A crúa guerra vivida en Vietnam no século pasado foi motivo de guión e argumento para moitas cintas. Se hai un título que a todo o mundo lle vén á cabeza nese sentido, é a inesquecible «Apocalypse Now» (Francis Ford Coppola, 1979), rodada porén en Filipinas. Ademais, outras moi famosas foron «Good Morning Vietnam» (Barry Levinson, 1987), «A chaqueta metálica» (Stanley Kubrick, 1987) ou «O cazador» (Michael Cimino, 1978). Con todo, pouco máis se sabe da historia deste país, onde sempre se contaron os relatos desde os ollos occidentais e que pouco a pouco foi quen de gañarse un oco na sétima arte asiática.
Algunhas das mellores películas dos últimos anos son as seguintes, e agardamos se aventuren connosco nesta viaxe ao sueste asiático desde o patio do Museo Etnolóxico de Ribadavia.
Os filmes proxéctanse na segunda e terceira semana do mes de xullo, luns e martes, os días 4, 5, 11 e 12 de xullo do 2022 nunha única sesión, ás 22:00 h., en VOSE (acceso de balde); no patio do Museo Etnolóxico de Ribadavia
«Three Seasons» Tres estacións
Kien An é unha moza que comeza a traballar recollendo flores de loto; Woody é un neno que sobrevive vendendo tabaco na rúa; Hai é un ciclotaxista; o profesor Dao é un poeta que vive recluído tras unha dura enfermidade; Lan é unha prostituta que soña con vivir nos luxosos hoteis onde traballa; e James Hager (Harvey Keitel) é un ex marine que devece por atopar a filla que abandonou de nena en Saigón. As vidas de todos eles transcorren nun Vietnam no que contrastan a convivencia das tradicións e as influencias occidentais.
Premios
1999: SUNDANCE, Gran Premio do Xurado e do Público
"Marabilloso poema cinematográfico, tenro e elocuente"
(Stephen Holden, The New York Times)
«Mua he chieu thang dung» Pleno verán
Tres irmás novas viven e traballan xuntas. Compárteno todo. Talvez demasiado. Durante un verán, as súas relacións, a necesidade de emanciparse e os seus sentimentos máis escondidos aflorarán coincidindo co aniversario da morte da súa nai.
"Colaborando co director de fotografía Mark Le Ping-bin, que case supera o seu propio traballo estelar en "In the mood for love" de Wong Kar-Wai, Tran Anh Hung converte a exuberante e espesa vexetación de Hanoi nun dramático eixo que conspira para axudar ás persoas para ocultar os seus segredos entre si. Un pracer beber en fotograma a fotograma, Pleno verán contén as maiores profundidades de emoción do que a súa espléndida superficie parece capaz de soster."
(Stephen Holden, The New York Times)
«Müi du du xanh» O cheiro da papaia verde
Mui é unha nena que chega á cidade para traballar como criada nunha casa. A morte, anos atrás, da filla menor da familia fai que o pai se sinta culpable, e ese drama arruína a relación coa súa muller. O home, para evadirse, escapa constantemente de casa cos ingresos dunha pequena mercería que sostén a precaria economía do fogar. Ao mesmo tempo que trata de afrontar as súas obrigas de criada, Mui sofre o acoso de Tin, o fillo menor da familia.
"É unha película de gran beleza visual; vela é como ver un poema para os ollos. Toda a acción, dentro e fóra, está ambientada en Saigón no período anterior á Guerra de Vietnam"
(Roger Ebert, Rogerebert.com)
«The Third Wife» A terceira esposa
May, unha moza de 14 anos, ten problemas coas políticas familiares, a súa propia axencia e a perspectiva da maternidade cando se converte na terceira esposa dun rico terratenente no Vietnam rural do século XIX.
Premios
2018: Festival de Toronto: Mellor Película Asiática
"Un relato cheo de rotundidade, delicadeza, beleza e crueldade (...) a película é doce e dolorosa, fermosa e salvaxe. E cun retrato terminante da soidade da maternidade"
(Javier Ocaña, El País)
Os símbolos son; VO; Versión orixinal, VOS (Versión orixinal subtitulada, en castelán VOSE, en galego VOSG), VD; versión orixinal ou dobrada cos mesmos patróns E/G.
A calificación por idades de cada filme sigue o seguinte patrón; [A] apta para todos os públicos, [+7] recomendado para maiores de 7 anos, [+12] recomendado para maiores de 12 anos, [+18] recomendado para maiores de 18 anos, e [ND] Non dispoñible ou [SC] sen clasificación
ADVERTENZAS: Como sempre no cine ao aire libre, a programación pode verse condicionada polas circunstancias meteorolóxicas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario