06/06/24

Cine estival en Ribadavia e Seixalvo

Marxes fílmicas filisteas 2024: Mirando a Palestina

Cine ao ar libre en Seixalvo

Sesións extraordinarias [+]


De seguido o refresco que propomos para este periodo estival, con programación en catro días de xuño, e dous en agosto e setembro.

Comezamos coa décimo terceira edición das Marxes fílmicas filisteas. Miramos a Palestina, cuxo territorio a historiografía o sitúa en torno ao 1200 a. C. a aparición duns pobos, denominados «pobos do mar», grazas ás fontes exipcias, que ocasionaron a crise e desaparición de diferentes culturas, imperios e reinos que existiran durante o Bronce Recente, xurdindo así novas entidades políticas como é o caso dos filisteos cuns hábitos culturais novos. A actual rexión, recibíu diferentes nomes; Os exipcios chamáronlle Canaán, os hebreos Israel, e os romanos dividírona en tetrarquías, entre as que estiveron as de Galilea e Xudea para logo darlle o nome de Palestina. Pola súa banda, os cruzados denominárona Terra Santa que dicían defender a sangue e lume...e que aínda hoxe segue a ser fonte de conflicto permanente.




«Marxes fílmicas 2024»· cartel realizado por Gael Carballo (cineclubePF)


As Marxes fílmicas 2024, son en calquera caso catro miradas a Palestina sobre a poboación e os habitantes que sofren ese conficto eterno, os luns e mércores da segunda quincena de xuño, no patio do Museo etnolóxico de Ribadavia





Marxes fílmicas filisteas



17 Xuñ. 2024
Lun.

«Omar»

· (Palestina, 2013) 98 min. Cor. Dolby dixital. AR 2,35:1 [+16] VOSE

Omar está afeito esquivar as balas dos vixiantes cando agatuña polo muro para ir ver a Nadia, o seu amor secreto. Pero na Palestina ocupada non se pode amar abertamente nin facer a guerra de fronte. Alén do muro, o mozo panadeiro chamado Omar convértese nun guerreiro da liberdade que deberá enfrontarse a dolorosas decisións de vida ou morte. Cando é capturado despois dunha acción de resistencia, empeza un letal xogo do gato e o rato coa policía militar. As sospeitas e a traizón fan perigar a relación cos seus dous amigos de infancia, Amjad e Tarek, o irmán de Nadia. Os sentimentos de Omar acaban tan divididos como Palestina. Pero é obvio que todas as súas accións están guiadas polo seu amor a Nadia.

Premios
2013: Festival de Cannes: Premio do Xurado (Sección "Un Certain Regard")

"O filme está ben ambientado e producido e resulta moi eficaz na formulación dos seus conflitos, quizais precisamente por esquematizarlos un pouco. Ademais logra unha oportuna tensión nas escenas de persecución e encarceramento, conta con potentes interpretacións por parte dos seus novos actores, e termina dunha maneira tan inesperada como lóxica"
(Ignacio Navarro, elantepenultimomohicano.com)


SESIÓN:
COTA:
  22:00h. (CUT+2) «Museo etnolóxico» de Ribadavia
  De balde, até completar a capacidade




  19 Xuñ. 2024
Mérc.

«Etz limon» Os limoeiros

· (Israel, 2008) 106 min. Cor. Dolby dixital. AR 1,85:1 [+7] VOSE

Historia de ficción que consegue erixirse nun microcosmos das diverxencias entre palestinos e xudeus, debuxando as disputas pola terra, o medo, a protección e a negativa ao desprazamento. Unha muller palestina apela nos tribunais para evitar que tallen os limoneros da súa casa; as Árbores ameazan a seguridade do seu novo veciño, o ministro de defensa israelí.

Premios
2008: BERLINALE; Premio do público

"Ao través dunha pequena anécdota, a película logra con paciencia e perseveranza esbozar e humanizar a gravidade da situación en Oriente Próximo desde a mirada de dúas mulleres fortes, atractivas e valentes"
(Laura Montero Plata, filasiete.com)

SESIÓNS:
COTA:
 22:00h. (CUT+2) «Museo etnolóxico» de Ribadavia
  De balde, até completar a capacidade





24 Xuñ. 2024
Lun.

«La strada del Samouni» A familia Samuni

· (Italia, 1993) 128 min. Cor/B&N. Dolby dixital. AR 1,78:1 [+12] VOSG

Na periferia rural da cidade de Gaza, unha pequena comunidade de agricultores, a familia Samuni, disponse a celebrar unha voda. É a primeira festa desde a última guerra. Amal, Fuad, os seus irmáns e curmáns perderon a seus pais, os seus fogares e as súas oliveiras. O barrio no que viven está a ser reconstruído. Replantan as árbores e aran os campos, pero unha tarefa aínda máis difícil recae sobre estes mozos superviventes: reconstruír a súa propia memoria. A través dos seus recordos, A familia Samuni traza un profundo retrato dunha familia antes, durante e despois dos tráxicos sucesos que mudaron as súas vidas para sempre.

Premios
2019: Festival de Cannes; Mellor documental

"Un documental cheo de esperanza"
(Camillo de Marco, Cineuropa)


SESIÓN:
COTA:
  22:00h. (CUT+2) «Museo etnolóxico» de Ribadavia
  De balde, até completar a capacidade




  26 Xuñ. 2024
Mérc.

«Private» Domicilio privado

· (Italia, 2004) 90 min. Cor. Dolby Sr. AR: 1,85:1 [+12] VOSE

Mohamed é profesor de literatura nun dos institutos máis progresistas de Palestina. Vive nunha aldeíña coa súa esposa e os seus cinco fillos. A súa casa está illada de todo e situada a medio camiño entre un pobo palestino e un asentamento xudeu. A casa non tarda en converterse nun punto estratéxico e o exército israelí decide invadila.
O filme baséase en feitos reais, dos que o director foi testemuña.

Premios
2005: SEMINCI; Espiga de prata

"Domicilio privado como todo bo conto, suxire o xusto e sabe calar a tempo. O seu maior acerto, con todo, reside en mostrar de forma clara que o camiño da paz pasa inexorablemente por un exercicio de coñecemento entre invasores e invadidos"
(José Miguel Campos, filasiete.com)

SESIÓNS:
COTA:
 22:00h. (CUT+2) «Museo etnolóxico» de Ribadavia
  De balde, até completar a capacidade





Cine ao ar libre en Seixalvo



Despois dunhas semanas de descanso e dado que a política municipal non mudou con respecto ás taxas municipais de ocupación pública para actividades culturais sen ánimo de lucro (*), este ano decidimos colaborar coa intensa mostra cultural (37º edición) que organiza a Asociación de veciños San Breixo de Seixalvo.

Serán dúas proxeccións ao ar libre no auditorio de Penouzos (Seixalvo) o último xoves de agosto e primeiro de setembro, con acceso de balde e cos seguintes filmes que propomos para pasar un bo rato.





  29 Ago. 2024
Xov

«Cuñados»

· (España, 2021) 89 min. Cor, RA 1.85:1 [+7] VOG

Eduardo (Miguel de Lira) e o seu cuñado Sabonis (Xosé A. Touriñán) acaban de meter a zoca nun dos seus negocios e necesitan diñeiro. Moito diñeiro. Será Sabonis quen atope a solución ao problema secuestrando a Modesto (Federico Pérez Rey), cuñado de Alicia Zamora, a empresaria que lles enganou e deixou tirados. Só hai un pequeno problema: Alicia non pensa pagar nin un euro polo seu cuñado. Con todo, é o propio Modesto quen urde un novo plan co que Eduardo e Sabonis poderán salvar a adega familiar. Estes tres cuñados téñeno todo para fracasar, pero como diría Sabonis, malo será.

"Unha divertidísima comedia que flúe con estrema naturalidade entre un permanente sorriso e algunha que outra gargallada. Un entretemento de gran nivel"
(Alberto Luchini, El Mundo)



SESIÓN:
COTA:
  22:00 h. (CEST) «Auditorio de Penouzos» de Seixalvo
 De balde





5 Set. 2024
Xov.

«+Cuñados»

· (España, 2024) 90 min. Cor. AR: 1,85:1 [+12] VOG

A familia Ribeiro está a gozar das festividades preferidas de todo bo ourensán: o Entroido. Dous anos pasaron desde a detención de Alicia Zamora e o seu socio portugués. Os cuñados abriron un posto de polbo en Ourense, unha estratexia perfecta para branquear o diñeiro obtido do botín que sacaron na primeira entrega. Entre unha cousa e outra, Modesto integrouse como un membro máis da familia: un cuñado adicional. Porén, a aparición en Ourense de Andreia Nunes, a parella do portugués detido, na procura de vinganza, complicará as cousas para os cuñados. Este novo enredo culminará cun cadáver na ponte internacional de Tui, transformando este Entroido nun baile de máscaras auténtico.

"Touriñán, De Lira e Federico Pérez Rey monopolizan a película con humor de boa lei, diálogos esmendrellantes e situacións moi divertidas"
(Jordi Batlle Caminal, Fotogramas)


SESIÓN:
COTA:
  22:00h. (CEST) «Auditorio de Penouzos» de Seixalvo
  De balde


(*)   O Cineclube Padre Feijoo é unha Asociación cultural sen ánimo de lucro, cun traballo de máis de 50 anos, xestionado de forma voluntaria e sen recibir nos últimos anos ningún tipo de axudas municipais para realizar estas proxeccións e o resto de actividades que desenvolve durante todo o ano. Por iso seguimos precisando da túa axuda e se podes botar unha man, faite socio/a.

(As cotas actuais aprobadas pola asemblea son 10 euros/ano e con posibilidade de descontos a estudantes, parados, xubilados e socios da Biblioteca pública Nós. Podes facerte socio/a antes de cada sesión na Casa da cultura)



As proxeccións das Marxes fílmicas son no patio do Museo Etnolóxico de Ribadavia (Rúa Santiago núm. 16, 32400 Ribadavia) e as de Seixalvo, no Auditorio de Penouzos (Rúa de Penouzos núm. 19, 32970 Ourense).

Pregamos puntualidade.

Os símbolos desta web son; VO; Versión orixinal, VOS (Versión orixinal subtitulada, en castelán VOSE, en galego VOSG), VD; versión orixinal ou dobrada cos mesmos patróns E español /G galego / CAT catalán / EUS euskera / E-Aame español americano / Pt portugués.

A calificación por idades de cada filme sigue o seguinte patrón; [A] apta para todos os públicos, [+7] recomendado para maiores de 7 anos, [+12] recomendado para maiores de 12 anos, [+18] recomendado para maiores de 18 anos, e [ND] Non dispoñible ou [SC] sen clasificación no ICAA.



Tamén podes consultar aquí... a programación extraordinaria na que colabora o cineclube, o blog Sala de máquinas (que da acceso tamén ás follas de sala, organigrama e transparencia), clube de cine Nós #CCPF, a web da Biblioteca pública Nós, os cineclubes de Ourense (que da acceso tamén á Federación de cineclubes de Galicia), á base de datos do ICAA ou ás base de datos de filmaffinity e IMDB.



ADVERTENZAS:
Como sempre no cine ao aire libre, a programación pode verse condicionada polas circunstancias meteorolóxicas.





Horarios CUT+2



Ningún comentario: