XI Ciclo Colexio de médicos
Cine de outono en Ribadavia
Sesións de filmoteca
Sesións de ciclo
Sesión maxistral
Sesións extraordinarias [+]
Se o cine existe, dalgún xeito máis alá da vida, constitúe un medio singularmente poderoso de imaxinar e dar forma ao máis alá: constrúe espazos, corpos, movementos e puntos de vista. Nesta ocasión preparamos un ciclo (nas sesións dos mércores) que procura revelar a extraordinaria diversidade destes imaxinarios; desde os espellos que serven como as pasaxes de Palestina, até os campos de Almería, ou a nosa propia dimensión rural ao través dos campos da China. A morte que celebramos en todos os santos, a reencarnamos con Sorrentino uns días máis tarde, rematando tamén con ela presente, ao final do ciclo, atrapada no medio dunha esmorga.
Cando comeza unha película, hai unha manifestación do pasado que revive no presente. Temos na parte da filmoteca, resurreccións, voltas ao pasado coa historia, asasinos con medo a morrer e momentos que celebran a pesar de todo a vida, co sexo, o amor e mesmo a poesía.
Completamos a programación con varias citas ineludibles: En 4K a sesión maxistral para celebrar os 50 anos da estrea de Barry Lyndon en España, Blade runner de Ridley Scott (tamén en 4K) e Freaks que pechan o ciclo do Colexio de médicos, aparte de varias sesións extraordinarias, a novidade da sesión continua co que abrimos a filmoteca (nun día distinto ao habitual) e as citas en Ribadavia e co Museo arqueolóxico en decembro (II semana de cine).
En conclusión, rematamos este ano explorando a zona entre a vida e a morte, para facer visible o xeito en que o pasado segue a atormentar o presente. En moitos destes filmes, falar da vida despois da morte tamén é imaxinar formas de reparación: un espazo onde o que quedou sen resolver pode volver, onde se reclama unha débeda, se devolve a violencia ou se restaura dalgún xeito o equilibrio.
Que a realidade, a ficción e a mutable materia da memoria, nos outorguen sensacións extraordinarias, como o avance visual [.mp4 • 18'3 MB], que resume unha parte da programación.
Antes do detalle da programación, coma sempre tedes xa a vosa disposición as follas de sala, para consulta o descargar no apartado de sala de máquinas. [Abre outra xanela].
XI Ciclo do colexio de médicos
«Blade runner »
A comezos do século XXI, a poderosa Tyrell Corporation, grazas aos avances na enxeñaría xenética, creou un robot chamado Nexus 6, un ser practicamente idéntico aos humanos pero superior en forza e axilidade, ao que se lle deu o nome de Replicante. Estes robots traballaban como escravos nas colonias terrestres fóra do planeta. Tras a sanguenta rebelión dun equipo Nexus-6, os Replicantes foron desterrados da Terra. Escuadróns especiais de policía, os Blade Runners, tiñan ordes de matar a todos aqueles que non cumpriran a sentenza. Tras un grave incidente, o ex Blade Runner Rick Deckard é chamado de volta ao servizo para atopar e "xubilar" algúns replicantes rebeldes.
Premios
1997: Festival de Sitges; Premios mellor filme e banda sonora
"Blade Runner foi recibida con total indiferenza. Só recibiu recoñecemento en categorías menores. Afortunadamente, o tempo, na súa infinita sabedoría, colocou a película onde pertence como un clásico de culto esencial. Pasarán cen anos e esta xoia permanecerá imperturbable, tan cativadora como o día en que se estreou, mentres que a música de Vangelis seguirá resoando nos nosos oídos cinéfilos"
(José Antonio Martín, elantepenultimomohicano.com)
Sesións extraordinarias
mércores 7 de outubro de 2026 (18 h)
>[+Info.]: A rebelión da lectura
Sesión continua de filmoteca
«Magalhães + La grande bouffe»
A sesión comeza co biopic sobre Fernão de Magalhães narrado en tres episodios: a súa expedición a Malaca en 1511; a súa vida en Lisboa en 1513 para financiar a apertura dunha ruta ás Indias polo Pacífico; e finalmente a mesma, a bordo das carabelas, que acabou pagando a coroa española e partiu en 1519.
Tras un breve descando de 15 minutos, continuaremos coa historia de catro homes de mediana idade e boa condición social reúnense para pasar a fin de semana nunha vila abandonada. Os obxectivos, o sexo e a degustación dunha sucesión de pratos selectos, parecen advertir sobre un hedonista suicidio en grupo.
"A fita, escrita e dirixida polo filipino Lav Díaz (Magalhães), escapa de toda aproximación triunfalista para compor un relato sen épica, de ton realista e reflexivo, como é habitual no seu cinema. Sempre interesado en abordar de xeito crítico os acontecementos políticos que teñen marcado a historia do seu país, retrotráese con Magalhães ás orixes do colonialismo occidental no sueste asiático.
No filme de Marco Ferreri (La grande bouffe), cun reparto exemplar e guión de Azcona e Ferreri, é un dos dramas extremos do director italiano onde a mestura de euforia e traxedia leva implícita a forza da sátira, con dardos envelenados contra a sociedade de consumo, e un singular cruzamento de sensacións (mesmo físicas) no espectador. O filme obtivo un notable escándalo en Cannes, onde conseguiu o Premio FIPRESCI (compartido con «La maman et la putain» de Jean Eustache), primeira pedra do éxito desta maxistral, lúcida e conmovedora parábola"
(Filmoteca de Galicia)
Cine de outono en Ribadavia
«Oficios en desaparición. 1ª parte»
Nas XIV Miradas etnográficas deste ciclo de outono no Museo etnolóxico de Ribadavia, como o ano pasado, propoñemos unha correspondencia coa exposicións actuais e eliximos varias curtametraxes de oficios en desaparición, da produtora Pyrene P.V, no que o recoñecido documentalista Eugenio Monesma leva traballando desde varios anos, con diversas temáticas.
El afilador
Eugenio Monesma (España, 2001) 8 min.Castro-Caldelas (Ourense) foi o epicentro dunha comarca que xerou moitos galegos que se dedicaron a un dos oficios nómades da nosa cultura occidental: o afiador de coitelos itinerante.
Magia rural
Eugenio Monesma (España, 2007) 7 min.Mostra antigos rituais de purificación populares da provincia de Araba para espantar os malos espíritos e as bruxas nas aldeas
Los vinateros
Eugenio Monesma (España, 1994) 17 min.Documenta a elaboración artesanal e tradicional do viño caseiro na zona de Huesca.
Los segadores
Eugenio Monesma (España, 1998) 25 min.Amosa o antigo e duro traballo da sega e a trilla nos pobos de Aragón.
Zapatos de madera
Eugenio Monesma (España, 1994) 12 min.Toñucu é un dos poucos artesáns que sigue a elaborar as tradicionais madreñas (Zocas), un tipo de calzado utilizado habitualmente para o traballo no campo
«Oficios en desaparición. 2ª parte»
Segunda parte das XIV Miradas etnográficas, coas seguintes curtas:
La molienda del trigo
Eugenio Monesma (España, 2001) 9 min.A moenda tradicional do trigo mostra o funcionamento artesanal dos antigos muíños de auga de pedra
Los carreteros
Eugenio Monesma (España, 2000) 19 min.Mostra a vida tradicional, a produción artesanal de carros de madeira e o duro traballo do transporte de mercadorías e leña con bois.
Toneles y barriles
Eugenio Monesma (España, 1996) 17 min.O documental amosa a fabricación tradicional destes recipientes de madeira para o viño.
Chubasquero de partores
Eugenio Monesma (España, 2001) 14 min.Traballo centrado nesta roupa tradicional impermeable, especialmente usado na provincia de Ourense
Sesións de filmoteca
«Un poeta»
Óscar Restrepo, o poeta do título, non foi quen de estar á altura dos seus prometedores comezos na literatura e sobrevive como pode mentres coida de súa nai. Óscar atopa un espírito afín na súa alumna Yurlady, unha adolescente a quen ve como un diamante en bruto da poesía.
Premios
2025: Festival de cannes; premio do xurado “Unha certa mirada”
2025: SSIFF; Mellor filme “Horizontes latinos”
"O resultado é palpitante, unha colaxe crúa de fragmentos de vida febril, unidos pola suor de ilusións absurdas, a saliva de discursos apaixonados e o sangue de choques contra muros; un traballo implacable dirixido ao ego danado do soñador e a aqueles que o danaron.."
