A Rus de Kiev, unha federación de tribos eslavas orientais, converteuse no Estado máis grande e poderoso de Europa dos séculos IX a XI. Ese territorio foi pasando a mans de diferentes potencias invasoras: primeiro foron os mongoles, despois austrohúngaros, otománs, os tsares rusos, até que no 1917 se converte nunha das Repúblicas fundadoras da URSS.
Desde 1991 Ucraína é un país independente. Prové de cereal a medio mundo, malia que a xente non goza da prosperidade económica prometida. O ucraíno e o ruso conviven como linguas de uso cotiá. Politicamente, sofre a inestabilidade dos seus gobernos: un dos seus presidentes sufriu un intento de envelenamento, producíronse manifestacións e algaradas de índole europeísta e nacionalista -o Euromaidán-, e o seu actual dirixente, Volodímir Zelenski, saltou á fama a través dunha serie de televisión na que encarnaba o mesmo presidente do país. Pero se hai un rasgo definitorio na condición ucraína, e a súa “condenada” posición xeopolítica estratéxica, entre os cantos de serea das potencias occidentais -a UE, a OTAN- e os da veciña Rusia.
Esta encrucillada é un reflexo da súa produción cinematográfica, que se caracterizou a miúdo por un debate sobre a súa identidade propia e sobre o nivel de influencia rusa e europea. Entre os seus grandes cineastas cómpre salientar os nomes de Kira Murátova -directora, guionista e actriz-, Aleksandr Dovzhenko -pioneiro da teoría da montaxe-, Dziga Vértov -autor, entre outros, de O home da cámara e do primeiro documental ucraíno sonoro: Entusiasmo. Sinfonía do Donbass- ou Serguéi Paradzhánov -cuxo cinema poético se afastou dos dogmas do realismo socialista-.
Coa lembranza das cruentas imaxes de Eisenstein na escalinata de Odesa -O acoirazado Potemkin, 1925-, as Marxes Fílmicas 2023 poñen o foco na Ucraína contemporánea, a que vive o drama da guerra: máis de 60.000 persoas mortas e outras tantas feridas, así como 17 millóns de persoas obrigadas a desprazarse lonxe das súas casas. Catro noites de cine ao abeiro do patio do Museo Etnolóxico para reflexionar, coa colaboración do Instituto Francés, a través de diferentes xéneros fílmicos -documental, drama, comedia, musical- sobre as consecuencias da política internacional e da violencia sobre a poboación civil ucraína.
Enfocamos a vida da Ucrania recente desde varias perpectivas e experiencias para reflexionar sobre as consecuencias da política internacional e da violencia que afecta á poboación causada pola guerra.
Co acollemento organizativo e hospitalario do Museo etnoloxóxico, proxectaremos desta vez na cuarta e quinta semana do mes de xuño, luns e martes, os días 19, 21, 26 e 28 de xuño do 2023 nunha única sesión, ás 22:00 h., en VOSE (acceso de balde); no patio do Museo Etnolóxico de Ribadavia
«Terykony» Moreas de ósos
Nastya tiña dez anos cando un mísil disparado por terroristas rusos na noitevella cambiou a súa vida para sempre.Levou a vida do seu pai e destruíu a súa casa. A escola de Nastya está a 500 metros da liña da fronte. A guerra converteuse en algo habitual.
Senya ten sete anos. Está en primeiro grao. Nos seus sete anos de vida, viu sete anos de guerra e nin un só día de paz. A Senya gústalle subirse á chea de ósos para ver a posta de sol. O seu padrasto cava tumbas para gañar diñeiro para un traxe novo e unha mochila para Senya.
"Probablemente a característica máis forte da película é que é á vez tópica e atemporal, específica e universal. Foi rodado no leste de Ucraína, parte da cal xa fora destruída antes da reanudación da violencia...pero as imaxes son eternamente relevantes: conflúen de forma alarmante coas novas actuais dos medios da guerra, mentres que, ao mesmo tempo, a desolación que representan podería aplicarse. a calquera guerra do mundo. Os autores non son nomeados nin sinalados; só as consecuencias e os que sofren, os máis profundamente marcados entre os que pasan a ser nenos"
(Mariana Hristova, Cineuropa.org)
«Evge» Cara a Crimea
Tras a morte do seu primoxénito na fronte, o tártaro Mustafa emprende unha viaxe imposible de mil quilómetros, desde Kyiv á súa terra ancestral, Crimea, para darlle un enterro digno. No traxecto reencóntrase co amor do seu fillo menor, ao tempo que sentirá a saudade da terra perdida.
"Desta obra alegórica, filmada de forma sobria e clásica, emerxe unha beleza triste e tenra... a través da dolorosa misión de Mustafá, o desgarrador canto fúnebre"
(Bénédicte Prot, Cineuropa.org)
«Moi dumki tikhi» Os meus pensamentos son silentes
Un novo enxeñeiro de son é contratado para viaxar á montaña e gravar o piar dun paxaro en vías de extinción. Ao pouco decátase de que a súa nai decidiu acompañalo, transformando a viaxe nunha grande algarada.
"Considerada como a comedia máis divertida do cinema ucraíno, Moi dumki tikhi co título internacional "My Thoughts Are Silent" foi galardoada co Premio do Xurado polo Festival Internacional de Karlovy Vary 2019 e o Premio á mellor película pola Academia de Cinema Ucraína."
(CCPF)
«Roses. Film cabaret»
Frenética inmersión nas entrañas e o espírito da Freak Cabaret Dakh Daughters Band (que coñece a fondo a cineasta e cuxa complicidade se detecta nas súas imaxes), a cal combina nos seus espectáculos a música, o performance e a militancia política.
Pero que o título non confunda: o cabaret que practican estas guerreiras non se basea no exhibicionismo epidérmico ao que estamos afeitos dentro dos estándares máis habituais deste tipo de shows, senón que estas mozas levan a cara completamente maquillada, os instrumentos customizados e utilizan vestimentas de inspiración barroca que non explotan a súa carnalidade. O seu consiste en entreter, pero non só á entreperna, senón tamén ao corazón e, sobre todo ao cerebro, poñendo en solfa moitas cuestións sociais e políticas.
"Stetsenko acompañou durante cinco anos a esta troupe que tamén denuncia dun xeito festivo, sensible e divertido situacións que consideran terribles e actuais ,diante da policía e cos manifestantes e transmitindo ao mesmo tempo, un sentido único de loita e de respecto"
(Alfonso Rivera, Cineuropa.org)
Os símbolos son; VO; Versión orixinal, VOS (Versión orixinal subtitulada, en castelán VOSE, en galego VOSG), VD; versión orixinal ou dobrada cos mesmos patróns E/G.
A calificación por idades de cada filme sigue o seguinte patrón; [A] apta para todos os públicos, [+7] recomendado para maiores de 7 anos, [+12] recomendado para maiores de 12 anos, [+18] recomendado para maiores de 18 anos, e [ND] Non dispoñible ou [SC] sen clasificación
ADVERTENZAS: Como sempre no cine ao aire libre, a programación pode verse condicionada polas circunstancias meteorolóxicas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario