Tralas luces»

Tralas luces é a historia dunha viaxe. A viaxe de Lourdes, unha feirante que percorre na súa caravana as estradas do norte de España xunto coa súa familia e coa súa pista de coches de choque ao lombo. Hai anos, a pista era o seu gran soño. Metéronse en gastos e fundaron unha familia, pero os soños teñen vida propia. Lourdes afógase nas súas esperanzas e ninguén parece darse conta. A través de estradas, vilas e aldeas, descubriremos un mundo en perigo de extinción, unha vida itinerante, e sobre todo, unha gran historia de amor e de perda.
“Reflíctense cuestións universais capaces de interpelarnos a todos”
(Óscar López Iglesias, acuartaparede.com )
«Alcarrás»

Despois de oitenta anos cultivando a mesma terra, a familia Solé reúnese para realizar xuntos a súa última colleita.
Premios
2022 Berlinale. Oso de Ouro
“Carla Simón traduce en imaxes o que moitos cineastas neorrealistas perseguiron sen cesar: a verdade”
(Sergi Sánchez, Fotogramas)
Todas as proxeccións son en VO/VOS, no Museo Etnolóxico de Ribadavia,(Rúa Santiago 10 de Rivadavia - Ourense) e teñen unha capacidade máxima para 25 persoas.
Pregamos puntualidade.
Tamén podes consultar aquí... máis información da programación do Museo etnolóxico de Ribadavia, a programación extraordinaria na que colabora o cineclube, o blog Sala de máquinas (que da acceso tamén ás follas de sala, organigrama e transparencia), clube de cine Nós #CCPF, a web da Biblioteca pública Nós, os cineclubes de Ourense (que da acceso tamén á Federación de cineclubes de Galicia), á base de datos do ICAA ou ás base de datos de filmaffinity e IMDB.
Ningún comentario:
Publicar un comentario