(Mariana Hristova, elantepenultimomohicano.com)
Sesións de ciclo
«( فلسطين ٣٦) )» Palestine 36
En 1936, Palestina está a piques de colapsar. A resistencia árabe contra o mandato británico medra ao mesmo ritmo que a chegada de refuxiados xudeus de Europa. Abrumado, o mozo Yusuf debátese entre protexer a vida que coñece e unirse aos que arriscan todo pola liberdade do seu pobo. Non é o único cuxa lealdade será posta a proba. Khouloud, un xornalista comprometido, é testemuña de intrigas e actos de heroísmo que cambiarán o rumbo da rexión.
"Unha riqueza enorme de coñecementos e de historia"
(The Film Stage)
Cine de outono en Ribadavia
«Az prijde kocour» Un día, un gato
As décimo quinta edición das Marxes fílmicas enfíanse nesta ocasión, cunha das exposicións próximas do Museo etnolóxico de Ribadavia; “Os pregos de cordel”, que servían para transmitir romances, poesía ou sucesos tráxicos, relatados xeralmente por cegos cantores ou xograres medievais.
Eliximos dous filmes a proxectar da Nova Onda Checa (La Nová Vlna), que foi un dos movementos cinematográficos máis importantes do mundo na frutífera década dos sesenta. Dicimos comunmente checa, e non checoslovaca, porque os cineastas eslovacos foron nela minoría e porque se trata dun grupo xurdido dunha xeración que estudou a sétima arte na Escola de Cine e Televisión da Academia de Artes Escénicas de Praga (FAMU) a inicios desa década. Non é a primeira película deste movemento, xa que no 2015 proxectáramos na nocturnidade do patio do museo, o filme de Vero Chytilova (Sedmikrasky "As margaridas") e que logo posteriormente proxectamos unha versión en 4K, na sala do Cineclube en 2025.
Nunha vila de a bohemia checoslovaca (Telč) un profesor de primaria e un grupo de nenos loitan por vivir unha vida en harmonía con todo o que os rodea: o bosque, os animais, os vellos, os tolos. O ambiente xeral no pobo opónselles: adultos un pouco pusilánimes, que golpean aos seus nenos, enganan ás súas parellas, saen a cazar e rin dos outros.
Un vello mariñeiro e poeta tolo, que coida o reloxo do pobo, visítaos na clase e cóntalles a historia dun gato con lentes que, ao quitarllos, revela a verdade das persoas ao seu redor: os namorados tínguense de vermello, os infieis de amarelo, os hipócritas de violeta e os ladróns de gris. Mentres fala, os nenos debuxan a toda velocidade gatos nas súas follas brancas. Cada gato é un mundo cheo de cores e formas, cunhas posibilidades infinitamente máis grandes que os catro cores que lles tocan aos adultos.
Premios
1963: Festival de cannes; premio especial do xurado
"Unha encantadora historia que transmite á perfección a fascinación dos contos e fábulas da infancia"
(cinemaldito.com)
«Dáblova past» A trampa do demo
Un sacerdote viaxa a unha aldea para investigar os supostos vínculos dun muiñeiro co demo. Pronto descobre que hai motivos políticos e persoais detrás da acusación, pero cederá á súa vontade para o seu propio beneficio.
"Considerado o precursor da Nova Vaga checoslovaca, Vlačil, debido á súa visión poética, permanece dalgún xeito á marxe de todos os movementos imperantes."
(Elena, Rubashevska, Ukranian poetic cinema)
Luns de filmoteca
«Pillion»
O tímido Colin perde o control cando aparece Ray na súa vida, un atractivo moteiro co que comeza unha relación de dominado sexual con prácticas BDSM. Atípica, endiañada e pícara comedia cun ritmo que atrapa. Un dos grandes filmes queer de 2025, principalmente por un estilo fresco e o magnetismo que desprende Alexander Skarsgård.
"Pillion (referencia ao asento traseiro dunha moto) xoga coa incomodidade, pero nunca a expensas das personaxes. Pola contra, desprázaa cara ao espectador e invítao a enfrontarse aos límites do que consideramos correcto, aceptable ou escandaloso. Como sinala Ray nun momento dado, só porque algo nos incomode non significa que sexa prexudicial. A película consegue abordar estas distincións simultaneamente con comedia e tenrura, e é unha ollada refrescante ás vidas e relacións queer, das que temos moi poucas referencias no cine"
(Sara Cancedo, cinemaldito.com)
Sesións de ciclo
«Iván & Hadoum»
Iván namórase de Hadoum, unha nova compañeira de traballo, no invernadoiro de Almería onde ambos traballan. Porén, o seu ansiado ascenso interferirá na súa relación, obrigándoo a decidir que tipo de persoa quere ser.
"Demostra que o amor e o desexo son a forza motriz da revolución"
(eldiario.es)
Sesións de filmoteca
«(狂野时代) Kuángyě Shídài» Resurrection
Nunha sociedade futura na que a humanidade desdeñou a capacidade de soñar a cambio de vivir eternamente, uns poucos individuos con características especiais, coñecidos como ‘delirantes’, insisten en facelo, a pesar de estar perseguido pola lei. Unha dotada detective mergúllase nos soños dun destes resistentes para intentar desentrañar o misterio que os une e traer a estes rebeldes ante a xustiza.
"Orixinalísima obra de ciencia-ficción ideada polo director de culto chinés Bi Gan (Longa viaxe cara a noite, Kaili Blues) ao longo de cinco anos, nos que ergueu un monumental labirinto cinematográfico que ten como ambición reinterpretar diversos xéneros e etapas da historia do cinema, realizando unha reflexión sobre a natureza propia do medio como contedor de memoria e ilusións que supera todo mecanismo de control ideolóxico.
Dividida en cinco capítulos que se interconectan por momentos, cada un deles está dedicado a un sentido específico, de xeito que o dispositivo cinematográfico se conduce a sublimar o tacto, a vista, o oído, o olfacto e o gusto segundo corresponda. Ao tempo, xoga con soportes e formatos, iluminación, cores ou branco e negro, sonoro e silente e diversos elementos expresivos, como os seus famosos planos secuencia, para se adecuar a cada un destes espazos de forte carácter simbólico, metonímico e metalingüístico.
Guste ou non, unha desas obras magnas, totalizadoras, excéntricas e singulares que producen seísmos e xeran culto inmediato."
(Filmoteca de Galicia)
XI Ciclo do colexio de médicos
«Freaks»
Nun circo cheo de artistas deformes, lisiados e amputados, Hans, un dos ananos, herda unha fortuna. A partir dese momento, Cleopatra, unha fermosa contorsionista, intenta seducilo para facerse co seu diñeiro. Para acadar o seu obxectivo, idea un plan coa axuda de Hércules, o home forte do circo.
"Todo un clásico monstruoso"
(Ramón F. Reboiras, Cinemanía)
Sesións de ciclo
«( 生息之地 ) Sheng xi zhi di» Vivir a terra
En 1991, mentres a China experimenta profundos cambios socioeconómicos que levan a moitos a abandonar as súas aldeas rurais en busca de traballo nas cidades, Chuang, un neno de 10 anos e terceiro fillo da súa familia, debe permanecer na aldea debido a plans familiares. Nun contexto de modernización, onde a chegada da tecnoloxía transforma o seu xeito de vida tradicional, os ciclos de nacementos, mortes, matrimonios e funerais reflicten o peso perdurable da tradición e as dificultades para conciliar as responsabilidades familiares nun mundo en constante cambio.
"Cinta honesta e vigorosa, filmada con cabeza e corazón"
(Carles Verdaguer, cinemaldito.com)
Sesións de filmoteca
«I Hired a Contract Killer» Contratei un sicario
Un home gris e sen ganas de vivir contrata un asasino a soldo para que acabe coa súa vida, pois el carece de valor para facelo. Mais, inesperadamente, coñece unha muller e muda de idea: quere seguir vivindo. O problema consiste en que debe encontrar o asasino que contratou antes de que este execute a súa macabra encarga.
"É unha oda á vida, á morte, á humanidade e ao amor. Un retrato inmortalizado e perdurable dunha sociedade traballadora e resiliente que, sen ser idealizada, busca constantemente unha razón para ser mentres percorre os camiños planos da soidade."
(Santiago Fiora, tallerdecritica.com)
Sesións extraordinarias
xoves 12 de novembro de 2026 (20:30 h)
>[+Info.]: Ladrones de fuego
Sesión Maxistral
«Barry Lyndon»
Barry Lyndon, un mozo irlandés ambicioso e sen escrúpulos, vese obrigado a emigrar despois dun duelo. A partir de entón, leva unha vida errante chea de aventuras. Non obstante, o seu soño é acadar unha posición social elevada. Conségueo contraendo un matrimonio vantaxoso, que lle garante a entrada na nobreza inglesa do século XVIII.
"Nunca antes o cine estivo tan preto da pintura e ademais proxectada en 4K. A obra máis deslumbrante de Stanley Kubrick gañou catro premios Óscar, narrando o ascenso e a caída dun ambicioso aventureiro irlandés na Europa napoleónica"
(CCPF)
Sesións de filmoteca
«Materiais para unha historia do cine en Galicia. Parte 1»
Unha sección que ten como función primordial dar visibilidade ao arquivo da Filmoteca de Galicia en sesións definidas pola súa heterodoxia: curtas e longametraxes, ficcións e documentais, cine doméstico e cinema industrial, fragmentos e materiais que reconstrúen a historia do cine feito en Galicia. Na primeira de dúas partes, programamos as seguintes:
Fendetestas
Antonio F. Simón (España, 1975) 30 min.Fendetestas é un home que polas circunstancias sociais da década dos corenta se ve obrigado a facerse salteador de camiños.
O herdeiro
Miguel Gato (España, 1976) 17 min.Tras a morte dun vello o seu neto viaxa da cidade na que viven á aldea. Alí todos teiman para que quede á fronte do seu herdo.
O cadaleito
Enrique Baixeras (España, 1976) 30 min.A vinganza cruel do administrador dun pazo a uns aprendices de ladróns, pon de manifesto certos comportamentos nas relacións sociais do medio rural da Galicia de non hai moitos anos.
O pai de Migueliño
Miguel Castelo (España, 1977) 13 min.No momento de iniciar a súa viaxe á emigración europea, un mozo rememora unha pasaxe da súa nenez: a ilusión coa que agardaba a volta de seu pai das Américas.
Sesións de ciclo
«La grazia»
O mandato de Mariano De Santis como presidente de Italia está a chegar ao seu fin, o que o obriga a tomar decisións políticas e persoais angustiosas. Dividido entre dilemas morais, debe enfrontarse á súa propia conciencia e buscar consello das persoas máis próximas a el, incluída Dorotea, a súa confidente e filla.
Premios
2025: Festival de Venecia; Copa Volpi mellor actor (Toni Servillo)
"Unha esaxerada, bela e decadente reflexión sobre a morte, o amor, a espera e, está claro, a vida"
(Luis Martínez, El Mundo)
Sesións de filmoteca
«Materiais para unha historia do cine en Galicia. Parte 2»
Dentro da sección de materiais que reconstrúen a historia do cine feito en Galicia, programamos as seguintes curtametraxes:
Retorno a Tagen Ata
Eloy Lozano (España, 1974) 17 min.Unha militante dunha organización clandestina no exilio retorna para contactar coa resistencia nun país carente de liberdades.
Primeira curtametraxe rodada en Galicia en 35 mm. Con música de Pink Floyd e tomando como base a célebre narración literaria de Xosé Luis Méndez Ferrín.
El castaño
Eloy Lozano (España, 1979) 11 min.Documental didáctico sobre os castiñeiros rodado en 16 mm.
O carro e o home
Antonio Román (España, 1980) 12 min.En 1940 o cineasta ourensán Antonio Román realizaba o filme "El hombre y el carro" con guión e produción de Xaquín Lorenzo “Xocas” e montaxe de Carlos Serrano de Osma. A película é un relato lineal da vida do carro, acompasado este coa vida das persoas que o usan e que nos guían polas diferentes angueiras en que se ocupan as xentes da aldea. Un copión do filme aparecido no Museo Arqueolóxico de Ourense e conservado logo no Museo do Pobo Galego serviu para que en 1980 Eloy Lozano montase unha nova versión do documental cunha locución do propio Xocas. Esta segunda versión é O carro e o home.
Dixitalización 4K realizada a partir dos materiais en 35mm conservados na Filmoteca de Galicia.
Al-Nasr Al Tair
José Ernesto Díaz-Noriega (España, 1969) 49 min.Encarga institucional cuxos resultados finais subverten en boa medida as intencións da parte contratante, neste caso o Concello de Carballo que, co gallo da celebración dun homenaxe a un xeneral de aviación franquista, de nome Eduardo Pardo, encarga a Díaz-Noriega que remonte imaxes da cerimonia a modo de filme de propaganda. José Ernesto, armado co seu irreverente sentido do humor, non atende á sincronía entre son e imaxe, e pon en boca das autoridades locais voces en off provenientes de anuncios publicitarios ou exabruptos tirados de contexto.
Sesións de ciclo
«Le città di pianura» A última rolda en Venecia
Impulsados por un impulso repentino, dous amigos de toda a vida alteran a rutina dun mozo estudante de arquitectura que busca o seu lugar no mundo. O improbable trío embárcase nunha viaxe polas chairas venecianas que, entre excesos, reencontros e pequenas revelacións, porá a proba todas as súas certezas.
"Unha encantadora xoia sobre os sabores da vida"
(Variety)
Sesións extraordinarias
Do martes 1, ao venres 4 de decembro de 2026
>[+Info.]: II Semana de cine arqueolóxico
As sesións do cine de outono de Ribadavia son no Museo etnolóxico de Ribadavia (Rúa Santiago, 16 - Ribadavia). A capacidade do local é de 25 persoas por sesión (única).
Pregamos puntualidade.
Lembramos usen a máscara de protección dentro da sala para; se vostede presenta síntomas de catarro, gripe ou COVID.
Os símbolos desta web son; VO; Versión orixinal, VOS (Versión orixinal subtitulada, en castelán VOSE, en galego VOSG), VD; versión orixinal ou dobrada cos mesmos patróns E español /G galego / CAT catalán / EUS euskera / E-Aame español americano / PT portugués.
A calificación por idades de cada filme sigue o seguinte patrón; [A] apta para todos os públicos, [+7] recomendado para maiores de 7 anos, [+12] recomendado para maiores de 12 anos, [+18] recomendado para maiores de 18 anos, e [ND] Non dispoñible ou [SC] sen clasificación no ICAA.
Cando se proxecte en resolución 4096 × 2160 px, farase constar /4K/. Cando sexa en celuloide 35 ou 16 mm, /Nº mm/ e sen constancia explícita; ésta será en VXGA (DVD,BluRay ou mp4). A diferencia entre a resolución da primeira e a última son 8 millóns de px fronte a dous millóns de px.(1,9 K).
A continuación, pode consultar aquí... a programación extraordinaria na que colabora o cineclube, o blog Sala de máquinas (que da acceso tamén ás follas de sala, organigrama e transparencia), clube de cine Nós #CCPF, a web da Biblioteca pública Nós, os cineclubes de Ourense (que da acceso tamén á Federación de cineclubes de Galicia), á base de datos do ICAA ou ás base de datos de filmaffinity e IMDB.
ADVERTENZAS:
Non se permite o acceso á sala unha vez comenzada a sesión. Tampouco se permite o uso do teléfono móbil unha vez comezada a proxección * sendo motivo en caso contrario de expulsión da sala, sen dereito á reclamación. (En caso de socio/-a será proposto de expulsión da asociación).
----------
(*) Agás para os filmes con audiodescripción, así sinalizados [ AD))) ]. A audiodescripción estará disponible mediante a aplicación gratuita da fundación ONCE; "AUDESCMOBILE".
(Non é preciso software o hardware adicional. O/A usuario/a tan só ten que instalar a aplicación no seu móbil, descargar a audiodescripción da película que quere ver e unha vez na sala de cine, conectar os cascos e reproducir o arquivo. A audiodescripción comenzará e se sincronizará automáticamente coa película)


Ningún comentario:
Publicar un comentario